Gobernanza eficaz contra a desigualdade

Comentarios desactivados en Gobernanza eficaz contra a desigualdade 62
A delegación galega xa ten preparadas as súas demandas contra a pobreza e a exclusión social que presentará no XII Seminario Estatal de Participación do 12 ao 14 de setembro.

O 6 de setembro o grupo de participación de EAPN-Galicia reuniuse na Sede de EMAÚS en Vigo, para realizar un obradoiro de formación e xeración de propostas en torno á participación e á gobernanza. Entre as persoas asistentes figuraban aquelas que dende o 12 ata o 14 de setembro participarán en Las Palmas de Gran Canaria no XII Seminario Estatal de Participación organizado por EAPN Canarias e EAPN España.

Nesta xornada ofreceuse unha formación para reflexionar acerca dos diferentes ámbitos e espazos nos que podemos participar e traballamos o concepto de gobernanza, analizando os retos e oportunidades coas que se atopan as persoas en situación de pobreza e exclusión social á hora de exercer unha cidadanía activa e participativa.

A través de diferentes dinámicas de debate e votación, acadouse un acordo para priorizar entre todas as propostas que as persoas participantes realizaron en diferentes encontros tanto a nivel estatal como autonómico. O resultado sobre como podemos mellorar a calidade democrática da gobernanza é:

  • Consellos Populares de participación cidadá municipais.
  • Con ferramentas para aprender e mellorar as estratexias de diálogo coas administracións.
  • Facendo un seguimento das propostas feitas polas persoas participantes dos Seminarios de EAPN, para avaliar e medir o seu nivel de incidencia e impacto nas políticas públicas.
  • Con redes de gobernanza formadas por números elevados e heteroxéneos de actores.
  • A través de xuntanzas sistemáticas, non puntuais, que melloren as oportunidades de participación.

Deste xeito, preténdese incidir nas seguintes políticas públicas:

  • Rendas Mínimas. Decentes, áxiles e adaptadas ás necesidades das familias e persoas para permitir unha vida autónoma. Teñen que ser un dereito constitucional, compatibles con ingresos anuais de emprego transitorio e temporal, e ter requisitos máis flexibles. No caso de sancións e suspensións de renda débese informar por escrito e deixar prazo de alegacións antes de arrastrar a unha situación de maior pobreza.
  • Empregos dignos en salarios e condicións. Máis inspecións para controlar abusos e discriminacións. Todos os contratos con acceso a subsidio por desemprego. Homologar esto ao réxime das empregadas do fogar. Ademáis, débense crear cupos nas empresas para que as persoas en situación de pobreza poidan acceder ao emprego.
  • A Vivenda é o primeiro. Normativa contra a especulación que posibilite dispoñer de aquelas vivendas de bancos e do sector privado que estean desocupadas co único fin de especular con elas. Que se ofrezan como aluguer social facilitando así o aceso á vivenda.
  • Educación. Garantir o aceso igualitario á formación (espazos de apoio á diversidade, apoio a persoas adultas que queiran regresar á formación, etc.), con medidas que faciliten que a educación sexa realmente pública, gratuíta e de calidade e prohibindo a segregación por sexo, raza, etnia, discapacidade, etc. en todos os espazos educativos.
  • Xénero. Fomentar a corresponsabilidade, compartir o coidado e equiparar permisos de paternidade, evitar os roles tradicionais do home e da muller na familia, para avanzar na loita contra a cultura das violencias machistas. Sentencias xustas.
  • Eliminar a violencia administrativa chamada burocracia para que deixe de ser unha barreira de acceso aos nosos dereitos.
  • Loita eficaz contra os delitos de odio, prexuizos e aporofobia. Concienciación cidadá sobre o seu papel na mellora da situación das persoas en exclusión social.

Este Encontro Estatal pretende ofrecer oportunidades para a contribución social, pública e política da cidadanía en situación de exclusión social, a través da xeración de espazos para realizar propostas.

Centrarase nas diferentes vías de participación existentes (a social, política, cidadá e comunitaria) para chegar a coñecer qué indicacións ou recomendacións se deben seguir por parte das entidades, a administración e a comunidade para favorecer a participación a todos os niveis das personas en situación de exclusión. Para esto, traballarase dende os conceptos de Gobernanza e Bo Goberno e dende as posibilidades que se abren eo marco actual para levar a cabo o exercicio pleno dos dereitos das persoas en risco ou en situación de pobreza.

Coas maletas feitas, a delegación galega xa está preparada para presentar as nosas propostas neste Encontro Estatal, no que ademáis intervirá unha persoa membro do grupo para explicar o que é e o que debe ser a gobernanza e cales son as medidas que propoñen as persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social para garantir que, a través da participación cidadá, poidamos ter unha vida digna, libre de barreiras burocráticas e aporofobia.

Similar articles

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Newsletter

Translation


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies