O Parlamento de Galicia comprométese na loita contra a pobreza, o discurso do odio e a aporofobia

0 215
Comparte!
O Parlamento de Galicia racha de xeito rotundo coa crispación política en España e aproba por unanimidade unha Declaración Institucional comprometéndose a ‘seguir avanzando na loita contra a pobreza e contra o interesado discurso do odio e a ‘desinformación e visións distorsionadas das persoas en exclusión social’
A Declaración, promovida por EAPN Galicia, advirte que a crise social e económica pola Covid-19 está tendo impacto especialmente en persoas e familias con factores de risco engadidos, e que as medidas máis eficaces na loita contra a pobreza son as máis afastadas do asistencialismo.

 

Os grupos políticos que compoñen o Parlamento de Galicia rachan de xeito rotundo coa crispación da política española e aproban por unanimidade unha Declaración Institucional que reafirma o seu compromiso na loita contra a pobreza e a exclusión social o odio e a aporofobia. A acción foi proposta por EAPN Galicia -Rede Europea Contra a Pobreza- con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que se celebra o 17 de outubro.

A Declaración apróbase nun contexto de crise sanitaria, social e económica derivada da pandemia pola Covid-19 e senta as bases do traballo a desenvolver na nova lexislatura perante as persoas en situación de pobreza u exclusión social. De feito, recoñécese que ‘a crise sanitaria da covid-19 afectou e está a afectar de xeito significativo as persoas e familias cos ingresos máis baixos, con traballos precarios e baixa intensidade laboral e con outros factores de risco como a discapacidade, monoparentalidade, violencia machista (en especial por prostitución, trata ou explotación sexual), etnia, persoas maiores ou con dependencia, poboación rural, migrantes ou refuxiadas‘.

O texto reitera a urxencia de frear a transmisión da pobreza. En efecto, asegura que é ‘vital para o futuro demográfico de Galicia evitar a transmisión interxeracional da pobreza e que o 80% das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos‘.

Os grupos parlamentarios tampouco esquecen o aumento dos discursos de odio e desprezo ás persoas en situación de maior vulnerabilidade: racismo, xenofobia, machismo, LGTBIfobia ou aporobia (odio ás persoas en pobreza). Apuntan que ‘os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas‘.

Finalmente, a Declaración conclúe recoñecendo que ‘as persoas non son culpables da súa pobreza‘, ‘ninguén é culpable do seu sufrimento‘, ‘ningunha persoa é inútil‘, e que ‘nin a pobreza nin a exclusión social se combaten de xeito individual‘; facendo un chamamento a ‘non caer na ignorancia dos prexuízos, e de seguir avanzando na inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna’.

Nun xesto que confirma estes compromisos, o propio presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu onte as demandas elaboradas por persoas en pobreza ou exclusión social no último Encontro Galego de Participación.

 

Texto completo da Declaración Institucional

Descarga en galego

Descarga en castelán

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies