A Enquisa de Condicións de Vida sitúa a taxa de poboación en risco de pobreza ou exclusión (AROPE) no 25,4% no 2016, apenas tres décimas menos que no ano anterior
Aumenta a taxa de poboación en risco de pobreza en España, que se sitúa no 22,3% no 2016
A última Enquisa de Condicións de Vida 2016 (ECV) publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), amosa, tanto a nivel estatal como galego, que nin a recuperación económica nin a creación de emprego precario abondan para reducir substancialmente as taxas de pobreza ou exclusión.
O indicador europeo AROPE de risco de pobreza ou exclusión social (Estratexia Europa 2020) indica que no 2016, o 27,9% da poboación española atópabase nesta situación (28,6% no ano anterior).
En Galicia, unha de cada catro persoas se atopaban nesta situación (25,4%), cunha leve recuperación fronte ao 25,7% do ano 2015. A pesar desto, a taxa non baixa do 25% e segue a aumentar dende o ano 2011, cando acadou datos mínimos dende o inicio da crise (21%). Pódese consultar o detalle de datos neste enlace do INE
A pobreza apenas se reduce
A análise dos tres conceptos que agrupa o indicador AROPE (taxa de pobreza, carencia material e intensidade laboral nos fogares) confirma un aumento da poboación española por debaixo do umbral da pobreza (taxa de risco de pobreza). No último ano pasou a afectar ao 22,3% da poboación residente en España, fronte ao 22,1% rexistrado o ano anterior.
En Galicia, o 19% da poboación estaba no 2016 por debaixo do umbral da pobreza, 700.000 persoas, apenas catro décimas menos que no ano anterior.
A nivel nacional compre sinalar o aumento desta taxa nas persoas maiores de 65 anos (de 0,7 puntos). Pola súa parte, a taxa de risco de pobreza para os menores de 16 anos situouse a nivel estatal 28,9%, sendo 6,6 puntos superior á do conxunto da poboación.
A creación de emprego precario non está supoñendo melloras substanciais nos fogares galegos. A intensidade laboral (fogares nos que os seus membros traballan menos do 20% do seu tempo dispoñible) apenas diminuiu do 13,8% ao 13,6% entre 2015 e 2016.
Esta feble recuperación ten a súa consecuencia na porcentaxe de persoas con carencia ou privación material severa, que diminúe unha décima entre 2015 e 2016 (do 4,2% ao 4,1%). Destaca por exemplo o aumento das persoas sen capacidade para afrontar gastos imprevistos (28,9%)
113.000 galegas e galegas non poden permitirse catro destes nove conceptos:
Situación económica dos fogares
No momento de realización da enquisa (primavera do 2016), o 6% dos fogares galegos manifestaron chegar a fin de mes con “moita dificultade”. Esta porcentaxe é 1,1 puntos menor que a rexistrada no ano anterior. Neste senso Galicia leva unha tendencia contraria ao conxunto do estado, no que esta porcentaxe se veu incrementada en 1,6 puntos, pasando do 13,7% do 2015 ao 15,3% no ano 2016.
Por outra banda, o 29,7% dos fogares non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, dato que se mantén relativamente estable, cun incremento dunha décima respecto do ano anterior.
Resultados por comunidades autónomas
Facendo comparacións a nivel autonómico, atopámonos con que as taxas de risco de pobreza ou exclusión social (AROPE) máis elevadas son as de Canarias (44,6%), Ceuta (41,9%) e Andalucía (41,7%), e as máis baixas as de Navarra (13%), País Vasco (15,9%) e La Rioja (17,4%).
Os ingresos medios anuais máis elevados (en 2015) déronse en Pais Vasco (14.345 euros por persoa), Comunidade Foral de Navarra (13.408€) e Cataluña (12.660€).
Pola súa parte, os ingresos medios anuais máis baixos rexistráronse na Rexión de Murcia (8.273€ por persoa), Andalucía (8.398€) e Extremadura (8.674€). En Galicia o ingreso anual por persoa ascende á media de 10.439€, o que supón un aumento de pouco máis de 200€ ao ano (10.212€ no ano anterior).
Algúns datos salientables
Unha de cada cinco persoas en España vive con menos de 8.200 euros ao ano.
Empeora a situación das familias monoparentais: a pobreza en fogares cun adulto e nenas/os dependentes medra 4,7 puntos porcentuais (do 37,5% o ano pasado ao 42,2% este ano).
A pobreza das persoas desempregadas aumenta case catro puntos no conxunto do estado: do 44,8% en 2015 ao 48,5% no 2016.
A pobreza das persoas estranxeiras comunitarias aumenta 7 puntos: do 33,3% en 2015 ao 40,3% en 2016. Respecto das persoas estranxeiras non comunitarias, máis da metade (52,1%) vive por debaixo do umbral de pobreza.
Máis información:
Buscador datos INE por Comunidades Autónomas
Nota de prensa INE. Encuesta Condiciones de Vida 2016
Entrevista a Xosé Cuns, director de EAPN-Galicia, no programa Convivir en Igualdade de Radio Galega (A partir do minuto 6)
Nota de prensa EAPN-España
Artigo e entrevista a a Carlos Susías, presidente de EAPN-España, na Cadena Ser
Artigo de El País
Artigo de El Correo Gallego
Fai un comentario