13.334.573 persoas en risco de pobreza ou exclusión social en España

0 304
O Informe “Estado de la Pobreza 2016” é unha radiografía exhaustiva da pobreza e a exclusión social en España.

EAPN-España presentou na mañá de hoxe o VI Informe “El Estado de la Pobreza. Seguimiento del indicador de pobreza y exclusión social en España 2009-2015”. Esta presentación prodúcese no marco da Semana de loita contra a pobreza e a desigualdade, que finaliza o próximo 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.

Este VI informe mostra un empeoramento xeneralizado da situación social en todo o Estado dende o ano 2009. O incremento recente de certos indicadores macroeconómicos só consegue manter a desigualdade e non se traduce nunha mellora das condicións de vida da maioría das persoas que viven en España, incumprindo os obxectivos sociais previstos na Estratexia Europa 2020.

Transcorrida xa a metade do período previsto para a súa consecución, pode afirmarse que en España a pobreza e a exclusión social aumentou considerablemente. Entre os anos 2011 e 2015, o indicador europeo AROPE (que mide o risco de pobreza ou exclusión social) mostra un incremento de 1.062.084 novas persoas.

Gráfico Evolución AROPE

A día de hoxe, 13.334.573 persoas viven en risco de pobreza e/ou exclusión social en España (28,6 % da poboación). Deste total, a situación máis grave vívena máis de 3,5 millóns en situación de pobreza severa, é dicir, por baixo do limiar do 30% da mediana da renda (333,8 euros mensuais para un fogar dunha soa persoa).

Esta situación, non so afecta a persoas desempregadas, existindo un aumento no que denominamos “traballadores pobres” cuxa taxa pasou dun 11,7% en 2013 a 14,2% en 2014 e a 14,8% en 2015.

Carlos Susías, presidente de EAPN España, destacou durante a presentación que “a situación de pobreza que vivimos a día de hoxe en España é consecuencia directa da ausencia dunha política clara de loita contra esta situación, que se traduce nun empeoramento paulatino das condicións de vida da maioría da poboación”

Pola súa banda, Graciela Malgesini, responsable de asuntos europeos e incidencia política de EAPN España, destacou o “incremento da desigualdade nos últimos anos, que nos sitúa en terceiro lugar na UE, só por detrás de Romanía e Serbia”.

Juan Carlos Llano, sociólogo autor do informe, sinalou “o factor territorial como un elemento crave para comprender a pobreza en España. Débese destacar a enorme desigualdade entre as rexións e a imperiosa necesidade de reducila.”

Neste senso, podemos destacar as diferenzas notables entre rexións como Andalucía e Ceuta coas taxas de AROPE máis elevadas (43,2 % e 41,7% respectivamente) e Navarra e País Vasco coas máis baixas (13% e 17,6% respectivamente)

AROPE por CC.AA
Os datos de pobreza extrema, análise dos limiares de pobreza autonómicos, contracción da clase media, importancia das pensións no cálculo das taxas de pobreza e a relación entre a baixada do indicador AROPE coa saída de España de poboación inmigrante son algunhas das principais novidades que recolle este informe e que debuxan un mapa pormenorizado da pobreza e exclusión en España.

No caso concreto de Galicia 702.000 persoas atopábanse en risco de pobreza e exclusión social, un 25,7% da poboación total. Desa poboación, compre destacar que unhas 132.000 persoas están en pobreza extrema e sobreviven con ingresos inferiores a 332 € mensuais.

Con motivo da celebración do Día da Erradicación da Pobreza, este luns 17 de outubro, EAPN Galicia presentará estes e outros datos, recollidos no Informe do Estado de Pobreza: O caso de Galicia, as 11:30 h na sede da Valedora do Pobo, acompañados da mesma, deputados e deputadas do novo Parlamento de Galicia e responsables políticas e das entidades da rede.

Para máis info, preme aquí para ver o Informe completo “El Estado de la Pobreza. Seguimiento del indicador de pobreza y exclusión social en España 2009-2015” ou aquí para o espazo web específico.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

CAPTCHA Image

(obrigatorio)

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Newsletter

Translation


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR