As ONG galegas demandamos sensatez, xustiza e coherencia no proceso de acollida das persoas refuxiadas en Galicia

0 611
Comparte!

EAPN Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, representantes de máis de 160 organizacións de acción social e cooperación ao desenvolvemento, facemos público este Posicionamento en relación á acollida de persoas refuxiadas en Galicia . Facémolo co obxectivo de achegar sensatez e de esixir xustiza nun momento no que hai máis incógnitas que certezas arredor do proceso de acollida. Tamén ante a diversidade de propostas que se están a facer públicas dende as distintas administracións públicas.

Pretendemos que este posicionamento poida ser de interese para as administracións, os medios de comunicación e a poboación galega. Porque temos claro que o fundamental en todo este proceso non é só a solidariedade senón que se garantan os dereitos humanos das persoas que están fuxindo da violencia, a guerra e a fame. Para iso, neste posicionamento buscamos contextualizar os feitos; expoñer as nosas demandas; e facer propostas de traballo conxunto.

Refugiados bienvenidos

Nun contexto global de desprazamento forzado sen precedentes que obrigou a máis de 60 millóns de persoas a fuxir dos seus fogares como consecuencia dos conflitos, a persecución e as violacións de dereitos humanos, os Estados e as distintas administracións deben reaccionar e dar resposta á situación das persoas refuxiadas que chegan ás nosas fronteiras.

As organizacións de cooperación ao desenvolvemento e acción social consideramos necesario destacar que a problemática das persoas refuxiadas non é nova: no Estado español hai xa centos de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta. A atención na única Oficinas de Asilo e Refuxio de Madrid, onde se tramitan as solicitudes de asilo, leva anos colapsada. Actualmente, o proceso de obtención do estatus de persoa refuxiada chega a demorarse ata 5 anos, motivo polo cal unha parte importante destas persoas acaban por regularizar a súa situación por outras vías legais como o arraigo social, o cal significa que perden todos os dereitos que establece a Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, como, por exemplo, o dereito a unha vivenda.

Por outra parte, é importante recordar que en Galicia xa hai persoas que chegaron hai meses e que se están a atopar con moitos problemas para conseguir o status de refuxiada/a e acceder aos servizos que garantan os seus dereitos. Hoxe este é o caso de persoas de Malí, Urania, dos Territorios Saharauís e mesmo de vítimas de trata de seres humanos.

Consideramos moi positiva a ola de solidariedade xurdida entre a poboación galega con respecto ás persoas refuxiadas e a vontade de querer acollelas nas súas vivendas particulares, pero desaconsellamos esta posibilidade polo serio risco de frustración que pode supor no futuro. Aínda que é factible en determinados casos como no dos menores non acompañados/as (sempre segundo estableza a normativa e os procedementos de acollida), non semella sensato seguir ofertando esta posibilidade dada a complexidade e a previsiblemente extensa duración dos procesos de acollida e integración.

As persoas refuxiadas teñen dereitos recoñecidos na Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas a cal establece que o Estado de acollida é o encargado de ofrecer unha vivenda digna que se adapte ás necesidades destas persoas. Como en calquera outro proceso de loita contra a pobreza ou a exclusión social, tras unha etapa breve de atención á emerxencia, é imprescindible traballar coas persoas a medio e longo prazo con acompañamento profesional que asegure a súa plena inclusión social e laboral. Animamos á cidadanía a que adique a súa imprescindible solidariedade a reforzar este proceso dende moitos distintos ámbitos.

O documento completo e o detalle de demandas e propostas pódese consultar aquí:

Posicionamento Refuxiados EAPN CGONGD 071015

Foto: Massimo Sestini

Foto: Massimo Sestini

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies