O IV Foro péchase con relatorios sobre comunicación e transparencia e preocupación polos fondos europeos
— 10 Outubro, 2014 Comentarios desactivados en O IV Foro péchase con relatorios sobre comunicación e transparencia e preocupación polos fondos europeos 163O IV Foro de Capacitación sobre pobreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado, organizado pola Rede Galega de Loita Contra a Pobreza (EAPN Galicia), CERMI e a Coordinadora ONGD , pechouse onte en Santiago de Compostela cunha xornada centrada na comunicación das situacións de exclusión e nos debates sobre os Fondos Estruturais europeos e a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).
A xornalista Rosa Mª Calaf foi a encargada de pronunciar unha conferencia arredor da Comunicación decente contra a desigualdade, un dos puntos centrais do día. No que toca ao debate en torno á asignación dos Fondos Estruturais europeos, dos que depende parte do orzamento dos proxectos contra a exclusión social, as agrupacións organizadoras do foro amosáronse preocupadas pola ausencia de representantes da Xunta de Galicia, convocados para daren a súa visión ao respecto. En palabras do director de EAPN Galicia, Xosé Cuns, “dá que pensar que, xusto cando se fala sobre transparencia na adxudicación destes Fondos, a Administración estea ausente”.
Durante a xornada presentáronse dous documentos de importancia. O primeiro é o libro Guía de estilo: Pobreza, vulnerabilidade e voluntariado, destinado a axudar aos profesionais da información a comunicar a exclusión social mostrando a quen a padecen como persoas que loitan por saír desa situación e non como receptores de esmola; e o informe Por unha RISGA efectiva, que axudará a mellorar a aplicación desta renda en Galicia e que en breve se colgará na web de EAPN Galicia.
Unha boa cantidade de profesionais participaron nos dous días nos que se desenvolveu o Foro, na Escola Galega de Administración Pública, en Compostela.