O 23 de novembro tiveron lugar en Santiago as “Xornadas galegas sobre empresas de inserción” organizadas pola Asociación de Empresas de Inserción (AEIGA) na que interveu o director de EAPN-Galicia, Santiago González Avión. O relatorio levaba por título “Os itinerarios de inserción e integración socio-laboral como alternativa nun momento de crise económica”.
Comezou facendo referencia á crise económica, centrando a súa intervención nas “cuestións que suscita a crise ao redor dos nosos proxectos, que en último termo son a consecución dunha sociedade máis xusta e máis humana”.
Dentro dás referencias aos colectivos con dificultades, que son os que a nós nos ocupan, destacou a importancia de “aproveitar os tempos de bonanza económica para xerar un sistema de protección social moito menos familista”. Ademais, prestou especial atención á situación dos inmigrantes que “viñeron para contribuír á expansión económica e que agora son culpabilizados pola falta de traballo e a precariedade dos recursos públicos”.
Definiu inserción socio laboral como “permanencia activa no mercado laboral durante un período prolongado de tempo, non inferior a seis meses continuados nun ano ou a un ano discontinuado en dous anos” e sinalou que “falamos de inserción socio-laboral porque as principais dificultades para lograr a inserción laboral son de índole social”.
En relación cos itinerarios, houbo un aspecto de especial importancia xa que marcou a “óptica” desde a que se debería analizar a inserción socio-laboral, e é que “as persoas teñen en si as capacidades para resolver os seus problemas. Só fai falta que aprendan a ler a súa realidade de forma correcta e a darlle as respostas acordes con esas capacidades”.
Como conclusión destaca unha frase mencionada ao termo do relatorio “o traballo en itinerarios de inserción socio-laboral, coas súas limitacións, é unha das formas actuais de facer presente, de forma incipiente, fráxil e sinxela, esa utopía á que aspiramos”.
Fai un comentario