A pandemia e o acceso á vivenda agravan a pobreza e a privación material severa en Galicia

0 104
Comparte!
O informe ‘Estado da pobreza en Galicia 2020’ revela que 694.367 persoas, o 25,7% da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE) no 2020, 38.389 máis que o ano anterior.
A feminización da pobreza agrávase trala excepción do 2019. A taxa AROPE nas mulleres sube do 24,1% ao 26,2% no 2020, mentres que a dos homes incrementouse en menos de un punto pasando do 24,5% ao 25,3%.
O aumento das persoas en Privación Material Severa explicase tanto pola gravidade do impacto do COVID-19 como polo crecemento dos gastos relacionados coa vivenda, obrigando a moitas familias a priorizalos sobre outros gastos imprevistos ou mesmo da calidade da alimentación.
A emerxencia residencial ante a ausencia en Galicia de vivendas dignas e accesibles está a impedir de facto o éxito nos procesos e medidas de inclusión social e loita contra a pobreza.

A pandemia e o acceso á vivenda agravan a pobreza e a privación material severa en Galicia. Esta é unha das conclusións do undécimo informe “O Estado da pobreza en Galicia 2021 EAPN”, feito público no marco do informe “El Estado de la Pobreza”, presentado por EAPN España co seguimento exhaustivo do indicador de risco de pobreza e exclusión social en España en base a datos oficiais da Encuesta de Condiciones de Vida 2020 (ECV) do Instituto Nacional de Estatística (INE) e Ministerio de Hacienda.

Como ocorre a nivel estatal e na maioría das comunidades autónomas, os datos deixan a Galicia con peores resultados con respecto ao 2019. A porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión (AROPE) aumentou do 24,3% ao 25,7% no 2020. 694.367 persoas, 38.389 máis que no ano anterior. Ainda así, o indicador mantense en valores inferiores aos do conxunto do estado (26,4%) segue a situar a Galicia nunha situación media entre as comunidades autónomas.

A feminización da pobreza aumenta trala excepción do 2019. A taxa AROPE nas mulleres sube do 24,1% ao 26,2% no 2020, mentres que a dos homes incrementouse en menos de un punto pasando do 24,5% ao 25,3%.

A vista dos datos, en especial os relacionados co acceso á vivenda digna e accesible, semella moi difícil poder cumprir no 2030 o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible e reducir a pobreza á metade que no 2015.

Os datos da ECV reflicten parcialmente os efectos da pandemia, pois se refiren ao 2019 no caso de taxa de pobreza e intensidade laboral, e ao último trimestre do 2020 no caso de carencia material recollendo neste caso o efecto da COVID.19.

O empeoramento da Taxa AROPE mantense en dous dos seus compoñentes: Pobreza e Carencia ou Privación Material Severa. Un dato positivo esta no número de fogares con Baixa intensidade laboral, que baixou do 11,9 no 2019 ao 8,5 no 2020 (antes da pandemia), unha baixada de 3,4 puntos moi superior á media estatal (0,9 puntos).

Pobreza

Por primeira vez dende 2009 a taxa de pobreza relativa en Galicia (22,1%, 2,1 puntos mais que no ano anterior) está por encima da estatal (21%, aumentou 0,3 dende o ano anterior). É dicir, 598.000 galegas e galegos atopábanse no 2020 por debaixo do limiar da pobreza (802€ ao mes – 9.626€/ano – para un fogar de unha persoa, ou 1.685€ ao mes – 20.215€/ano – para un fogar de dous adultos e dous menores).

A poboación galega máis vulnerable xa se atopaba nunha situación de fraxilidade en termos económicos antes do estallido da pandemia, e polo tanto, con máis dificultades para facer fronte á crise sanitaria e social. Agrávase así a tendencia negativa do ano anterior, constatando un ano mais que o escaso acceso á vivenda agravan a pobreza e a exclusión social en Galicia.

Esta fraxilidade, insistimos que anterior ao COVID, percíbese especialmente no aumento da pobreza severa. 253.000 persoas, o 9,4% da poboación, vivía con ingresos inferiores a 535€/mes nun fogar dunha persoa ou 1123€/mes no de dous adultos e dous menores). Unha porcentaxe superior ao do 2008 cando foi do 6% e a do 2019 que foi de 7,9%.

Este empeoramento percíbese tamén na análise por deciles de renda. A poboación con ingresos nos tramos máis baixos de renda (deciles 1 e 2, ingresos inferiores a 9.449€/ano por unidade de consumo) aumentou do 19,8% ao 21,1%.

Compre tamén sinalar como dato especialmente significativo, que o 52,8%, de tódalas pensións que se perciben en Galicia seguen a estar por debaixo do limiar de pobreza. 404.154 persoas maiores de 65 anos. O 22,1% están incluso por debaixo do limiar de pobreza severa. Se se consideran só as pensións de viuvez (case todas de mulleres) o 67,8% atópanse por debaixo do limiar de pobreza relativa, e o 39,2% por debaixo do de pobreza severa.

Baixa intensidade de emprego no fogar

Este indicador é o unico que mellorou notablemente no ano anterior á pandemia, baixando do 11,9% ao 8,5%, a terceira comunidade autónoma na que máis diminuiu tras Castela a Mancha e Andalucía.

Esta melloría foi superior na poboación feminina. Porén este dato contrasta co seu empeoramento no resto dos indicadores, en especial no de Privación Material Severa. Compre salientar que este indicador fala de cantas persoas atoparon un emprego pero non das condicións ou calidade do mesmo.

Privación ou Carencia Material Severa

O impacto da pandemia percíbese claramente no aumento notable das persoas con carencias materiais severas. Do 3,6% ao 5,2% no 2020. Especialmente nas mulleres donde pasa do 3,6% ao 5,7% mentres a dos homes pasa do 3,7% ao 4,6%.

A Privación Material Severa é un indicador da dificultade para afrontar determinados gastos básicos que se definen a nivel europeo e supón unha vulnerabilidade moi grave para as persoas afectadas.

Catro conceptos empeoran, en especial aqueles que supoñen satisfacer necesidades básicas. Este significativo incremento reflicte tamén o empeoramento preocupante dos efectos das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, en especial para a poboación máis vulnerable.

A situación de emerxencia residencial na que viven milleiros de familias galegas obsérvase no empeoramento dos conceptos que teñen relación tanto directa coa vivenda como de xeito indirecto.

Así, a porcentaxe de persoas que manteñen retrasos no pagamento de gastos de vivenda principal incrementouse do 5,6% ata o 8,5% e o de quenes non poden manter a vivenda cunha temperatura axeitada aumentou tamén dende o 6% ata o 9,6%.

Pero a necesidade da afrontar o encarecemento da vivenda obriga tamén a unha priorización e eleción constante entre necesidades básicas. Esto detéctase claramente en indicadores como non poder afrontar gastos imprevistos (24,4% ao 28,1%) ou non poder permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días (8,9% ao 14,9%).

Obsérvase tamén o agravamento da fenda dixital durante a pandemia, co aumento das persoas que non poden permitirse un ordenador (do 3,6% ao 5% no 2020)

Sen afrontar a emerxencia da vivenda digna é imposible a inclusión social

Todos os indicadores analizados coinciden na evidencia de que as dificultades de acceso e o elevado gasto en vivenda está a actuar como un aspirador de rendas que impide de facto o éxito nos procesos de inclusión social.

En palabras da presidenta de EAPN Galicia, Eloina Ingerto, na Comisión de Reactivación Económica e Social: “A vivenda é o primeiro! Non hai día en que nas nosas organizacións non escoiten este berro. Por iso síntome obrigada a recoñecer a nosa frustración e ata impotencia por non estar sendo capaces de transmitir coa gravidade que merece a situación de emerxencia residencial na que viven milleiros de familias galegas. É imposible unha reactivación económica e social se non se multiplica o investimento en vivenda digna e accesible

Nesta liña, coa presentación deste informe, dende EAPN Galicia, quérese facer un recoñecemento explicito do esforzo e as accións desenvolvidas dende a Consellería de Política Social para afrontar os efectos máis dramáticos da pandemia. Pero lamentablemente constatamos que tanto estas medidas como outras de eido estatal como o Ingreso Mínimo Vital, están condeadas á irrelevancia se non se aumenta de xeito decidido e urxente o orzamento propio da Xunta de Galicia e concellos para garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Asegurando a coordinación entre as administracións implicadas e coas entidades do Terceiro Sector Social especializadas en inclusión residencial.

Esta reclamación é a base principal da campaña #EmerxenciaVivenda, asumida xa por 48 organizacións sociais de toda Galicia, entre elas as catro plataformas do terceiro sector galego: EAPN, CERMI Galicia, Coordinadora Galega de ONGD e Plataforma de Organizacións de Infancia.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies