Claves para a inclusión sociolaboral e o emprego digno das persoas vulnerabilizadas

0 460
Comparte!

 

A inclusión sociolaboral das persoas en risco de pobreza ou exclusión social que poden traballar é posible: así o demostran as 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social, coordinadas por EAPN Galicia, que conforman a #RedeEmpregoDigno
O V Seminario tiña como obxectivo recoller as boas prácticas do ‘Programa integrado para o fomento da empregabilidade de persoas vulnerables’, que está a desenvolver no bienio 2022-2023 a Rede

 

 

O pasado 5 de xullo tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, o V Seminario ‘Claves para a inclusión sociolaboral e o emprego digno das persoas vulnerables’, organizado por EAPN Galicia, no marco do ‘Programa integrado para o fomento da empregabilidade de persoas vulnerables’.

Cando desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nos ofreceron desenvolver este programa piloto, formuláronnos dous retos:

    • Demostrar que é posible a inclusión sociolaboral de parte das 635.000 galegas e galegos que no 2022 estaban en risco de pobreza ou exclusión social que poden traballar e que están desexando facelo con contratos e condicións dignas.
    • Identificar as claves que se deben ter en conta nas diferentes convocatorias da Consellería.

#RedeEmpregoDignoÉ posible. Os datos que certifican o éxito do programa e do enorme esforzo das e dos 70 profesionais implicados no mesmo son evidentes, sobre todo no que levamos no 2023 cos efectos do que supón traballar durante case un ano procesos individualizados de acompañamento e inclusión sociolaboral.

Se neste programa comprometémonos a desenvolver 192 itinerarios cada anualidade, no ano 2022 rematáronse 255, e no 2023 xa levamos a día de hoxe 295 participantes. Se nos comprometemos a un mínimo do 20% de insercións laborais, no 2022 tivemos un 35,7% e no que levamos no 2023 un 37,2%.

É obrigado agradecer e felicitar a anterior Conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, así como a Covadonga Toca ou Zeltia Lado, pola súa aposta por este programa.

Dende EAPN sempre dixemos que este programa non é un fin en si mesmo, senón sobre todo a oportunidade de investigar e validar co rigor que nos caracteriza os factores decisivos para asegurar o éxito. Coa experiencia do programa, coas mais de 18 entrevistas realizadas ou nos 5 grupos de discusión con profesionais, expertas e sobre todo as propias persoas participantes, estamos a elaborar o manual de boas prácticas que presentaremos o vindeiro 15 de novembro no congreso de remate do programa cos factores de éxito e aprendizaxes. Pero tras un ano de experiencia xa podemos identificar os que nos parecen prioritarios:

    • Procesos individualizados, integrais e a medio e longo prazo, nos que os factores persoais, familiares e sociais teñen tanta importancia e non deben separarse baixo ningún concepto das medidas mais específicas de formación de acceso ao emprego. Demostramos que cando os departamentos de Emprego e os de Inclusión Social, na Xunta ou nos concellos non traballan xuntos o fracaso e o desperdicio e fondos públicos está asegurado.
    • Itinerarios nos que o traballo coas empresas e empregadores debe facerse dende o primeiro momento e ata que está asegurado o éxito da contratación.
    • Temos constatado, e por iso ten tanto mérito o traballo das entidades, que as dificultades de levar adiante estes procesos integrais, supoñen un coste e esforzo extra que estamos asumindo as entidades do Terceiro Sector Social.

Como vén de demostrar este programa, cando se prima e se financia este sobresforzo continuado e a estabilidade laboral das profesionais contratadas, non con medidas puntuais, dispersas ou a curto prazo, as posibilidades de éxito aumentan notablemente. Moito máis cando se facilita e favorece o traballo en rede e a colaboración.

A partires destas aprendizaxes, durante toda a mañá estivemos a traballar sobre como deben ser as convocatorias integrais de inclusión sociolaboral, sexa a nova Posta a Punto para o Emprego ou os novos Programas Integrados de Emprego para persoas en vulnerabilidade, e durante os vindeiros meses seguiremos afondando nos mesmos.

Quen estamos aquí sabemos de sobra e temos evidencias da falsidade do discurso que di que a única solución para saír da pobreza ou que a mellor política social é o emprego.

O emprego, sempre que sexa digno, é un medio mais para saír da pobreza pero so se vai acompañado doutras políticas públicas dende o eido da inclusión social, a educación ou especialmente neste intre, a emerxencia do acceso á vivendas dignas, axeitadas e accesibles.

    • Sabemos que un terzo das persoas que están en pobreza ou exclusión non poden traballar e non se lles pode seguir culpabilizando.
    • Sabemos que outro terzo das persoas en pobreza teñen un traballo, pero que non se pode sinalar como digno, en especial no caso das mulleres. E temos a obriga de axudarlles na procura dunha mellora das súas condicións e salarios.
    • E sabemos que outro terzo das persoas en pobreza queren e se esforzan todos os días para procurar un emprego digno. É a nosa obriga axudalas neste esforzo, evitando a súa culpabilización, facilitando a súa formación e orientación personalizada e estable e sobre todo coa mínima burocracia posible.

Somos optimistas. Comparten esta visión dende a Comisión Europea e o Ministerio de Trabajo que financian este programa. E a comparten e o demostran dende logo dende a Xunta de Galicia e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pola aposta por este programa e polas facilidades tanto políticas como técnicas para levalo a cabo.

O seminario foi clausurado polo secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies