X Solidario: as entidades sociais galegas piden o apoio das persoas contribuíntes na Declaración da Renda

0 87
Comparte!
Co recadado na anterior campaña, 141 organizacións de acción social poideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas
Na campaña anterior, en Galicia 744.082 persoas marcaron a X Solidaria, 8.377 persoas máis que hai dous anos, recadándose un total de 19.635.313€.
Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.
Baixo a etiqueta #emerXenciaSOLIDARIA, as ONG galegas lanzan unha campaña nas redes sociais con vídeos de persoas beneficiarias de programas financiados coa X Solidaria.

 

Foto: Oscar Dacosta/AGARESO

Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidaria.

Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra á exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereito das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.

O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.

Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Comparado co ano anterior, foron 8.377 persoas máis as que marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.

Con este xesto recadáronse 19.635.313€, unha cantidade de 26,39€ por persoa, permitindo recadar a cantidade de 342.930€ máis.

Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado, recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenas e nenos,…

Todas estas persoas son usuarias de programas como o de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

Dende as entidades sociais temos o punto de mira nas 610.363 contribuíntes que seguen sen marcar o X Solidario. Destas, foron 494.714 as que non marcaron ningún recadro e 115.649 as que só marcaron o recadro da Igrexa. Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.

A nivel estatal, a campaña da renda do exercicio anterior recadou no Estado 386.865.257€ que procederon das 11.646.682 persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese social da X Solidaria na declaración da renda. Non obstante, a recadación baixou 345.503€ (-0,61% respecto ao ano anterior) debido á incidencia da crise provocada pola pandemia.

Segundo expresou na presentación da campaña, Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia: “ o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos…. abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”.

O presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.

Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”

emerXencia SOLIDARIA

O Terceiro Sector galego presentaba na Praza da Quintana, coa colaboración do Instituto Europeo Campus Stellae, a campaña do X Solidario con cartóns que recollían o lema Emerxencia Solidaria. O éxito da campaña do ano anterior debeuse a que se recoñecía o traballo de milleiros de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social, loitando contra a pandemia, coa crise económica e social actual e que seguirán facéndoo. Neste ano queremos encher as redes sociais cos cancelos #emerXenciaSOLIDARIA e #MarcarLaXesLoNormal

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Máis información: www.xsolidaria.org

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies