Medidas de prevención derivadas da COVID nas entidades sociais. Información Consellería Política Social

0 399
Comparte!
Difundimos as aclaracións proporcionadas pola Consellería de Política Social a EAPN Galicia, sobre a normativa vixente que rixe a actividade das entidades sociais, centros e servizos sociais, en canto ás medidas de prevención específicas como consecuencia da COVID-19.

Na Orde do 26 de xaneiro de 2021 establécense medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Varias das nosas entidades membro nos transmitiron que dita Orde non proporcionaba instrucións inequívocas sobre as medidas e protocolos polos que rexir a actividade de todo tipo de centros e entidades prestadoras de Servizos Sociais, o que podía ocasionar incertidume ou mesmo un empeoramento dos servizos prestados ou mesmo irregularidades por non cumprir coa normativa en vigor.

Dende EAPN Galicia fíxose unha solicitude á Consellería de Política Social para aclarar estas dúbidas e a quen agradecemos a súa rápida e detallada resposta. Polo interese que pode ter para todas as organizacións de acción social implicadas, reproducimos de seguido a súa resposta.


Descargar texto en PDF

En resposta á consulta recibida, e para aclarar as dúbidas que poidan xurdir nas entidades prestadoras de servizos sociais por mor da entrada en vigor da Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, indicamos o seguinte:

A Orde do 26 de xaneiro establece no primeiro apartado do DISPOÑO que “En todo o non previsto nas ditas disposicións e nesta orde, e no que sexa compatible con ambas, aplicarase o disposto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Por este motivo, e en tanto a Orde do 26 xaneiro non establece ningunha medida específica respecto de centros, servizos e establecementos sanitarios e de servizos sociais, continúa vixente o apartado 4 da Orde do 12 xuño na súa versión consolidada (isto é, tendo en conta todas as modificacións introducidas posteriormente mediante resolucións ditadas pola Conselleira de Política Social) en todos aqueles aspectos que non contradín o establecido na Orde do 26 de xaneiro.
Deste xeito, e a modo de resumo da citada normativa, indicámoslles que:

1. Continúan abertos os seguintes centros, servizos e establecementos de servizos sociais:

  • Os servizos e centros de atención á infancia, como escolas infantís 0-3, puntos de atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas.
  • As residencias de tempo libre.
  • Os espazos xoves. Cómpre destacar que nestes centros lévanse a cabo unha ampla variedade de actividades (de tempo libre, culturais, etc.) que quedan restrinxidas pola Orde do 26 de xaneiro, polo que neste momento están abertos unicamente para atención de consultas e trámites.
  • Os albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social, nestes momentos sen actividade.
  • As residencias xuvenís
  • Os servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social

2. Continúan tamén abertos coa seguinte limitación de capacidade ou ocupación:

  • Os centros de atención social continuada, ata o setenta e cinco por cento da capacidade.
  • Os comedores sociais, ata o setenta e cinco por cento da capacidade.
  • As actividades formativas e demais actuacións grupais de inclusión, ata o setenta e cinco por cento da capacidade.
  • As escolas de educación no tempo libre, reguladas no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e se actualiza a normativa vixente en materia de xuventude. Neste caso, e tras as sucesivas ordes publicadas pola Consellería de Sanidade, as ETL, por seren centros privados de ensino non regrado, considéranse englobadas desde hai meses no apartado de: 3.9. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación, onde xa se establece unha redución do 50% do aforo máximo permitido. Pode verse actualizado na páxina web.

3. Os demais centros e servizos non citados expresamente nunca deixaron de ter actividade, polo que continuarán a aplicar no seu funcionamento as normas, protocolos e acordos aprobados polas autoridades autonómicas competentes.

En concreto, e en canto aos centros de inclusión non mencionados especificamente na normativa, confírmase que continúan abertos os albergues e centros de acollida de inclusión social, así como os centros de día de inclusión social, neste último caso ata o setenta e cinco por cento da capacidade.

4. En relación cos servizos e recursos de protección á infancia e de reforma de menores infractores, infórmase así mesmo que con data 26 de xaneiro e en coherencia coas novas medidas sanitarias, remitiuse a todas as Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social para a súa difusión, a instrución xenérica de suspensión de permisos e saídas para os nenos, nenas e adolescentes en situación de acollemento familiar e residencial e para os que cumpran medidas xudiciais, coa excepción daqueles casos que, de acordo co criterio técnico, se considere preciso realizar estes contactos para non prexudicar os procesos de reintegración, vinculación ou avances terapéuticos.

Así mesmo, respecto da actividade dos Puntos de Encontro Familiar, remitíronse instrucións sobre a importancia de manter a prestación do servizo presencial para permitir os intercambios ou visitas derivadas do mandato xudicial agás nos casos nos que houbera acordo entre as partes. Deste xeito, eliminouse – en concordancia co exposto anteriormente- toda a actividade destes puntos de encontro derivada do sistema de protección.

En canto estimen oportuno, poden trasladar e darlle a difusión que consideren ás súas entidades.

Sen outro particular, reciban un cordial saúdo,
Secretaría da Conselleira de Política Social.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies