As entidades que conforman EAPN-Galicia celebran a creación da Consellería de Vivenda

0 163
Comparte!
EAPN- Galicia valora positivamente a cesión das competencias en igualdade á Consellería de Política Social e a posta en valor da Consellería de Emprego e considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial.

 

Representantes das entidades de EAPN-Galicia co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto de toma de posesión

EAPN-Galicia felicita ao novo goberno da Xunta de Galicia, encabezado polo presidente, Alfonso Rueda, polas reformas e incorporacións de varias carteiras que marcarán esta XII lexislatura .

Por unha banda, a cesión das competencias en Igualdade á Consellería de Política Social, por outra, a posta en valor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o compromiso de facilitar os procesos de inclusión social e acceso ao emprego efectiva de persoas en pobreza ou vulnerabilidade, en especial da poboación migrante nesta situación.

Valórase especialmente a creación da nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a asunción dunha das principais demandas da Rede, para asegurar a visibilización e que se afronte de xeito integral a emerxencia residencial en Galicia. Resulta evidente como o impacto da elevada inflación e a suba dos prezos da enerxía e bens de primeira necesidade repercuten nas dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible.

Estas trabas non só as experimentan persoas en pobreza senón tamén as que pertencen á clase media ou media baixa. A exclusión residencial é un problema global da sociedade galega e debe enfocarse desde un prisma de dereitos sociais que fomente o acceso ao mercado inmobiliario das vivendas baleiras, evitando que quede nun segundo ou terceiro plano e antepoñéndoo á construción, a promoción inmobiliaria e o lucro.

Compromiso na loita contra a emerxencia residencial

Preme na imaxe para coñecer a exposición #EmerxenciaVivenda

Compre lembrar tamén que, malia a satisfacción pola creación da Consellería de Vivenda, unha das principais demandas de EAPN- Galicia era a de, como mínimo, triplicar o parque público de vivenda social ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e ás 22.800 no 2030. O compromiso do goberno da Xunta neste senso quedouse na duplicación do parque público, valoramos a implicación do novo presidente como un primeiro paso sen dúbida positivo pero aínda insuficiente.

Neste senso, as entidades que tecen rede en EAPN- Galicia amosan a súa disposición total a colaborar co novo executivo galego na loita contra emerxencia residencial, asegurando o compromiso compartido de garantir a dispoñibilidade de vivenda social de xeito inmediato e a longo prazo, así como doutras medidas como a definición dunha Estratexia de erradicación do chabolismo e a infravivenda no 2030, a prevención do senfogarismo, o pulo do alugueiro social, a prevención do desafiuzamento ou a accesibilidade entendida como obra pública prioritaria.

Por outro lado, EAPN-Galicia estima que todas estas actuacións a prol de erradicar a emerxencia de vivenda en Galicia deberían implicar o aumento de fondos propios da Xunta, reforzando a Consellería de Vivenda nos vindeiros orzamentos de 2025.

 

Coordinación entre consellerías e concellos

Ademais, deberá prevalecer unha filosofía de coordinación entre a nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a de Política Social e Igualdade, para evitar que se dilúa o enfoque social e de dereitos. Esta coordinación deberá ser extensible tamén aos concellos, concretando o número e o lugar de solares ou vivendas que se van a facilitar e cando, así como asegurar o acceso a vivendas e barrios vulnerables dos fondos europeos e estatais nesta materia.

A presidenta de EAPN- Galicia, Ana Pardo, considera que “existen antecedentes en varios municipios que demostran que, cando estas consellerías traballan man a man, os resultados son moi positivos. Debemos ter consciencia de que a vivenda non nace para especular, senón para proporcionar unha resposta social”.

Incidimos que o novo goberno e as forzas políticas que compoñen o Parlamento galego para a lexislatura 2024-2028 (PPdeG, BNG, PSdeG PSOE e Democracia Ourensana) deben traballar conxuntamente para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, en colaboración con municipios, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social.

Por isto último a Rede considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial de poboación vulnerabilizada.

Todas estas valoracións están integradas no documento de análise detallado do nivel de incorporación das demandas e metas formuladas dende EAPN Galicia para as forzas parlamentares con representación para a XII Lexislatura (2024-2028).

 

Consulta aquí o documento detallado de análise dos programas electorais

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies