Polo dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible

Novas destacadas

  • Máis de 80 persoas berraron “Que non nos limite ninguén!” no XVI Encontro Galego de Participación celebrado o pasado 11 de xuño en Santiago de Compostela, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten. Unha xornada na que se abordaron as barreiras e dificultades de acceso a servizos básicos, así como un trato discriminatorio por parte de profesionais que traballan en administracións públicas, entidades sociais ou empresas, que atopan as persoas en risco de exclusión social por mor dos estereotipos e prexuízos infundados. Na clausura, trala lectura do manifesto coas propostas resultantes dos traballos en grupos, procedeuse a facer un minuto de silencio administrativo, en protesta das continuas trabas burocráticas que padecen as persoas en situación de vulnerabilidade.   Un ano máis celebrouse o Encontro Galego de Participación, na Escola Galega de Administración Pública, o evento de referencia en Galicia de participación de persoas en risco ou situación de pobreza e exclusión social. Nesta décimo sexta edición, baixo o lema Estereotipos, que non te limiten, reflexionouse sobre o alcance que teñen os estereotipos e prexuízos, xeradores de discursos de odio, ata o punto de verse restrinxido ou limitado o acceso a servizos esenciais para as persoas máis vulnerables. Saíron á luz escenas cotiás onde o trato discriminatorio era a pedra angular. Nun contexto dun espazo seguro e construtivo, as persoas participantes tiveron a oportunidade de expresarse libremente e expor tanto situacións como propostas de mellora para combater estes estereotipos e prexuízos tan estendidos na nosa sociedade. Baixo a súa mirada, as aportacións e demandas cobran máis sentido e teñen un valor engadido ao provir das persoas directamente afectadas. Este ano contouse coa participación e colaboración de entidades como Accem, AGARESO, Fundación de Solidaridad Amaranta, Asociación de Migrantes de Galicia- Amiga, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Mondoñedo- Ferrol, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Coruña, Ecos do Sur, Emaús, Fundación Esplai, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Ronsel, Hogar Sí, Movemento pola Paz e Asociación Provivienda. O persoal técnico e participantes destas entidades foron os protagonistas e responsables do bo ambiente, que fixo que a xornada fluíra con naturalidade e significara unha experiencia enriquecedora para todas as persoas asistentes.   Panel de boas prácticas nas entidades O punto esperanzador e inspirador do Encontro correu a conta de participantes de programas de entidades que loitan para derribar estes prexuízos. O Panel de boas prácticas en entidades estivo composto por Mahyreth Bravo co proxecto Somos Acubillo de AGARESO e Provivienda, Marta Núñez co Programa de sensibilización de COGAMI e Rosebys Ostos e Begoña González contando os Encontros Improbables, dentro do Programa Participa de Emaús e Provivienda. A mesa estivo moderada por Natalia Monje de Ecos do Sur. Nesta mesa de boas prácticas, presentáronse proxectos e programas que avogan por unha integración real das persoas vulnerables, cunha participación activa con labores xornalísticas, como é o caso do videopodcast de Somos Acubillo, de sensibilización co fin de eliminar mitos sobre as persoas con discapacidade, ou actividades comunitarias que mesturan a veciñanza coas persoas en risco de exclusión social como o caso dos Encontros Improbables de Emaús e Provivienda.   Traballo en grupos Trala mesa motivadora, pasouse ao traballo en grupos no que as persoas participantes reflexionaron e debatiron ao redor de tres preguntas clave: Que son os estereotipos? Como che prexudican persoalmente no acceso a servizos básicos ? Que che axudaría para que os estereotipos non condicionasen o acceso ou o trato recibido por parte do persoal que traballa nestes servizos esenciais? Das propostas recollidas nos grupos de traballo puidéronse extraer conclusións como a necesidade de sensibilización e formación continua ás profesionais que traballan de cara ao público na administración e entidades sociais; a intervención do Estado como solución, tanto en políticas activas como en políticas de control en todos os sectores, tendo en conta ao terceiro sector como interlocutor, facilitando os medios necesarios para a realización das súas funcións; apoio e fomento de programas por parte dos concellos e entidades gobernamentais para a implicación e inclusión das persoas de colectivos vulnerables nos espazos públicos; a consideración de que as prestacións ou recursos para persoas en situación de vulnerabilidade deben responder a unha atención personalizada, integral e cun enfoque centrado na persoa; promover a medición rápida da satisfacción tras recibir atención desde os servizos públicos (traballadores/as sociais, persoal sanitario, persoal de rexistro…) en relación coa calidade da atención, cun posible traslado do sistema de medición a través de chamada telefónica; redución da burocracia e dos trámites na administración pública, mediante unha maior coordinación e colaboración entre os concellos, administracións e entidades sociais; campañas de sensibilización nas redes contra os discursos de odio mediante vídeos e mensaxes, contando coa participación das persoas en situación de vulnerabilidade, entidades sociais e con personaxes famosos ou influencers; e por útimo, sancións a profesionais que exerzan condutas ou tratos discriminatorios na administración pública, entidades sociais e/ou empresas.   Demandas para loitar contra a discriminación A xornada da tarde comezou coa votación, por parte das persoas participantes, das propostas dos grupos de traballo que mellor respondían á terceira das preguntas que se formularon. Das 8 resultantes anteriormente mencionadas, tralas votacións reducíronse a 4, que se engadiron a un manifesto que se leu na Praza da Exeria ao remate da xornada. Estas demandas, ademais de manifestalas publicamente a viva voz, xunto co documento final con todas as aportacións, tanto do Encontro como as dos obradoiros previos que se traballaron con máis participantes nas entidades, tamén serán trasladadas a grupos parlamentarios, consellerías, Valedora do Pobo… As demandas máis votadas foron as seguintes: Sensibilización e formación continua ás profesionais que traballan de cara ao público na administración e entidades sociais. Sancións a profesionais que exerzan condutas ou tratos discriminatorios na administración pública, entidades sociais e/ou empresas. Intervención do Estado tanto en políticas activas como políticas de control en todos os sectores, tendo en conta ao Terceiro Sector de Acción Social como interlocutor, facilitando os medios necesarios para a realización das súas funcións. Redución da burocracia e dos trámites na administración pública, mediante unha […]

  • EAPN Galicia impulsa un estudo sobre a provisión e xestión de vivenda polo Terceiro Sector en Galicia. Conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Para a recollida de información elaborouse un formulario que se achegará ás entidades sociais galegas que desenvolven iniciativas relacionadas co acceso, provisión, acompañamento ou intermediación en vivenda. Tras anos de incidencia é evidente a situación de emerxencia no acceso a vivendas dignas, axeitadas e accesibles para gran parte de poboación galega, en especial daquela en situación ou risco de pobreza ou exclusión social. No último ano asistimos a un elevado número de iniciativas para afrontar este problema, dende as administracións publicas e dende axentes vinculados co sector inmobiliario e residencial. Así queda recollido no “VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia” que se presentou nun Seminario celebrado na EGAP e que contou coa presenza de representantes políticos, organizacións de acción social e outras axentes e expertas especializadas. Neste informe sinálase que un dos retos pendentes na acción pública para impulsar o acceso á vivenda é incorporar ao Terceiro Sector e a súa filosofía de non lucro como axente social imprescindible, tanto nos procesos de inclusión socioresidencial en xeral, como na provisión e xestión de vivenda accesible como parte dos mesmos. As entidades do Terceiro Sector son coñecedoras de primeira man das dificultades no acceso á vivenda das persoas en pobreza ou exclusión social e, moitas delas, levan anos realizando actuacións neste eido, pero sorprendentemente e a pesares de seren esenciais para asegurar o acceso á vivenda da poboación vulnerable, non se dispón de información detallada do seu impacto, o que dificulta a posta en marcha de medidas públicas e orzamentos de apoio. Neste contexto, dende EAPN Galicia estase a impulsar un estudo que conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade e do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e que ten como finalidade coñecer e por en valor o papel que desempeñan as entidades do Terceiro Sector na provisión e xestión de vivenda, así como recoñecer a súa contribución no acceso e mantemento da vivenda ou desenvolvendo procesos de inclusión socio residencial con persoas en situación de vulnerabilidade, levando a cabo actuacións de intermediación inmobiliaria, así como enfoques de mediación veciñal e comunitaria. Este estudo é un punto de partida para o recoñecemento do valor económico e social que estas entidades aportan, así como a súa contribución á creación de emprego e á garantía do sistema de servizos sociais. Un recoñecemento que é fundamental para asegurar e fortalecer mecanismos lexislativos e de financiamento axeitado ás entidades que traballan na inclusión socioresidencial de poboación vulnerabilizada. Elaboración do estudo e recollida de información Para a elaboración deste estudo estase a recoller información mediante un formulario dirixido ás entidades do Terceiro Sector que desenvolvan iniciativas relacionadas co acceso, provisión ou acompañamento ás persoas no eido da vivenda. Non so para entidades que xestionen vivenda propia, senón tamén para aquelas que acompañan, interveñen ou median procesos de acceso, uso ou mantemento de vivenda. A efectos deste estudo considérase vivenda dende unha perspectiva ampla: o espazo destinado a uso residencial estable ou semiestable, onde as persoas e/ou familias desenvolven o seu proxecto vital de forma temporal ou permanente. Caracterízase por ter unha estrutura similar á dunha vivenda convencional, con espazos privados ou de uso compartidos (habitacións, cociña, baño, sala de estar), por exemplo, vivenda de acollida ou emerxencia, piso tutelado, vivendas de transición á vida autónoma, casa de familia ou acollida familiar, vivenda con apoio, vivenda acompañada dalgún tipo de intervención social, etc. Quedan excluídos deste estudo: centros de acollida temporal, albergues sociais (praza limitada no tempo, sen continuidade residencial) ou centros terapéuticos ou residenciais. O formulario componse de vintecinco preguntas que xiran en torno a diversas áreas: tipoloxía das vivendas, accesibilidade, finalidade, programas da entidade no eido da vivenda e apoio no acceso ou mantemento da mesma. No propio formulario xa se explica cada pregunta, pero en todo caso vai acompañado dunha guía con instrucións para facilitar as respostas. O prazo para responder está aberto ata o 30 de xullo.

  • EAPN Galicia gaña o premio “Boas Prácticas en Servizos Sociais” da Deputación da Coruña na área de investigación. Enfoque centrado na persoa, atención integral, respectando tempos e circunstancias, e traballo en rede: as claves das entidades do Terceiro Sector para unha inclusión sociolaboral efectiva.   O 7 de maio celebrouse o acto de entrega do IV Premio de “Boas Prácticas en Servizos Sociais” que organiza tódolos anos a Deputación da Coruña. Estes premios teñen por obxecto recoñecer o traballo realizado por entidades do Terceiro Sector que salienten polo seu labor en defensa dos dereitos da cidadanía e a favor dos grupos máis vulnerables, promovendo un maior benestar social das persoas, grupos e comunidades. Nesta cuarta edición a gañadora na área de Investigación científica no ámbito dos Servizos Sociais foi a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social – EAPN Galicia co Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas. Esta publicación mostra os resultados do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables, desenvolvido por 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social, coa coordinación de EAPN Galicia e co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Trabajo e Economía Social, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A finalidade deste programa e da investigación, en palabras da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo, é “demostrar que somos as entidades do Terceiro Sector especializadas as que podemos garantir con éxito procesos individualizados, integrais e estables de inclusión sociolaboral de persoas en pobreza ou exclusión social”. Enxalzou o valor engadido que proporcionan as entidades sociais co seu amplo coñecemento da realidade das persoas participantes á vez que sinalaba que con este manual “demostramos que é posible a inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas que poden traballar e que están desexando facelo con contratos e condicións dignas”, afirmaba con rotundidade Pardo no seu discurso trala recollida do premio. Un programa que valida o sistema de intervención dende o Terceiro Sector O Manual foi froito do desenvolvemento do Programa Integrado, tanto polos seus resultados como por unha investigación cualitativa que se fixo arredor do mesmo. Entre 2022 e 2023, 18 entidades sociais membro de EAPN Galicia levaron a cabo este programa con persoas en situación de vulnerabilidade con diferentes situación vitais. 14 executándoo directamente e catro máis colaborando na investigación. O balance foi moi positivo: das máis de 600 persoas que participaron, 538 persoas completaron o itinerario formativo do Programa Integrado; e delas, 245 acadaron a inserción laboral. O que se traduce nunha taxa de inserción do 46%, duplicando amplamente os obxectivos inicialmente comprometidos dun 20%. A investigación cursouse a través de entrevistas e grupos de discusión. Cunha consulta con persoal técnico e directivo do Terceiro Sector de Acción Social, profesionais da comunidade universitaria e da administración local e autonómica e por suposto coas persoas participantes no Programa. O Manual aborda dous propósitos diferenciados pero estreitamente relacionados. Por un lado, a parte metodolóxica, servindo de ferramenta con pautas e orientacións para profesionais á hora de levar a cabo procesos de inclusión produtivos. Por outro lado, pretende ser un chamamento á acción social e política, con propostas para atallar as limitacións que se atopan nestes procesos. Na banda da proposta metodolóxica da configuración dos procesos de inclusión sociolaboral, evidéncianse os seguintes puntos: A clave está no enfoque centrado na persoa. Cunha atención individualizada e integral, e participando activamente no seu proceso de inclusión sociolaboral. Outro factor esencial é entender e abordar tódalas dimensións da persoa, fóra do eido laboral, respectando os tempos que vai marcando a propia participante. É fundamental a cooperación de todos os axentes implicados no proceso: o traballo en rede entre as entidades e recursos involucrados, a colaboración co tecido empresarial e a coordinación coas diferentes áreas e niveis da administración. Neste senso unha das claves do éxito do programa foi a implicación política e técnica das e dos profesionais das consellerías de Emprego e de Política Social da Xunta de Galicia. “Unha das nosas principais demandas é asegurar a coordinación entre as administracións públicas, independentemente da súa cor política. Este galardón é tamén un recoñecemento ás diferentes administracións que fomentaron e impulsaron o programa e a propia investigación” lembraba Ana Pardo. Na banda das propostas políticas, “presentamos claves de mellora das políticas públicas para que estes programas poidan resultar eficaces. Incluso as resumimos no Decálogo titulado“O emprego é un dereito, non unha obriga” informa a presidenta de EAPN Galicia.                                   Este proxecto que abrangue tantas esferas, levou implícito moito traballo e esforzo por parte de tódolos axentes implicados. Parte do seu éxito radica na constancia e estabilidade do proceso e das súas profesionais. Feito que quixo destacar no seu discurso de agradecemento, a presidenta de EAPN Galicia: “Cando se prima e se financia este sobre esforzo continuado e a estabilidade laboral das profesionais contratadas, non con medidas puntuais, dispersas ou a curto prazo, as posibilidades de éxito aumentan notablemente. Moito máis cando se facilita e favorece o traballo en rede e a colaboración” subliñaba. A exposición e descrición do proxecto no seguinte vídeo da man da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo.   É posible acceder ao Manual e ao correspondente resumo executivo en diferentes versións nas seguintes ligazóns.     Pódese acceder, asemade, ás dúas presentacións do Manual: No Simposio “A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas”, retransmitido por streaming. No Seminario online organizado xunto a EAPN España. Os resultados do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables nas voces das persoas participantes:

  • Con actos en Santiago, Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda, Val do Dubra, Ribeira ou Muros, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda. Na campaña do 2024, 793.484 contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (18.089 máis que no ano anterior), recadándose 26.520.069 de euros, (2.490.581 euros máis que o ano anterior). 162 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 149.477 persoas. As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia -Rede Galega contra a Pobreza, CERMI Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da Declaración da Renda para tentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario. A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias elaboraron unha X xigante e fixeron un novo chamamento para que o financiamento que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as organizacións poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas. A iniciativa, que tamén coincide co Día Mundial do Autismo e o seu lema ”Somos infinitos”, contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae. En Vigo, o acto tivo lugar á mesma hora diante do Museo MARCO no que entidades viguesas e da contorna como Abertal, Accem, Arela, COGAMI, DOA Saúde Mental, ECCA Social, Fundación Érguete-Integración, Fundación Emaús, Fundación Esplai, Fundación Juan Soñador, Provivienda, Saúde Mental FEAFES Galicia e Secretariado Xitano animaron animaron a marcar o recadro 106. Ao acto de Lugo sumáronse entidades como COGAMI, Down Galicia, FEAFES, Juan Soñador, IGAXES, Fundación Secretariado Xitano, ALUCEM, ALCER Lugo, Cruz Vermella, San Vicente de Paul e o Colexio de Educación Especial Santa María. A estes actos sumáronse outros semellantes en localidades como Verín, Ferrol, A Estrada, Silleda, Muros, Val do Dubra ou Ribeira. Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes cos cancelos #FaiQuePase e #HazQuePase. A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e o tesoureiro de EAPN Galicia, Miguel Rodríguez. En palabras de Ramón Sestayo: “o escenario mundial que se presenta non parece esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica, motivo polo que pedímoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos mais vulnerables.” Ines Salteiro recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuir a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.” Finalmente, Miguel Rodríguez, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, “simplificación burocrática, unha única convocatoria e a súa publicación nos primeiros meses do ano.” Un recadro que cada ano suma máis seguidores Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia 26.520.069 €, grazas a que 793.484 contribuíntes (o 53,63% do total ) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa. Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106, aínda queda traballo por facer. Da totalidade dos contribuíntes, 686.173 seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis). A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes. Unha recadación que contribúe a unha transformación social Grazas ao X Solidario, no 2024 162 organizacións de acción social de toda Galicia, 9 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 733 proxectos que beneficiaron a mais de 400.000 persoas, das que case 149.477 foron beneficiarias directas. Os fondos colectados do pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos que poñen o foco na inclusión socio laboral, o fomento da autonomía persoal, o envellecemento activo e a prevención de dependencia, a participación activa na vida política e pública, a atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros. Ademais, moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa. Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan. Mais info: www.xsolidaria.org

  •   Un seminario organizado por EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero de interese para entidades do Terceiro Sector de Acción Social e administracións públicas sobre que son e que servizos prestan os centros de crise 24 horas en Galicia. Máis de 100 persoas participaron neste seminario web onde puideron resolverse tódalas cuestións e dúbidas que aportaban as persoas asistentes. En decembro de 2024 puxéronse en marcha os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual en cinco cidades galegas; Santiago, Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol. Amplíase así o compromiso que establece a Ley Orgánica 10/2022, de 6 de septiembre, de garantía integral de la libertad sexual, a chamada Ley del solo sí es sí, de abrir un centro en cada provincia. Os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual da comunidade autónoma de Galicia son recursos especializados, abertos as 24 horas, os 365 días do ano, destinados ás mulleres maiores de 15 anos, independentemente da súa situación administrativa, de vivir un intento ou unha situación de violencia sexual, recentemente ou no pasado; tamén para os seus familiares e persoas da súa contorna íntima. EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade organizaron un seminario web con obxecto de difundir a existencia dos centros de crise 24 horas, e proporcionarlles información a entidades do Terceiro Sector e a administracións públicas, así como resolver dúbidas sobre o funcionamento destes centros.   A facilidade de acceso permite un maior alcance nas vítimas de violencia sexual A apertura do seminario correu a cargo da secretaria de EAPN Galicia, Ana Álvarez que deu paso á subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia Fernández López quen fixo unha presentación destes pioneiros centros que prestan atención psicolóxica, xurídica e social especializada con carácter permanente e urxente. A atención é inmediata e pode ser por vía telemática, telefónica ou presencial, factor que favorece a accesibilidade das vítimas ao recurso. Este punto vese reforzado coa inexistente necesidade da presentación de documento acreditativo algún. Estes centros de xestión pública son complementarios aos xa implementados de violencia de xénero como os CIM, entidades ou asociacións, xulgados ou centros do Sergas. Estas características sumadas a súa dispoñibilidade 24 horas os 365 días do ano, permiten un maior alcance en mulleres que non teñen cabida noutros centros específicos contra a violencia machista. A segunda ponente, a directora do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, Consuelo Neira, aportou información sobre o funcionamento da Rede galega de acollemento da que tamén é coordinadora. Un recurso residencial ao que se accede de xeito temporal para reorientar a situación persoal: aloxamento, seguridade, manutención… que está destinado ás mulleres e as súas fillas e fillos menores que precisen dun aloxamento de seguridade en Galicia por mor da situación de violencia de xénero. Ao igual que os centros de crise, presta atención ininterrompida as 24h dos 365 días do ano. En Galicia existe un total de 84 prazas de acollida as que poden acudir tódalas mulleres que sofren violencia de xénero e as e os menores ao seu cargo, incluídas as vítimas de trata e/ou explotación sexual, que requiran dun espazo de protección debido a situación de risco causada pola violencia de xénero. As entidades sociais e persoas que asistiron ao seminario contaron tamén cun espazo de resolución de dúbidas sobre os servizos que prestan os centros de crise e a Rede galega de acollemento.       Na pasada campaña das eleccións do 18 de febreiro ao Parlamento de Galicia elaboramos coas nosas entidades membro un documento de Demandas prioritarias para avanzar contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade, no que se recollen propostas concretas para avanzar na igualdade de xénero e protección ás vítimas de violencias machistas, en especial, das que están en situacións máis estremas -trata, prostitución ou exclusión severa-, e implicar a toda a cidadanía na defensa da igualdade de xénero. Unha delas é a de reforzar a atención e protección ás mulleres vítimas de violencias machistas abrindo no 2024 centros de crise de atención integral 24 horas contra a violencia sexual nas sete cidades galegas. Neste apartado, a subdirectora xeral avanzou que dende a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero estase a valorar a apertura de centros nos municipios de A Coruña e Pontevedra, inexistentes ata o momento, chegando a alcanzar desta maneira, a nosa meta de conseguir un centro para cada un dos sete grandes concellos.

  • Organizacións do Terceiro Sector, cooperativas ou banca ética estarán representadas nun mesmo espazo en Compostela para crear sinerxías e multiplicar o seu impacto social. A nova sede, inaugurada o Día da Xustiza Social, simboliza un modelo de colaboración baseado na inclusión, a solidariedade e a sostibilidade.   A Unión de Cooperativas EspazoCoop, EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e Fiare Banca Ética celebraron a inauguración cunha visita institucional á súa nova sede compartida en Santiago de Compostela. O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia, como Marta Mariño, Directora Xeral de Economía Social, e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social, ademais de representantes das entidades organizadoras e doutros axentes do sector social e cooperativo galego. Este novo espazo representa un punto de encontro estratéxico para reforzar a cooperación e o traballo en rede entre organizacións que comparten un obxectivo común: transformar a sociedade a través da inclusión social, a economía solidaria e a xustiza global. A coincidencia desta inauguración co Día da Xustiza Social reforzou o simbolismo dun proxecto que busca crear alianzas para dar resposta aos retos sociais e económicos de Galicia.   Un proxecto que fortalece a cooperación entre entidades sociais e económicas A nova sede compartida significa unha aposta pola colaboración entre entidades que traballan por un mundo máis xusto e sostible. EspazoCoop, representante de 270 cooperativas galegas, avoga por un modelo empresarial baseado nos valores sociais e na economía solidaria. EAPN Galicia, con 160 organizacións adheridas materializadas por 35 entidades do Terceiro Sector, loita contra a pobreza e a exclusión social. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento agrupa 47 entidades comprometidas coa solidariedade e a cooperación internacional. Pola súa parte, Fiare Banca Ética, con 290 socias entre persoas físicas e xurídicas, promove un sistema financeiro alternativo que pon no centro ás persoas e o ben común. O proxecto tamén conta co apoio de entidades como Coop57 e REAS Galicia, que desempeñan un papel clave no impulso da economía social e solidaria. Xuntas, estas organizacións traballan para ofrecer solucións innovadoras aos desafíos sociais e fomentar un modelo de desenvolvemento que garanta a igualdade de oportunidades. Na súa intervención, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, felicitou ás entidades polo seu traballo diario na loita contra a exclusión social, na defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables e promovendo iniciativas transformadoras. Pola súa parte, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo fincapé en que a nova sede compartida polas catro entidades exemplifica á perfección o valor da cooperación implícito na propia economía social, centrándose na importancia de traballar xuntos, sumar esforzos e construír un futuro máis inclusivo e equitativo.   Un exemplo de colaboración dende o Terceiro Sector e o resto de familias da economía social para unha Galicia máis xusta e sostible Durante a visita, as entidades reafirmaron o seu compromiso de continuar impulsando políticas e proxectos que garantan o benestar da cidadanía e promovan un tecido social máis resiliente e colaborativo. O vicepresidente de EAPN Galicia Javier Hermida sinalou que “Nestes últimos anos fixámonos como obxectivo estratéxico pór de relevo o papel das entidades do Terceiro Sector Social galego como parte esencial do sistema de servizos sociais, de emprego e acceso á vivenda, reforzando ao mesmo tempo o noso traballo en rede co resto de familias da economía social. Un sector no que representamos o 20% das entidades e somos o principal creador do emprego, cun 35.5% (datos do informe O impacto socioeconómico dos principios e valores da economía social galega)”.  Ana Olveira Blanco, presidenta de EspazoCoop, destacou que “o cooperativismo galego dá un paso máis cara á consolidación dun modelo empresarial baseado na equidade e a participación, e esta sede compartida é unha oportunidade para ampliar o impacto das cooperativas na sociedade”. María Paz Gutiérrez, presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, subliñou que “a cooperación internacional e a solidariedade son fundamentais para a transformación social. Este proxecto permítenos fortalecer alianzas entre organizacións que traballamos pola defensa dos dereitos humanos”. Desde Fiare Banca Ética, Juan Garibi, resaltou que “un sistema financeiro ao servizo da xustiza social precisa espazos onde se constrúan alternativas éticas e sostibles ao modelo económico tradicional”. A visita institucional concluíu cun chamamento a seguir fortalecendo a cooperación entre entidades sociais, administracións públicas e axentes económicos, co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis inclusiva, sostible e xusta.

  • Na primeira Asemblea Ordinaria do 2025 aprobáronse liñas de incidencia como a loita contra a discriminación das familias monoparentais, a modificación da Lei de Inclusión ou a elaboración de criterios obxectivos de acceso ao RUEPSS. Así como o incremento da colaboración coas universidades e o resto da economía social. A asemblea acordou establecer unha folla de ruta na loita contra a aporofobia e a discriminación interpelando á Consellería de Educación Movemento pola Paz e Axuda en Acción son as novas incorporacións á Rede. Saray Durán de Ecos do Sur e Sonia Caldas de Down Galicia, novas vogais da Xunta Directiva de EAPN Galicia.   As entidades que tecen Rede en EAPN Galicia, Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, reuníronse o pasado 16 de xaneiro na súa primeira Asemblea Ordinaria do 2025. Nela aprobáronse por unanimidade aspectos como o Plan de actuación do 2025, a Memoria de actuacións do 2024 e os Orzamentos para este presente ano. Malia que o principal punto da orde do día era e de remodelar a Xunta Directiva coa incorporación de dúas novas vogais, Saray Durán de Ecos do Sur e Sonia Caldas de Down Galicia, a xuntanza deu lugar a varios momentos de diálogo nos que se rematou de definir o camiño a seguir neste ano que comeza.   Liñas de traballo Unha das principais liñas de incidencia deste 2025 será a interacción coa Consellería de Política Social para remar a prol dos dereitos das familias monomarentais galegas, 114.506, das cales 35.725 estaban en pobreza no 2024 segundo datos do IGE. En febreiro deste ano, xa serán tres os anos de incumprimento da Lei de Impulso Demográfico, normativa que establecía a creación do rexistro de Familias Monoparentais Galegas e un plan de apoio para as mesmas, especialmente para as que se atopan en situación de vulnerabilidade. Outra das liñas de incidencia que se propuxo nesta Asemblea foi a da elaboración duns obxectivos para acceder ao Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), e a de que se leve adiante a modificación Lei de Inclusión Social que suporía o traspaso do Ingreso Mínimo Vital, de competencia estatal, á RISGA, aspectos a tratar tamén coa Consellería de Política Social e Igualdade. Por outra banda, parte da xornada dedicouse a deseñar unha estratexia para loitar de xeito conxunto e máis reactivo contra a aporofobia e o odio, correntes que se están a propagar por Europa a unha velocidade de vertixe. Desde unha sociedade que non deu cabida a forzas políticas promotoras do discurso de odio e a aporofobia nin no seu Parlamento nin na práctica totalidade dos seus concellos, o obxectivo de EAPN Galicia é o de actuar como revulsivo ante a inacción política, o non posicionamento a favor da cidadanía á que van dirixidos estes discursos, a non condena explícita dos mesmos e a escaseza de medidas para frealos. Estableceuse a posibilidade de crear un grupo de traballo exclusivo para elaborar unha folla de ruta na loita contra o odio, chegando ás institucións, tratando o tema coa Consellería de Educación, para intentar que os discursos de tolerancia calen na xuventude e nos centros escolares, xa que a mocidade é unha poboación moi permeable e é preciso chegar a ela. Na incidencia salienta a levada a cabo en materia de vivenda incluíndo a reunión coa Consellería de Vivenda e Infraestruturas de recente creación. Tamén a itinerancia da exposición fotográfica #EmerxenciaVivenda. En relación a liñas de incidencia política coa Consellería de Política Social, e especificamente coa Dirección Xeral de Inclusión Social acadouse o compromiso de ter xuntanzas periódicas cada 3/4 meses, implicando tamén a Emprego e Vivenda para favorecer a coordinación política e técnica. Dúas novas entidades forman parte da Rede EAPN Galicia deu a benvida a dúas novas entidades que xa forman parte da Rede, trátase de Movemento Pola Paz, que contou cos avais de Accem, Ecos do Sur e Provivienda, e de Axuda en Acción, cuxo traballo quedou acreditado coas testemuñas de CDR O Viso, Saúde Mental-FEAFES e AGARESO.  

  • O acto foi o marco da presentación do VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia. Contou con dúas mesas de diálogo nas que se analizaron algunhas das casuísticas máis agravantes do acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Á xornada asistiron preto de 70 persoas que puideron volver a visitar a exposición itinerante #EmerxenciaVivenda   O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación do “VIII Informe situación 2024: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia”, encadrada no marco dun seminario sobre a emerxencia residencial, co obxectivo de poñer en común as boas prácticas que están a levar a cabo en materia de acceso á vivenda e identificar os grandes retos que aínda están pendentes de abordar para avanzar e mellorar as políticas a nivel municipal e autonómico neste senso. O acto coincidiu co Día do Urbanismo e tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela. A súa celebración xurde no contexto dun esperanzador momento político e de comunicación, no que semella que por fin a emerxencia residencial está de actualidade.   O informe A benvida á xornada correu a cargo de Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social. A presidenta da Rede quixo valorar de xeito positivo a creación da Consellería de Vivenda, unha das principais demandas de EAPN Galicia, e o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, ao que tamén quixo engadir “como mínimo”. Ana Pardo lembrou que a situación de emerxencia residencial non afecta só ás persoas en risco de pobreza ou exclusión social, senón tamén ás persoas de clase media e media baixa. “Ás veces temos a sensación de que non se acaba de entender a palabra emerxencia, pois as medidas que se están a levar a cabo non están a dar resposta urxente a situacións severas de exclusión residencial, cun enfoque de prevención e cun impacto a curto prazo”. Pola súa banda, o Director Xeral de Inclusión Social, indicou que este era o momento de sumar esforzos e recursos entre todas as administracións. “A Administración Autonómica somos os responsables de proporcionar vivenda”, engadiu Parrado, quen di apostar tamén pola colaboración entre consellerías (Política Social, Vivenda, Emprego e mesmo Sanidade e Educación) para abordar desde un punto de vista integral o problema da emerxencia residencial. A presentación do informe correu a cargo de membros das entidades que tecen rede en EAPN Galicia (ONG Mestura, Fundación Érguete Integración, Fundación Secretariado Gitano, COGAMI, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Fundación ESPLAI, FAGAL, Fundación JuanSoñador e CDR Portas Abertas). Dividida en varios paneis, nela tratáronse as principais causas e consecuencias da emerxencia residencial, así como as boas prácticas e retos pendentes neste eido.   Respostas á situación de emerxencia residencial Para dar solucións a estes factores que dificultan o acceso a un inmoble, EAPN Galicia tamén presentou o “Plan para garantir o acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible”, unha recompilación de propostas concretas de actuación en materia de acceso á vivenda, dende a aplicación e creación de programas e políticas de loita contra a exclusión residencial, ata reformulacións e cambios nas medidas xa en marcha contra esta exclusión:   Actuar contra a emerxencia: definindo unha Estratexia de Erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia no 2030 seguindo o mandato do Parlamento Europeo, reforzando as liñas de orzamento e procedemento de prevención do desafiuzamento que aseguren o mantemento da vivenda ante a posibilidade de perda da mesma e sen agardar a que se produzan impagos ou mesmo a execución, e impulsando o novo Plan de Atención ás Persoas sen Fogar. Promover e fomentar a vivenda pública en réxime de alugueiro social: limitando os permisos de vivenda de uso turístico, triplicando o parque público de vivenda social, ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e ás 22.800 no 2030. Axilizar o acceso á vivenda pública : mediante o impulso do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, con inscrición automática e prioritaria de persoas en situación de vulnerabilidade beneficiarias de axudas sociais, conectando con Servizos Sociais (SIUSS), actualizando da oferta existente de Vivenda de Protección Oficial en contornas urbanas e rurais e poñendo en marcha un Plan específico de acompañamento e busca de vivenda, especialmente para persoas perceptoras de RISGA e/ou IMV. Diminuír a vivenda baleira: seguindo a Lei estatal polo Dereito á vivenda, reformulando o Imposto de Bens Inmobles (IBI) desde unha perspectiva de progresividade e incrementando a implicación e traballo coordinado de Xunta e concellos, mediante a colaboración co Terceiro Sector de Acción Social. Asegurar unha accesibilidade universal: asegurando liñas de axuda específicas a colectivos vulnerabilizados para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios e mediante a creación dun “Fondo Público de Promoción da Accesibilidade Universal” nutrido co 1,5% dos Orzamentos que se dediquen a infraestruturas, axenda urbana, mobilidade e transportes en cada Administración. Facilitar a chegada de axudas á vivenda e subministracións a persoas en situación de vulnerabilidade: asegurando a creación dunha oficina de proximidade, axente rehabilitador ou servizo de vivenda en cada concello maior de 20.000 habitantes, que asesore e facilite á cidadanía vulnerabilizada, reforzando as políticas e orzamentos de axudas económicas á mocidade para a súa emancipación, ou destinando un 30% dos fondos de rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética. Creación da Sección Oficial do Observatorio de Vivenda de Galicia: realizando unha análise da situación de vivenda na nosa comunidade e así dispor de datos oficiais e de fácil acceso a nivel autonómico e municipal que sirvan como base para o cumprimento de compromisos e novas medidas de acción pública.   Catro retos de acción pública Para que todo o anterior funcione, é preciso acelerar e non por freo as políticas en materia de vivenda que se están a levar a cabo por parte das administracións (Xunta de Galicia, Concellos, Deputacións e Goberno central). E para que estas políticas teñan un verdadeiro impacto e non perdan o enfoque social, deben atender a catro […]

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies