EAPN galardoada polo seu Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas

0 374
Comparte!
EAPN Galicia gaña o premio “Boas Prácticas en Servizos Sociais” da Deputación da Coruña na área de investigación.
Enfoque centrado na persoa, atención integral, respectando tempos e circunstancias, e traballo en rede: as claves das entidades do Terceiro Sector para unha inclusión sociolaboral efectiva.

O equipo de EAPN Galicia co premio Boas Prácticas en Servizos Sociais

 

O 7 de maio celebrouse o acto de entrega do IV Premio de “Boas Prácticas en Servizos Sociais” que organiza tódolos anos a Deputación da Coruña. Estes premios teñen por obxecto recoñecer o traballo realizado por entidades do Terceiro Sector que salienten polo seu labor en defensa dos dereitos da cidadanía e a favor dos grupos máis vulnerables, promovendo un maior benestar social das persoas, grupos e comunidades.

Nesta cuarta edición a gañadora na área de Investigación científica no ámbito dos Servizos Sociais foi a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social – EAPN Galicia co Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas.

Esta publicación mostra os resultados do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables, desenvolvido por 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social, coa coordinación de EAPN Galicia e co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Trabajo e Economía Social, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A presidenta, Ana Pardo recollendo o premio

A finalidade deste programa e da investigación, en palabras da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo, é “demostrar que somos as entidades do Terceiro Sector especializadas as que podemos garantir con éxito procesos individualizados, integrais e estables de inclusión sociolaboral de persoas en pobreza ou exclusión social”.

Enxalzou o valor engadido que proporcionan as entidades sociais co seu amplo coñecemento da realidade das persoas participantes á vez que sinalaba que con este manual “demostramos que é posible a inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas que poden traballar e que están desexando facelo con contratos e condicións dignas”, afirmaba con rotundidade Pardo no seu discurso trala recollida do premio.

Un programa que valida o sistema de intervención dende o Terceiro Sector

O Manual foi froito do desenvolvemento do Programa Integrado, tanto polos seus resultados como por unha investigación cualitativa que se fixo arredor do mesmo. Entre 2022 e 2023, 18 entidades sociais membro de EAPN Galicia levaron a cabo este programa con persoas en situación de vulnerabilidade con diferentes situación vitais. 14 executándoo directamente e catro máis colaborando na investigación.

O balance foi moi positivo: das máis de 600 persoas que participaron, 538 persoas completaron o itinerario formativo do Programa Integrado; e delas, 245 acadaron a inserción laboral. O que se traduce nunha taxa de inserción do 46%, duplicando amplamente os obxectivos inicialmente comprometidos dun 20%.

A investigación cursouse a través de entrevistas e grupos de discusión. Cunha consulta con persoal técnico e directivo do Terceiro Sector de Acción Social, profesionais da comunidade universitaria e da administración local e autonómica e por suposto coas persoas participantes no Programa.

O Manual aborda dous propósitos diferenciados pero estreitamente relacionados. Por un lado, a parte metodolóxica, servindo de ferramenta con pautas e orientacións para profesionais á hora de levar a cabo procesos de inclusión produtivos. Por outro lado, pretende ser un chamamento á acción social e política, con propostas para atallar as limitacións que se atopan nestes procesos.

Na banda da proposta metodolóxica da configuración dos procesos de inclusión sociolaboral, evidéncianse os seguintes puntos:

    • A clave está no enfoque centrado na persoa. Cunha atención individualizada e integral, e participando activamente no seu proceso de inclusión sociolaboral. Outro factor esencial é entender e abordar tódalas dimensións da persoa, fóra do eido laboral, respectando os tempos que vai marcando a propia participante.
    • É fundamental a cooperación de todos os axentes implicados no proceso: o traballo en rede entre as entidades e recursos involucrados, a colaboración co tecido empresarial e a coordinación coas diferentes áreas e niveis da administración. Neste senso unha das claves do éxito do programa foi a implicación política e técnica das e dos profesionais das consellerías de Emprego e de Política Social da Xunta de Galicia. “Unha das nosas principais demandas é asegurar a coordinación entre as administracións públicas, independentemente da súa cor política. Este galardón é tamén un recoñecemento ás diferentes administracións que fomentaron e impulsaron o programa e a propia investigación” lembraba Ana Pardo.

Na banda das propostas políticas, “presentamos claves de mellora das políticas públicas para que estes programas poidan resultar eficaces. Incluso as resumimos no Decálogo tituladoO emprego é un dereito, non unha obriga” informa a presidenta de EAPN Galicia.

Decálogo en galego

Decálogo en castelán

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Este proxecto que abrangue tantas esferas, levou implícito moito traballo e esforzo por parte de tódolos axentes implicados. Parte do seu éxito radica na constancia e estabilidade do proceso e das súas profesionais. Feito que quixo destacar no seu discurso de agradecemento, a presidenta de EAPN Galicia: “Cando se prima e se financia este sobre esforzo continuado e a estabilidade laboral das profesionais contratadas, non con medidas puntuais, dispersas ou a curto prazo, as posibilidades de éxito aumentan notablemente. Moito máis cando se facilita e favorece o traballo en rede e a colaboración” subliñaba.

A exposición e descrición do proxecto no seguinte vídeo da man da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo.

 

É posible acceder ao Manual e ao correspondente resumo executivo en diferentes versións nas seguintes ligazóns.

Manual galego Resume executivo galego

 

Manual castellano Resumen ejecutivo castellano

 

Pódese acceder, asemade, ás dúas presentacións do Manual:

Os resultados do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables nas voces das persoas participantes:

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies