A fenda dixital afóndase: O confinamento supuxo un aumento drástico das dificultades de acceso a dereitos e servizos públicos

0 1343
Comparte!
O informe “Fenda dixital: o exercicio dos nosos dereitos en tempo de confinamento” impulsado dende EAPN Galicia conclúe que a fenda dixital tornouse nunha das barreiras tecnolóxicas e dixitais no acceso aos dereitos das persoas en pobreza e/ou exclusión durante a pandemia e o confinamento.
O 94% do persoal técnico das organizacións de acción social membro de EAPN Galicia teñen detectado un aumento nas dificultades de acceso dixital a recursos públicos na etapa de confinamento.
A universalización do acceso a internet e a alfabetización dixital da poboación máis vulnerable deben ser considerados como unha necesidade básica máis.

 

Fonte: Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia

Durante a situación de crise sanitaria e estado de alarma, a gran maioría das actividades das entidades sociais, incluíndo a atención individualizada, reformuláronse para realizarse en espazos virtuais (videoconferencias, webinars, formación online…), e o mesmo ocorreu nas Administracións Públicas.

Neste proceso hai unha dificultade engadida, que xa o era antes, pero agora se pon de máis relevancia: a fenda dixital. O acceso a dereitos e servizos, polo tanto, veuse gravemente afectado durante o confinamento, especialmente para as persoas en situación de maior vulnerabilidade.

Antes do estado de alarma os requisitos de acceso a servizos e prestacións públicas, aínda que cada vez máis dixitalizados, incluían tamén a modalidade presencial ou polo menos o apoio para a xestión de determinados trámites e axudas a través das entidades do Terceiro Sector de Acción Social, Servizos Sociais Comunitarios ou mesmo a rede social da persoa.

Esto xa non é así. O 94% do persoal técnico das organizacións de acción social membro de EAPN Galicia teñen detectado un aumento notable nas dificultades de acceso dixital a recursos públicos na etapa de confinamento, impedindo de facto a garántía de acceso a dereitos e a autonomía das persoas en situación máis vulnerable.

O acceso a internet e a ferramentas dixitais, así como competencias para o uso das mesmas tense convertido nunha necesidade básica.

É por isto que dende o Grupo de Participación de EAPN Galicia impulsouse un proceso de consulta que culmina coa presentación do informe “Fenda dixital: o exercicio dos nosos dereitos en tempo de confinamento“. Neste proceso se fixo unha análise dos problemas detectados ante o aumento da fenda dixital, e especialmente de formulación de propostas de mellora, dirixidas tanto a entidades sociais como ás institucións públicas, que permitan facilitar o acceso aos dereitos máis esenciais da poboación en situación de pobreza e exclusión.

Deste xeito, o 26 de xuño, levouse a cabo unha xornada online técnica de reflexión e formulación de propostas. Paralelamente realizouse unha consulta online coa que se quixo coñecer como está a afectar a fenda dixital ás persoas en pobreza ou exclusión a raíz da COVID-19.

Na xornada participaron persoal técnico de entidades sociais galegas, e como expertas Patricia Agrelo, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia; Jesús Arvelo, Sociólogo en EAPN Canarias; Anabel Pérez, responsable da área socioeducativa e e-inclusión da Fundación Esplai e Xosé Alberte Cea, orientador laboral no concello de Vigo.

5 estratexias para mellorar o acceso dixital e online a recursos das Administracións Públicas

O informe categoriza as 27 propostas fináis para abordar a fenda dixital en función de cinco estratexias:

⇒ Axudas económicas para o acceso a internet e ferramentas dixitais.

Destacan neste punto propostas como a universalización do acceso a internet e unha liña de subvencións a entidades para realizar formación e acompañamento no acceso ás tecnoloxías.

⇒ Formación e iniciativas de apoio á alfabetización dixital.

Deseño dun plan de inclusión e alfabetización dixital, con obxectivos claros e con plena rentabilidade e aproveitamento de recursos infrautilizados, ou plan locais de reciclaxe de dispositivos, entre outras medidas.

Dirixidas á búsqueda ou á facilitación de alternativas de acceso.

É necesario seguir mantendo a atención presencial, para asesoramento e apoio, xa que non todas as accións se poden facer en liña.

⇒ Reforzar os apoios e acompañamento a aquelas persoas con dificultades de acceso de cualquera índole.

Por exemplo, dispoñer de espacios dixitalizados públicos e de persoal de apoio que permita favorecer a transición a esta nova vía de comunicación en liña para a poboación vulnerable.

Simplificación dos trámites actuais, das ferramentas dispoñibles, etc.

É unha proposta clave mellorar a rede para evitar colapsos, simplificar as solicitudes e a petición de datos e documentación, así como promover dende as Administracións plataformas de uso fácil, seguras e gratuítas.

Para máis información, sobre os resultados da consulta online e o desenvolvemento e conclusións finais da xornada técnica, pódese consultar o documento completo aquí:

Fenda dixital: o exercicio dos dereitos en tempos de confinamento (CASTELLANO)

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies