Participación cidadá, comunicación e transparencia fronte á corrupción, no IV Foro sobre Pobreza e Exclusión social

0 150

A transparencia fronte á corrupción e a implicación fronte ás políticas asistencialistas son dous dos eixos sobre os que gravita o IV Foro de Capacitación sobre pobreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado que organizan para os días 9 e 10 de outubro en Santiago de Compostela a Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), a Coordinadora Galega ONGD e o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI Galicia).

As xornadas son o evento de referencia en Galicia en canto á análise e a proposta de solucións na loita contra a pobreza e a exclusión tanto polo número de relatores (máis de corenta) como polo contido dos relatorios, as conferencias e as mesas de debate. Trátase dunha cita destinada principalmente a especialistas no sector e a persoas interesadas.

O Foro levarase a cabo na Escola Galega de Administracións Públicas, en Fontiñas (Santiago). Os seus contidos estrutúranse en torno a catro liñas básicas:

 

  • PARTICIPACIÓN CIDADÁ FRONTE Á CORRUPCIÓN. Análise da importancia da transparencia e da participación das persoas mais vulnerables nas políticas que lles afectan. Entre as conferencias programadas destaca a de Cristina Moreno Alborán, da Fundación Civio (civio.es), unha plataforma dedicada a rescatar desde o xornalismo de datos feitos e cifras relevantes para a cidadanía.

 

  • TRANSPARENCIA NA XESTIÓN DOS FONDOS ESTRUTURAIS DA UNIÓN EUROPEA, dos que proveñen boa parte dos cartos empregados pola administración e as ONGs que loitan contra a desigualdade. Nas actividades relacionadas participarán representantes da Administración e das organizacións non gobernamentais, entre eles Carlos Susías, director de programas de capacitación de EAPN España.

 

  • COMO COMUNICAR PARA A INCLUSIÓN ACTIVA, fuxindo de discursos asistencialistas, en favor do empoderamento das persoas. Intervirán xornalistas como Rosa María Calaf (TVE) ou Clara de Sáa (Radio Galega) e presentarase a Guía de estilo: Pobreza, vulnerabilidade e voluntariado, destinada a profesionais da información.

 

  • RETOS PARA UNHA RISGA EFECTIVA Análise da efectividade da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e presentación dos resultados da investigación de EAPN Galicia coa participación de 74 profesionais implicadas na mesma.

Unha “Ágora” para o intercambio rápido de propostas innovadoras

 

Dentro do programa do IV Foro de Capacitación levarase a cabo a primeira edición da Ágora do Terceiro Sector e Voluntariado, na que once organizacións sen ánimo de lucro ou empresas de economía social exporán, durante 15 minutos e ante un auditorio reducido de persoas interesadas, proxectos innovadores na loita contra a pobreza e a exclusión social. As entidades participantes disporán de 6 minutos para falar da súa idea e outros 9 para interactuar cos interesados. Exporanse propostas relacionadas co traballo social, a políticas educativas, o software libre ou o uso das novas tecnoloxías e as redes sociais na loita contra a exclusión social.

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Newsletter

Translation


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR