Inicio / destacadas / novas / Coordinación entre administracións, boas prácticas municipais ou a ampliación do parque público de vivenda, entre os temas a tratar no Seminario sobre vivenda de EAPN Galicia
Coordinación entre administracións, boas prácticas municipais ou a ampliación do parque público de vivenda, entre os temas a tratar no Seminario sobre vivenda de EAPN Galicia
O acto foi o marco da presentación do VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia.
Contou con dúas mesas de diálogo nas que se analizaron algunhas das casuísticas máis agravantes do acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible.
Á xornada asistiron preto de 70 persoas que puideron volver a visitar a exposición itinerante #EmerxenciaVivenda
O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación do “VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia”, encadrada no marco dun seminario sobre a emerxencia residencial, co obxectivo de poñer en común as boas prácticas que están a levar a cabo en materia de acceso á vivenda e identificar os grandes retos que aínda están pendentes de abordar para avanzar e mellorar as políticas a nivel municipal e autonómico neste senso.
O acto coincidiu co Día do Urbanismo e tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela. A súa celebración xurde no contexto dun esperanzador momento político e de comunicación, no que semella que por fin a emerxencia residencial está de actualidade.
O informe
A benvida á xornada correu a cargo de Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social. A presidenta da Rede quixo valorar de xeito positivo a creación da Consellería de Vivenda, unha das principais demandas de EAPN Galicia, e o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, ao que tamén quixo engadir “como mínimo”.
Ana Pardo lembrou que a situación de emerxencia residencial non afecta só ás persoas en risco de pobreza ou exclusión social, senón tamén ás persoas de clase media e media baixa. “Ás veces temos a sensación de que non se acaba de entender a palabra emerxencia, pois as medidas que se están a levar a cabo non están a dar resposta urxente a situacións severas de exclusión residencial, cun enfoque de prevención e cun impacto a curto prazo”.
Pola súa banda, o Director Xeral de Inclusión Social, indicou que este era o momento de sumar esforzos e recursos entre todas as administracións. “A Administración Autonómica somos os responsables de proporcionar vivenda”, engadiu Parrado, quen di apostar tamén pola colaboración entre consellerías (Política Social, Vivenda, Emprego e mesmo Sanidade e Educación) para abordar desde un punto de vista integral o problema da emerxencia residencial.
Para dar solucións a estes factores que dificultan o acceso a un inmoble, EAPN Galicia tamén presentou o “Plan para garantir o acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible”, unha recompilación de propostas concretas de actuación en materia de acceso á vivenda, dende a aplicación e creación de programas e políticas de loita contra a exclusión residencial, ata reformulacións e cambios nas medidas xa en marcha contra esta exclusión:
Actuar contra a emerxencia: definindo unha Estratexia de Erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia no 2030 seguindo o mandato do Parlamento Europeo, reforzando as liñas de orzamento e procedemento de prevención do desafiuzamento que aseguren o mantemento da vivenda ante a posibilidade de perda da mesma e sen agardar a que se produzan impagos ou mesmo a execución, e impulsando o novo Plan de Atención ás Persoas sen Fogar.
Promover e fomentar a vivenda pública en réxime de alugueiro social: limitando os permisos de vivenda de uso turístico, triplicando o parque público de vivenda social, ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e ás 22.800 no 2030.
Axilizar o acceso á vivenda pública : mediante o impulso do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, con inscrición automática e prioritaria de persoas en situación de vulnerabilidade beneficiarias de axudas sociais, conectando con Servizos Sociais (SIUSS), actualizando da oferta existente de Vivenda de Protección Oficial en contornas urbanas e rurais e poñendo en marcha un Plan específico de acompañamento e busca de vivenda, especialmente para persoas perceptoras de RISGA e/ou IMV.
Diminuír a vivenda baleira: seguindo a Lei estatal polo Dereito á vivenda, reformulando o Imposto de Bens Inmobles (IBI) desde unha perspectiva de progresividade e incrementando a implicación e traballo coordinado de Xunta e concellos, mediante a colaboración co Terceiro Sector de Acción Social.
Asegurar unha accesibilidade universal: asegurando liñas de axuda específicas a colectivos vulnerabilizados para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios e mediante a creación dun “Fondo Público de Promoción da Accesibilidade Universal” nutrido co 1,5% dos Orzamentos que se dediquen a infraestruturas, axenda urbana, mobilidade e transportes en cada Administración.
Facilitar a chegada de axudas á vivenda e subministracións a persoas en situación de vulnerabilidade: asegurando a creación dunha oficina de proximidade, axente rehabilitador ou servizo de vivenda en cada concello maior de 20.000 habitantes, que asesore e facilite á cidadanía vulnerabilizada, reforzando as políticas e orzamentos de axudas económicas á mocidade para a súa emancipación, ou destinando un 30% dos fondos de rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética.
Creación da Sección Oficial do Observatorio de Vivenda de Galicia: realizando unha análise da situación de vivenda na nosa comunidade e así dispor de datos oficiais e de fácil acceso a nivel autonómico e municipal que sirvan como base para o cumprimento de compromisos e novas medidas de acción pública.
Catro retos de acción pública
Para que todo o anterior funcione, é preciso acelerar e non por freo as políticas en materia de vivenda que se están a levar a cabo por parte das administracións (Xunta de Galicia, Concellos, Deputacións e Goberno central).
Ana Álvarez e Javier Hermida, membros da Xunta directiva de EAPN Galicia
E para que estas políticas teñan un verdadeiro impacto e non perdan o enfoque social, deben atender a catro retos transversais:
Asegurar que as políticas e programas de vivenda teñan impacto nas persoas, fogares, edificios ou barrios en vulnerabilidade, reducindo as dificultades de acceso aos mesmos (Non Take Up) con medidas concretas (como a creación de Oficinas Municipais de Vivenda ou no Terceiro Sector).
Superar as disputas competenciais e asumir unha misión compartida entre as diferentes administracións públicas. Sexan da cor política que sexan, deben comprender que afrontar a emerxencia no acceso á vivenda en Galicia é unha responsabilidade compartida.
Aproveitar as oportunidades dos Fondos Europeos, en especial FSE+ e en breve FEDER para procesos de acompañamento e inclusión socioresidencial ou para mellorar a eficiencia enerxética das vivendas das persoas en situación de vulnerabilidade. Especialmente, o Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) que ofrece a oportunidade de incluír para 2025 fondos específicos para eficiencia enerxética.
Incorporar ao Terceiro Sector Social e a súa filosofía de non ter ánimo de lucro como axente social imprescindible tanto nos procesos de inclusión socioresidencial en xeral como na provisión e xestión de vivenda accesible.
Mesa-diálogo: Avances e boas prácticas nas políticas de vivenda en Galicia
A programación continuou con dúas mesas de diálogo. Na primeira delas, baixo o nome “Avances e boas prácticas nas políticas de vivenda en Galicia”, alcaldes de varios municipios galegos presentaron boas prácticas en materia de vivenda que se estaban a levar a cabo nos seus concellos.
Javier Caínzos, alcalde do Concello de Curtis, expuxo o proxecto de vivenda sostible que alí desenvolven, poñendo como exemplo dúas antigas escolas municipais que foron convertidas en vivendas sociais, cun prezo por alugueiro de entre 50 e 150 euros.
Pola súa banda, o Alcalde do Concello de Ames, Blas García, explicou a súa iniciativa de promover o alugueiro social en 68 vivendas baleiras, propiedade dunha entidade bancaria, das que agora, unha parte, están a disposición de familias en risco de pobreza ou exclusión.
Paula Fernández Pena, falou da creación da Oficina Municipal de Vivenda en Silleda, concello do que é alcaldesa. Esta oficina, asegura, “é unha ferramenta moi importante resolver as trabas burocráticas que obrigan a gran parte da cidadanía a abandonar os expedientes”.
Por último, Pilar Nogueiras, da Asociación Provivienda, expuxo o Programa Fogares, promovido pola súa entidade desde 2017 en Vigo, Santiago e Ourense. “Desde un fogar podemos abordar todas as esferas da vida dunha persoa”. Este programa, facilita vivendas en alugueiro á persoas en situación de vulnerabilidade á vez que actúa como interlocutor co arrendador, xerando unha confianza.
A mesa estivo moderada polo director de EAPN Galicia Xosé Cuns.
No segundo faladoiro, Retos pendentes para garantir o acceso á vivenda, digna, axeitada e accesible, os participantes puxeron en común asuntos pendentes e compromisos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como oportunidades e propostas de mellora nas políticas e accións públicas en materia de acceso á vivenda.
Nel, interactuaron María Pierres, Secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social; Heriberto García, Secretario Xeral de Vivenda e Urbanismo, e Ana Pardo, Presidenta de EAPN Galicia.
Mesa-diálogo: retos pendentes para garantir o acceso á vivenda digna, axeitada e accesible
Moderada polo xornalista Íñigo Caínzos, nesta mesa tratouse a problemática da falta de información sobre programas de vivenda que experimenta a maior parte da cidadanía, así como a escaseza da datos concretos para coñecer cales son os puntos onde existe un maior número de persoas vivindo en situación de emerxencia residencial.
Os novos modelos habitacionais, a proliferación das vivendas turísticas que encarecen o insuficiente parque público de vivenda ou a necesidade de deixar de tratar esta problemática desde unha perspectiva de “mercado de vivenda”foron outros dos a debater, así como a mobilización do parque de vivenda baleira, a creación da sección social do Observatorio de Vivenda de Galicia e o punto no que se atopa a declaración de zonas tensionadas dalgúns dos territorios da nosa comunidade.
Ao seminario asistiron arredor de 70 persoas que puideron volver visitar a exposición fotográfica itinerante #EmerxenciaVivenda que foi colocada nas instalacións da EGAP para a ocasión.
Comparte!Máis de 80 persoas berraron “Que non nos limite ninguén!” no XVI Encontro Galego de Participación celebrado o pasado 11 de xuño en Santiago de Compostela, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten. Unha xornada na que se abordaron as barreiras e dificultades de acceso a servizos básicos, así como un trato discriminatorio por…
Comparte!EAPN Galicia impulsa un estudo sobre a provisión e xestión de vivenda polo Terceiro Sector en Galicia. Conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Para a recollida de información elaborouse un formulario que se achegará ás…
Comparte!EAPN Galicia gaña o premio “Boas Prácticas en Servizos Sociais” da Deputación da Coruña na área de investigación. Enfoque centrado na persoa, atención integral, respectando tempos e circunstancias, e traballo en rede: as claves das entidades do Terceiro Sector para unha inclusión sociolaboral efectiva. O 7 de maio celebrouse o acto de entrega do…
Comparte!Con actos en Santiago, Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda, Val do Dubra, Ribeira ou Muros, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda. Na campaña do 2024, 793.484 contribuíntes galegos e galegas, marcaron…
Comparte! Organizacións do Terceiro Sector, cooperativas ou banca ética estarán representadas nun mesmo espazo en Compostela para crear sinerxías e multiplicar o seu impacto social. A nova sede, inaugurada o Día da Xustiza Social, simboliza un modelo de colaboración baseado na inclusión, a solidariedade e a sostibilidade. A Unión de Cooperativas EspazoCoop, EAPN Galicia…
Comparte! Na primeira Asemblea Ordinaria do 2025 aprobáronse liñas de incidencia como a loita contra a discriminación das familias monoparentais, a modificación da Lei de Inclusión ou a elaboración de criterios obxectivos de acceso ao RUEPSS. Así como o incremento da colaboración coas universidades e o resto da economía social. A asemblea acordou establecer unha…
Comparte!EAPN Galicia busca unha persoa para a elaboración de documentos de posicionamento, incidencia política, dinamización de Grupos de Traballo estables e ad hoc; así como a organización de actividades e eventos previstos a nivel formativo, sensibilización ou fomento da participación social e política de persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión. Buscamos a…
Comparte! O “Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024”, revela que o 25,5% da poboación de Galicia estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social no 2023, o que se traduce en 690.000 persoas, 50.000 máis que no ano anterior. No 2023 experimentouse una redución da implicación política e orzamentaria e as transferencias públicas…
Comparte! O seminario foi a resposta a, practicamente un clamor, que moitas persoas en pobreza ou exclusión social expresaron en varios Encontros de Participación nos que relataron experiencias negativas, actitudes aporófobas e racistas e faltas de respecto, especialmente nos servizos sociais municipais e nas entidades máis asistencialistas. O seminario tiña como obxectivo analizar estas experiencias…
Comparte!Na xuntanza tratáronse temas como a urxencia da nova Lei de Inclusión, a simplificación burocrática, a coordinación con outras consellerías como as de Vivenda ou Emprego, e cos concellos. Entroutras demandas da Rede, destacouse a necesidade de que as entidades sociais conten cun financiamento estable para garantir unha maior calidade de atención. A Xunta directiva…
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.
Fai un comentario