A Asemblea de EAPN Galicia aproba o seu plan para o 2019

0 561
Comparte!
Na Asemblea acordouse prantexar as diferentes forzas políticas nas vindeiras eleccións municipais a preocupación das organizacións de acción social galegas pola persistencia da burocracia nos diferentes departamentos da administración autonómica, concellos e deputacións.

Tras lembrar o X aniversario da creación da Rede, a Asemblea Ordinaria de EAPN Galicia comezou coa aprobación da entrada como novo membro da Fundación Esplai. Esta organización ten como principais ámbitos de actuación o desenvolvemento asociativo e a promoción do voluntariado, a educación dixital, a elaboración de materiais de reflexión para o Terceiro Sector e o traballo en rede, a promoción do tempo libre educativo e a educación en valores.

Coa participación de representantes de 20 das organización membro da rede, aprobáronse a Memoria de Actividades do 2018 así como o Orzamento e o Plan de actuacións do 2019.

Neste ano seguirán realizándose actuacións de incidencia política coa Xunta de de Galicia (Decreto da Lei de Inclusión e da Axenda Social de Galicia, Plan de Persoas sen Fogar, convocatoria Inclusión, inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade extrema, etcétera).

No 2019 realizaranse actuacións conxuntas con EAPN España en temas como o apoio as familias monoparentais (o 83% das cales encabezadas por unha muller) ou especialmente na organización do XIII Seminario de Participación Estatal en Santiago de Compostela.

Preocupación polos requisitos burocráticos

Farase especial fincapé na elaboración de propostas que permitan avanzar substancialmente na simplificación burocrática nas distintas administracións públicas galegas, un problema que segue a dificultar notablemente a xestión das organizacións de acción social e que prexudica as persoas en risco de pobreza e exclusión social.

Esta preocupación xa se puxo de manifesto nas pasadas eleccións municipais e autonómicas, demandando aos partidos políticos e administracións medidas como: erradicar o curtopracismo da acción política, xeneralizar a planificación e actuacións a medio e longo prazo e a estabilidade orzamentaria, publicación e resolución de todas as convocatorias no primeiro cuadrimestre do ano, crear un departamento que asegure a coordinación entre as áreas con implicación en servizos sociais e emprego, transparencia e rendición de contas ou a implantación de fórmulas estables de financiamento das entidades non lucrativas do Terceiro Sector de Acción Social.

A pesares dalgúns avances, na asemblea se falou do moito camiño que queda por percorrer, tanto a nivel autonómico como municipal. Con agravamentos como a dispersión en varias convocatorias dos fondos obtidos a través da chamada “X Solidaria” na Declaración da Renda..

Coas aportacións das entidades, comezouse tamén a elaborar o documento de demandas concretas para as forzas políticas que concorran nas seguintes eleccións municipais. Este documento presentarase de inmediato aos representantes autonómicos e provinciais das diferentes forzas politicas e difundirase entres as distintas candidaturas municipais.

Pola igualdade de xénero

Tamén se traballou nun primeiro borrador do documento “Principios para a aplicación da perspectiva de Xénero en EAPN Galicia e nas súas entidades membro” para que poida ser aprobado na seguinte asemblea. Este documento foi creado polo Grupo de Xénero de EAPN Galicia coa pretensión de facer pedagoxía sobre o que é e o que implica a perspectiva de xénero e o feminismo así como o que está a ocorrer no sector respecto á igualdade entre mulleres e homes, para entrar xa con propostas de principios de actuación tanto para a Rede como para as súas entidades membro.

No 2019 seguirase avanzando na calidade e difusión do boletín externo “EnRedeSocial”. No seu primeiro ano xa supera as 265 persoas subscritas vinculadas cos servizos sociais e interesadas nas actividades e novas das entidades do Terceiro Sector Galego que loitan contra a pobreza e a exclusión social dende as súas causas e cun enfoque de dereitos.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies