Polo dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible

Novas destacadas

  • Na xuntanza tratáronse temas como a urxencia da nova Lei de Inclusión, a simplificación burocrática, a coordinación con outras consellerías como as de Vivenda ou Emprego, e cos concellos. Entroutras demandas da Rede, destacouse a necesidade de que as entidades sociais conten cun financiamento estable para garantir unha maior calidade de atención. A Xunta directiva da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social reuniuse coa Conselleira da Política Social e igualdade, Fabiola García, a Secretaria Xeral Técnica, María Francisca Gómez e o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, para abordar as principais demandas contra a pobreza e inclusión social de EAPN Galicia. Coa xuntanza retomouse a interlocución estable e normalidade entre Rede e Consellería. Un dos principais reclamos é que a Consellería adopte un papel máis ambicioso na nova lexislatura, coa aprobación urxente da nova Lei de Inclusión. Desde o departamento de Política Social, aseguran que esta é unha prioridade máxima nestes catro anos de exercicio, unha vez se logre o traspaso do Ingreso Mínimo Vital (IMV) a Galicia, para o cal xa existe un acordo co Goberno Central. Ademais garantiríase a compatibilidade desta prestación coa Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Abordouse tamén a necesidade de impulsar medidas de emerxencia para atención de necesidades básicas ou de apoio a familias monoparentais e loita contra a pobreza infantil. A conselleira Fabiola García, amosouse partidaria da desburocratización, avanzando de xeito decidido cara o concepto de portelo único.   Novos datos de pobreza e exclusión social EAPN Galicia non quixo deixar de mencionar que no vindeiro mes de outubro faranse públicos os datos de pobreza e exclusión social en Galicia e que todo apunta a que serán peores que no informe anterior. Insta á Consellería de Política Social a mirar eses datos de fronte e buscar medidas efectivas para revertelos desde a Xunta. Neste senso outro dos temas tratados foi potenciar a coordinación política e técnica entre as consellerías de Política Social, Vivenda e Emprego mediante procesos integrais de inclusión sociolaboral e socioresidencial e nas convocatorias do 2025. Neste sentido, a Xunta Directiva da Rede fixo entrega á Conselleira do “Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas”. Desde o departamento encabezado por Fabiola García, aseguraron estar a reforzar o compromiso e a aposta na loita contra a emerxencia residencial do presidente da Xunta, asegurando coordinación entre consellerías e con medidas específicas: senfogarismo, erradicación chabolismo e infravivenda no 2030, 100 vivendas transición, etc. Ademais de que exista un espazo de interlocución cos municipios. Dende EAPN crese imprescindible fomentar a coordinación e implicación municipal así como os espazos de interlocución e gobernanza con concellos e entidades do Terceiro Sector. As comisións técnicas previstas na Axenda Social de Galicia, formadas por representantes dos axentes implicados son claves: exclusión residencial; emprego e promoción económica inclusivos; pobreza económica e enerxética; dependencia e servizos de atención no fogar; pobreza infantil e atención familiar; e cooperación Administracións Públicas e Entidades de iniciativa social para a inclusión. Garantía da calidade de atención no Terceiro Sector Por outra banda, tanto a Conselleira como as representantes de EAPN Galicia coincidiron na importancia de que as entidades sociais do Terceiro Sector deben contar cun financiamento estable e integral como garantía da calidade de atención e do emprego das e dos profesionais das entidades: Lei do Terceiro Sector de Acción Social, pulo do Concerto social e convocatorias integrais plurianuais, recoñecemento das organizacións como entidades mediadoras no acceso a recursos como IMV ou RISGA e na redución do Non Take Up; reforzo Servizos Sociais Comunitarios, etc. Finalmente, a Xunta Directiva fíxolle entregaá Conselleira do documento detallado da Análise de programas electorais do 18F e o Documento final de conclusións do XV Encontro Galego de Participación “A saúde mental, importa?

  • O pasado 11 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela o XV Encontro Galego de Participación para persoas en pobreza ou en risco de exclusión social baixo o lema “A saúde mental importa? Impacto da saúde mental na vulnerabilidade das persoas”. Tratouse dunha xornada durante a cal os asistentes traballaron na elaboración de propostas de mellora sobre o coidado da saúde mental desde o propio individuo/a pero tamén desde o seu entorno, comunidades e administracións públicas. O encontro, que contou coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e, máis tarde, trasladouse á Praza 8 de marzo onde se procedeu á lectura do manifesto resultante do traballo de toda a xornada. Un ano máis e, baixo o lema “A saúde mental importa? Impacto da saúde mental na vulnerabilidade das persoas”, celebrouse o XV Encontro Galego de Participación Social, o evento de referencia en Galicia de participación de persoas en risco ou situación de pobreza e exclusión social. Nesta ocasión, a xornada tivo como obxectivo a participación activa de persoas vulnerabilizadas para reclamar de xeito colectivo melloras no tratamento da saúde mental. Buscouse que os participantes reflexionasen sobre a temática e intercambiasen coñecementos para mellorar así a comprensión e a abordaxe dos desafíos desta problemática. A actividade contou coa constante participación e colaboración de entidades como Accem, AGARESO, Fundación de Solidaridad Amaranta, Asociación de Migrantes de Galicia- Amiga, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Mondoñedo- Ferrol, COGAMI, Teima Down Ferrol, Ecos do Sur, Emaús, Fundación Esplai, Saúde Mental Feafes Galicia, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Ronsel, Fundación Meniños, ONG Mestura e Asociación Provivienda. A xornada desenrolouse principalmente na Escola Galega de Administración Pública da Xunta de Galicia (EGAP), en Santiago de Compostela, coa benvida e a rendición de contas da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo e o director da Rede, Xosé Cuns, e a palestra marco introdutoria sobre saúde mental e pobreza da man do presidente de Saúde Mental Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón. Traballo en grupos Posteriormente tivo lugar a actividade de traballo en grupos no que os participantes debían compartir as súas reflexións para responder a tres preguntas que enmarcaron a xornada: Que é para ti a saúde mental? Que fas ou podes facer ti para coidar a túa saúde mental? Que fan ou poden facer o teu entorno, a comunidade, organizacións e administracións para coidar a túa saúde mental? Das propostas recompiladas nos grupos de traballo puidéronse extraer conclusións como que é urxente facilitar o acceso a profesionais da saúde mental para tódalas persoas, independentemente da violencia estrutural que as atravese, e que a autoaceptación e a creación dun entorno seguro son primordiais para mellorar a saúde mental da cidadanía. Durante todo o encontro, as persoas participantes puideron interactuar entre elas grazas á dinámica “crebaxeos” unha iniciativa orientada á desinhibición e ao intercambio de experiencias persoais co obxectivo de tecer novas relacións e crear sentimento de grupo. A xornada da tarde comezou coa votación, por parte das persoas participantes, das propostas extraídas dos grupos de traballo que mellor respondían á terceira das preguntas que se formularon. Posteriormente, pasouse á clausura oficial do encontro, que contou coa presenza da Subdirectora de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Ana Aboy, e novamente coa Presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo. Fin da xornada Xa para finalizar o traballo na EGAP, coñeceuse o resultado da votación e pasouse á parte máis informal deste XV Encontro de Participación, a entrega de premios da dinámica “crebaxeos” que deu lugar a divertidos momentos e cánticos. Para rematar de xeito redondo o encontro, as persoas participantes desprazáronse á Praza 8 de marzo para realizar unha última actividade en grupo (a elaboración dun debuxo a base de trazos de todos/as asistentes) e a lectura do manifesto que incluía as cinco reclamacións máis votadas durante a xornada da tarde: Dotación de recursos económicos destinados a aumentar o número de profesionais da saúde e fortalecemento dos perfiles profesionais das entidades do Terceiro Sector, reforzando así a calidade da atención ás persoas nunha colaboración entre o sector sanitario e o sector social. Facilidades para o acceso a unha vivenda sen depender dun contrato de traballo. Cobertura da necesidade básica da vivenda, sendo estas actualmente inadecuadas, temporais, compartidas entre varias persoas, limitando el espazo e a privacidade persoal. Formación e capacitación dos profesionais do ámbito educativo en xestión emocional, promoción de campañas de sensibilización e recuperación de espazos comunitarios. Promoción da saúde comunitaria, transversalizar a saúde mental: tendo en conta as necesidades de cada persoa e a violencia estrutural que as atravesa (capacitismo, racismo, bullying, infantilización das persoas con discapacidade intelectual, violencia machista). Visión multidisciplinar das necesidades (creación de espazos seguros, responsabilidade comunitaria, de información ao entorno familiar, incidencia política en canto á temática). Concienciar e educar na saúde mental en adultos e en escolas, eliminando os discursos de odio e o estigma sobre a saúde mental. Neste vídeo podes ver a lectura do manifesto “A saúde mental, importa? que tivo lugar na Praza 8 de Marzo en Santiago de Compostela.   Aquí podes ver un breve resumo da xornada.   Material e documentación relacionada Cartel e programa do encontro Manifesto “A saúde mental, importa?” Tríptico informativo Documento final de conclusións  

  • Segundo o Eurobarómetro publicado en abril do 2024, os temas que máis preocupan á cidadanía europea son a pobreza e a exclusión social e a saúde pública. Desde EAPN presentamos un dodecálogo de doce grandes demandas de cara unha Europa máis social e libre de pobreza. Celebraremos un webinar sobre este tema, que busca facer un chamamento ás entidades do TSAS para acadar a maior participación posible nas eleccións do 9 de xuño.     O vindeiro 9 de xuño celébranse as eleccións ao Parlamento Europeo, unhas eleccións que marcarán as políticas públicas comunitarias dos próximos anos e, polo tanto, os dereitos e o benestar de millóns de persoas. No imaxinario colectivo, téndese a crer que a pobreza é un problema residual nunha rexión rica como é Europa. Sen embargo, as taxas de pobreza e exclusión social no continente son altas e constantes. Segundo os últimos datos publicados por Eurostat, a pobreza e a exclusión social afectan ao 21,6 % da poboación europea, 95,3 millóns de persoas. Tras estas cifras atópase a crúa realidade de persoas con nomes e apelidos que cada día ven vulnerados os seus dereitos en aspectos tan básicos como a garantía de ingresos, o acceso a unha vivenda axeitada, a servizos públicos ou a un emprego digno.   Temas que preocupan á cidadanía Europea Segundo o Eurobarómetro de abril de 2024 un terzo da poboación da UE considera que a loita contra a pobreza e a exclusión social (33%) e a saúde pública (32%) constitúen os principais temas aos que se deben dar prioridade desde o Parlamento Europeo. Es España, a saúde pública é o tema que produce maior inquedanza seguido da pobreza e a exclusión social. Malia que as medidas sociais aplicadas a nivel europeo e estatal fronte á pandemia da COVID-19 e para facer fronte aos efectos da inflación e da guerra en Ucraína foron moi diferentes á vía de austeridade de 2008 -apostando por unha vía de dereitos-, o certo é que a pobreza e a exclusión social seguen a ser un problema pendente. O futuro Parlamento Europeo debe ter como prioridade inmediata as necesidades urxentes e emerxentes, adoptando medidas redistributivas e de xustiza social cun maior alcance, para evitar que a desigualdade, a pobreza e a discriminación sigan crecendo a niveis intolerables.   Políticas e fondos imprescindibles contra a pobreza e a exclusión social en Galicia A Unión Europea conta con instrumentos para loitar contra a pobreza, como o Piar Europeo de Dereitos Sociais lanzado en 2017, que establece 20 principios básicos centrados en garantir unhas condicións de vida dignas para a cidadanía agrupados en 3 grandes áreas: a igualdade de oportunidades e de acceso ao mercado laboral, a protección e inclusión social adecuada, e condicións de traballo xustas e seguras. Por outra banda, existe Carta Social Europea, que se trata dun tratado do Consello de Europa que consagra dereitos humanos e liberdades fundamentais. Comparte o mesmo espírito que o Piar de Dereitos Sociais e inclúe disposicións sobre o dereito ao traballo, á seguridade social, á protección social e á igualdade de oportunidades e de trato no ámbito laboral, e conta cun organismo que supervisa o cumprimento do seu contido (Comité Europeo de Dereitos Sociais). Dende o ingreso de España na entón denominada Comunidade Europea no ano 1986, baixo a premisa de acadar un verdadeiro equilibrio territorial entre as rexións parte da mesma, comezou o despregamento dos fondos europeos. En suma, Galicia recibiu ata a actualidade máis de 18.500 Millóns de Euros das diferentes liñas de apoio das institucións comunitarias no que foi un verdadeiro revulsivo para o desenvolvemento da nosa rexión. O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) son instrumentos de apoio económico da Unión Europea destinados a promover a cohesión económica, social e territorial entre os Estados membros. Mentres que o FSE+ se enfoca en mellorar o emprego e as oportunidades laborais, promovendo a inclusión social e combatendo a pobreza, o FEDER céntrase máis no apoio ao desenvolvemento rexional, investindo en infraestruturas, innovación, investigación e desenvolvemento, así como na transición cara a unha economía máis sostible. Atendendo ás áreas estratéxicas máis sensibles, puxéronse en marcha numerosas iniciativas de apoio económico en sectores como o pesqueiro (Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura, FEMPA) e agrario (Fondos da Política Agraria Común, PAC e Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural, FEADER); ademais doutras ferramentas encamiñadas ao fortalecemento da cohesión social e territorial da Unión (Fondo de Transición Xusta, FTJ ou nomeadamente, o Fondo de Cohesión).   Doce medidas contra a Pobreza e a Exclusión Social É o noso deber lembrarlles ás diferentes formacións políticas que concorren aos comicios europeos, os compromisos sociais adquiridos no marco da Axenda 2030, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o Pilar Europeo de Dereitos Sociais, e polo tanto, a necesidade non só de manter as políticas públicas implementadas durante os últimos anos senón tamén un aumento dos recursos e do alcance das mesmas. Non esquecemos tampouco o reto que presentan para a democracia o auxe dos discursos de odio e a normalización das denominadas fake news. Desde EAPN Galicia, creemos que unha Europa igualitaria só se pode construír poñendo no centro a paz e os dereitos humanos. O novo contexto político brinda a oportunidade de facer unha aposta firme e eficaz contra a pobreza. Toca ás institucións e aos diferentes Gobernos ter altura de miras ante os retos pendentes, colaborando coa sociedade civil para que os dereitos e a dignidade de todas as persoas marquen as axendas, tal e como demanda a propia cidadanía europea. Por iso, presentamos un dodecálogo de propostas que consideramos imprescindibles para a Europa que xurda dos próximos comicios. 1- Implementación de Ingresos Mínimos Garantizados (IMG) Medida: Directiva europea que esta bleza a implantación e implementación de sistemas de garantía de ingreso mínimo nos países membro. Indicador: Porcentaxe da poboación que vive por debaixo do limiar da pobreza antes e despois da implementación do IMG, con datos desagregados por idade e tipos de familias.   […]

  • A exposición poderá visitarse desde o 20 de maio ata o 10 de xuño no centro comercial Área Central. A mostra costa de 14 paneis fotográficos nos que se amosan situacións reais das dificultades de contar cunha vivenda digna, axeitada e accesible. No marco do acto de presentación, celebrouse unha mesa redonda para falar sobre a problemática de acceso á vivenda en Santiago de Compostela.     EAPN Galicia, Rede Europea de Loita contra a Pobreza traslada a mostra fotográfica itinerante “Emerxencia Vivenda”, ao centro comercial Área Central, sito no barrio de Fontiñas, en Santiago de Compostela. Este barrio foi exemplo de facilitar o acceso á vivenda de miles de composteláns e compostelás, supondo o proxecto de maior vivenda pública feito en Santiago de Compostela. Porén representa o obxectivo da exposición, que non é outro que o de continuar a transmitir o clamor da sociedade civil galega sobre a gravidade da situación e emerxencia no acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Acto de presentación A través da campaña e da exposición #EmerxenciaVivenda, as 151 organizacións da sociedade civil membro de EAPN Galicia pretenden visibilizar a gravidade da situación e reclamar o aumento drástico e urxente dos orzamentos destinados ata agora ao acceso á vivenda na Xunta e na maioría dos concellos galegos e a súa coordinación coas entidades do Terceiro Sector Social. Nesta liña, o 28 de maio tivo lugar un acto de presentación da exposición, que consistiu nunha mesa de diálogo para abordar a problemática do acceso á vivenda na cidade de Santiago de Compostela e na que participaron o Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, a Secretaria Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez, e a Secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, María Pierres, e estivo moderado polo director de EAPN Galicia, Xosé Cuns. A exposición consta de 14 paneis nos que figuran fotografías e testemuñas que amosan situacións reais e actuais das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, que foron recollidas e enviadas polas Entidades Membro. Tamén figuran algunhas seleccionadas a partires do concurso de fotografía que lanzou EAPN Galicia, para mostrar a realidade da exclusión residencial en Galicia, dentro da campaña #EmerxenciaVivenda. Os paneis foron presentadas por representantes dalgunhas entidades que tecen rede en EAPN Galicia, como Fundación Secretariado Xitano, FEGADACE, Provivienda, Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA) e Federación Alzheimer Galicia (FAGAL).   A mostra fai un percorrido por varias dificultades para acadar unha vivenda digna como son o senfogarismo, o chabolismo, o desafiuzamento, a falta de adaptación estrutural ou o despoboamento do rural. Tamén no parque público de vivenda social, que en Galicia supón do 0,35% das vivendas principais. 3 veces menos que a media estatal do 0,96% e 30 veces menos que no conxunto da Unión Europea (9,3%). Porén, e aproveitando que se constituíu un novo Parlamento de Galicia tralas eleccións autonómicas de febreiro, a iniciativa é un recordatorio ás forzas políticas do Parlamento Galego da necesidade de demostrar o seu compromiso por unha vivenda digna axeitada e accesible, tanto nos orzamentos da Xunta como nas Deputacións e nos concellos así como a necesidade traballar de xeito conxunto para proporcionar unha resposta real a esta emerxencia. Mesa de diálogo Temas como o parque público de vivenda de Santiago de Compostela, a Lei de Vivenda, zonas tensionadas ou a concesión de fondos a barrios vulnerabilizados foron algúns dos temas que se trataron nesta mesa de diálogo .   As institución que participaron no faladoiro coincidiron na idea que de unha administración por si soa non é quen de proporcionar solucións eficaces á problemática do acceso á vivenda e comprometéronse a “non pasarse a pelota” e colaborar de xeito conxunto para resolver a situación de emerxencia de vivenda que se vive no municipio.   Cantas vivendas, onde e cando? Unha das principais demandas de EAPN Galicia é que se triplique o parque público de vivenda durante esta nova lexislatura e chegar ás 22.800 no ano 2030. Un reclamo que xa se trasladou ao novo goberno galego xunto con outras nove demandas e que comeza a ver os seus resultados coa boa nova da creación da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e dos compromisos explícitos do Presidente da Xunta de Galicia nesta materia Ante a cuestión de cubrir esta demanda, o edil do Concello de Santiago puntualizou que a vivenda pública non debería estar situada unicamente en espazos periféricos do concello. Debería tamén ubicarse no centro ou nos barrios históricos. Iago Lestegás tamén fixo un chamamento a levar a cabo un uso da vivenda máis eficiente, empregando as baleiras ou as que non están en uso no cando de construír. Neste sentido, desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia mencionaron como alternativa, novas fórmulas de cesión do solo e habitacionais (cooperativas). Pola súa banda, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, lembrou o compromiso da Xunta de Galicia de duplicar o parque público de vivenda para alugueiro e 20.000 vivendas de protección oficial e anuncia que 1000 desas vivendas xa están en marcha. O debate tamén estivo centrado en temas como a Lei de Vivenda e a súa viabilidade e tamén das Axudas das áreas de Rehabilitación Integral (ARI). Podes ver o acto de presentación íntegro na nosa canle de Youtube.      

  • EAPN- Galicia valora positivamente a cesión das competencias en igualdade á Consellería de Política Social e a posta en valor da Consellería de Emprego e considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial.   EAPN-Galicia felicita ao novo goberno da Xunta de Galicia, encabezado polo presidente, Alfonso Rueda, polas reformas e incorporacións de varias carteiras que marcarán esta XII lexislatura . Por unha banda, a cesión das competencias en Igualdade á Consellería de Política Social, por outra, a posta en valor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o compromiso de facilitar os procesos de inclusión social e acceso ao emprego efectiva de persoas en pobreza ou vulnerabilidade, en especial da poboación migrante nesta situación. Valórase especialmente a creación da nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a asunción dunha das principais demandas da Rede, para asegurar a visibilización e que se afronte de xeito integral a emerxencia residencial en Galicia. Resulta evidente como o impacto da elevada inflación e a suba dos prezos da enerxía e bens de primeira necesidade repercuten nas dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Estas trabas non só as experimentan persoas en pobreza senón tamén as que pertencen á clase media ou media baixa. A exclusión residencial é un problema global da sociedade galega e debe enfocarse desde un prisma de dereitos sociais que fomente o acceso ao mercado inmobiliario das vivendas baleiras, evitando que quede nun segundo ou terceiro plano e antepoñéndoo á construción, a promoción inmobiliaria e o lucro. Compromiso na loita contra a emerxencia residencial Compre lembrar tamén que, malia a satisfacción pola creación da Consellería de Vivenda, unha das principais demandas de EAPN- Galicia era a de, como mínimo, triplicar o parque público de vivenda social ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e ás 22.800 no 2030. O compromiso do goberno da Xunta neste senso quedouse na duplicación do parque público, valoramos a implicación do novo presidente como un primeiro paso sen dúbida positivo pero aínda insuficiente. Neste senso, as entidades que tecen rede en EAPN- Galicia amosan a súa disposición total a colaborar co novo executivo galego na loita contra emerxencia residencial, asegurando o compromiso compartido de garantir a dispoñibilidade de vivenda social de xeito inmediato e a longo prazo, así como doutras medidas como a definición dunha Estratexia de erradicación do chabolismo e a infravivenda no 2030, a prevención do senfogarismo, o pulo do alugueiro social, a prevención do desafiuzamento ou a accesibilidade entendida como obra pública prioritaria. Por outro lado, EAPN-Galicia estima que todas estas actuacións a prol de erradicar a emerxencia de vivenda en Galicia deberían implicar o aumento de fondos propios da Xunta, reforzando a Consellería de Vivenda nos vindeiros orzamentos de 2025.   Coordinación entre consellerías e concellos Ademais, deberá prevalecer unha filosofía de coordinación entre a nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a de Política Social e Igualdade, para evitar que se dilúa o enfoque social e de dereitos. Esta coordinación deberá ser extensible tamén aos concellos, concretando o número e o lugar de solares ou vivendas que se van a facilitar e cando, así como asegurar o acceso a vivendas e barrios vulnerables dos fondos europeos e estatais nesta materia. A presidenta de EAPN- Galicia, Ana Pardo, considera que “existen antecedentes en varios municipios que demostran que, cando estas consellerías traballan man a man, os resultados son moi positivos. Debemos ter consciencia de que a vivenda non nace para especular, senón para proporcionar unha resposta social”. Incidimos que o novo goberno e as forzas políticas que compoñen o Parlamento galego para a lexislatura 2024-2028 (PPdeG, BNG, PSdeG PSOE e Democracia Ourensana) deben traballar conxuntamente para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, en colaboración con municipios, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social. Por isto último a Rede considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial de poboación vulnerabilizada. Todas estas valoracións están integradas no documento de análise detallado do nivel de incorporación das demandas e metas formuladas dende EAPN Galicia para as forzas parlamentares con representación para a XII Lexislatura (2024-2028).  

  • A asemblea ordinaria de EAPN- Galicia aprobou o documento de análise das propostas electorais das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia e o seu nivel de acordo coas demandas das entidades membro da Rede. PP, BNG e PSdeG teñen un elevado nivel de consenso parcial, e ás veces total, nos seus programas en medidas sociais chave para as persoas en situación ou risco de pobreza e/ou exclusión social.   No marco dunha campaña electoral marcada polo grave problema de exclusión residencial e acceso á vivenda ou mesmo a un emprego digno e, ante o impacto da inflación, a subida dos prezos da enerxía e os bens de primeira necesidade, as organizacións que formamos EAPN Galicia lanzamos a campaña ‘Avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade en Galicia ante as Eleccións ao Parlamento de Galicia 2024’. Baixo o cancelo #Pobreza18F, presentamos un documento que recolle 4 principios, 10 prioridades e 15 metas para implantar na vindeira lexislatura. Para comprobar cantas destas metas estaban incluídas nas promesas dos partidos políticos que se presentaban ás eleccións autonómicas, realizouse unha análise dos programas electorais das agrupacións que tiñan presencia no Parlamento Galego. A continuación amósanse o nivel de acordo existente entre os principais partidos políticos que formarán parte do próximos goberno da Xunta de Galicia. Realizamos tamén unha análise pormenorizada das propostras do programa electoral do PPdeG xa que, como forza gobernante, será a que establecerá as medidas parlamentarias que deberá levar a cabo a Xunta de Galicia. Incidimos en que o novo goberno que emane destas eleccións e as forzas políticas que compoñen o Parlamento Galego para a lexislatura 2024-2028 deben traballar conxuntamente para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, en colaboración con concellos, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social. A análise dos programas electorais das tres forzas políticas que acadaron representación nos comicios celebrados o 18F (PP, BNG e PSdeG-PSOE) conclúe que hai un elevado grado de consenso en bastantes das súas propostas. Asemade, estes puntos en común conforman un bo comezo para favorecer o acordo entre as diferentes formacións en medidas sociais para a reconstrución social, tanto na administración autonómica como local, de xeito que as persoas e o seu benestar estean no centro do seu labor.     O consenso como necesidade para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais A necesidade dunha aposta clara polas persoas require dun traballo conxunto por parte das forzas políticas do Parlamento Galego, así como da colaboración entre todos os niveis da administración. Nesta liña, trala análise dos programas electorais de PP, BNG e PSdeG-PSOE, constátase o elevado nivel de coincidencia de forma parcial ou completa nas propostas formuladas polos partidos nos seguintes eidos: Vivenda digna: Ampliar o parque público de vivenda, concretando, en coordinación cos concellos e a FEGAMP, o número e lugar dos solares e vivendas que se facilitarán e cando. Promover o acceso da vivenda privada ao réxime de alugueiro social. Impulsar o novo Plan de Atención ás Persoas sen Fogar xunto a concellos e organizacións de acción social. Crear unha rede de vivenda de emerxencia (2 vivendas de transición por cada 10.000 habitantes). Reforzar as políticas e orzamentos de axudas económicas á mocidade para a súa emancipación, simplificando a súa solicitude e xestión.   Garantía de Ingresos e acompañamento nos procesos de inclusión social: Establecer un protocolo de vulnerabilidade severa que permita atender ás necesidades vitais máis urxentes de maneira inmediata mediante unha Tarxeta Económica Básica de Emerxencia. Aprobar unha Nova Lei de Garantía de Ingresos de Galicia reforzando a Lei de Inclusión social e garantindo a complementariedade entre RISGA e IMV. Ampliar a cobertura a colectivos non atendidos ou de especial vulnerabilidade con tramitación urxente e simplificada. Asegurar un servizo de apoio e acompañamento na realización de trámites estable para a poboación que o precise.   Infancia e mocidade Elaboración da Lei Galega da Infancia. Garantir un 5% do FSE 2021-2027 en plans operativos específicos de Garantía Infantil para a redución da pobreza. Despregamento da Rede Galega de Atención Temperá ao 100% da poboación galega. Posta en marcha do Plan de Choque contra o fracaso escolar. Implantar a figura do Coordinador de Benestar nos servizos educativos. Garantir recursos específicos para a infancia e mocidade con enfermidades mentais. Fortalecer os programas de apoio á autonomía persoal e emancipación da mocidade que abandona o sistema de protección e xustiza xuvenil. Implementar políticas que garantan o acceso universal ao lecer e tempo libre socioeducativo, especialmente á mocidade.   Loita contra a pobreza e inclusión residencial, social e laboral das persoas vulnerabilizadas Implantación de programas de promoción da saúde cun enfoque dende os determinantes sociais e o pleno acceso á cobertura sanitaria universal. Por en marcha programas de promoción da saúde mental e prevención do suicidio dende o Sistema Público de Saúde, en colaboración co Terceiro Sector. Elaborar un programa específico de medidas contra a soidade non desexada (a nivel xeral – non só enfocado nas persoas maiores).   Accesibilidade Incrementar recursos e servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia – fronte á institucionalización non desexada. Asegurar liñas de axuda específicas a colectivos vulnerabilizados para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios. Garantir a accesibilidade universal na Administración Electrónica.   Emprego digno e inclusión sociolaboral Reformular convocatorias e ferramentas de inclusión sociolaboral para asegurar procesos integrais que traballen as vertentes persoal, social, formativa e laboral. Ampliar os programas de inclusión sociolaboral para que cheguen a persoas en situación ou risco de exclusión social. Proporcionar financiamento estable e maior apoio e competencias ás entidades do Terceiro Sector. Deseñar actuacións específicas para mozos e mozas que abandonan o sistema educativo ou presentan dificultades para manterse nel. Incluír nos plans de igualdade criterios relacionados co edadismo.   Medio Rural Asegurar a satisfacción das necesidades sanitarias, sociais e sociosanitarias. Implantar servizos sociocomunitarios de proximidade entre a Administración autonómica e as locais. Mellorar a rede de transporte público. Garantir […]

  • Na campaña anterior, un 54,5% dos contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (24.528 máis que no ano anterior), recadándose 24.029.488 de euros, (2.638.195 euros máis que o ano anterior). Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39.461.392€, é dicir, 15.431.905 € máis dos recadados. No 2023, 153 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña do X Solidario para intentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”. A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas. A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia, consistiu na elaboración dun X xigante cunha tea laranxa no medio da praza. Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #EquipoXSolidaria. A lectura do manifesto realizouse no interior das instalacións do Campus Stellae e contou cunha intérprete en lingua de signos, Noemí Vázquez Miguez, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). Correu a cargo da Presidenta da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Mónica Viqueira, o Secretario Xeral do CERMI-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro e do Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, quenes reclamaron á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, unha simplificación burocrática e unha única convocatoria. Un recadro que cada ano conta con máis adeptos Durante o 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 €, grazas a que 775.395 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 € por persoa. Un éxito porque foron 24.528 persoas máis que no 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 € máis. Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (530.187 non marcaron ningún recadro e 117.441 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 Euros (15.431.905 € máis). A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 475.902.000 € grazas a que 12.052.295 persoas marcaron o X Solidario súa Declaración, é dicir, un 53% do total de persoas declarantes. O que supón que o número de persoas contribuíntes solidarias creceu en case 2 millóns nos últimos 10 anos. Neste recadro, pódese ver o recadado por cada oficina: #EquipoXSolidario Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos. Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan. Máis información: https://www.xsolidaria.org/

  • Un estudo elaborado por EAPN-Galicia reflicte que 1.360.284 euros dos 2.993.668,25 € reservados para o Plan Renove 2023 foron destinados a consumidores vulnerabilizados es e vulnerabilizados severos, o que suporía un 45% da porcentaxe total. Desde EAPN-Galicia animamos a tódalas persoas que o precisen a solicitar as achegas do Plan Renove xa que puidemos comprobar que as axudas chegan. O número de persoas vulnerabilizadas que se beneficiaron do Plan Renove de Electrodomésticos 2023 impulsado pola Axencia Instituto de Eficiencia Enerxética da Xunta de Galicia (INEGA) foi superior ao do ano 2022, segundo un estudo comparativo realizado por EAPN-Galicia. O obxectivo principal deste Plan Renove, é o do emprego racional da enerxía a través de medidas de aforro e eficiencia enerxética. Para isto, o programa pretende renovar electrodomésticos de certa antigüidade por outros novos cunha elevada clasificación enerxética, a través de axudas aos potenciais consumidores. Isto contribuiría a rebaixar a o custo do subministro enerxético e a redución de emisións de efecto invernadoiro. A porcentaxe da axuda para variará dependendo de se o consumidor se trata dunha persoa vulnerabilizada, que recibirá un 50% do importe total do electrodoméstico adquirido; dunha persoa vulnerabilizada severa que obtería o 75%, ou dun consumidor xeral, ao que lle corresponde un 25%. Aumento do orzamento no ano 2023 Se comparamos a contía destinada ao Plan no 2022 coa do 2023, esta aumentou en preto de 1.000.000 de euros. No ano 2022 investiuse un total de 1.988.330,69€ fronte aos 2.993.668,25 € no 2023. Tamén se incrementou o número de solicitudes, máis de 13.500 no 2022, superadas polas preto de 20.000 no ano pasado. Segundo datos recollidos por EAPN-Galicia, a meirande parte dos escritos pertencentes á convocatoria 2022, preto do 80%, corresponden a cidadáns non vulnerabilizados, o 6% a consumidores vulnerabilizados e case un 13% a consumidores vulnerabilizados severos. No 2023 a tendencia mantívose. Do total de solicitudes, 15.061 corresponden a consumidores xerais, o que supón un 77.5% do total; 1.349 a consumidores vulnerabilizados, que baixa ata un 7% e 3.012 a consumidores vulnerabilizado severos, o cal implicou un lixeiro ascenso, xa que corresponde ao 15% do total. Unha axuda maior para persoas vulnerabilizadas severas O que resulta salientable das cifras resultantes do Plan Renove 2023 foi a contía que recibiu o colectivo de persoas vulnerabilizadas que solicitaron a axuda. Do orzamento total, 1.360.285€ foron destinados a persoas deste grupo, sendo os maiores beneficiarios os consumidores vulnerabilizados severos, que recibiron preto de 1.050.000€ para renovar os seus electrodomésticos. Esta cifra é significativamente máis elevada que no ano anterior, cando este colectivo recibiu 616.533€ tendo unha porcentaxe similar de solicitudes en ambas convocatorias. Pola súa banda, os consumidores vulnerabilizados viron aumentada tamén a súa contía no 2023 malia que o seu incremento non sexa tan significativo. Deste xeito, poderíamos dicir que no pasado exercicio, o colectivo de persoas en risco de exclusión social recibiu o 45% da cifra total do orzamento destinado ao Plan Renove, un 10% foi percibido por persoas vulnerabilizadas e un 35% por persoas vulnerabilizadas severas. Como podo solicitar a axuda do Plan Renove? O prazo para solicitar axudar do Plan Renove da Axencia do Instituto Galego de Eficiencia Enerxética (INEGA) abriu o 8 de febreiro e vence o 30 de setembro ou ata esgotar fondos. O orzamento total que se destina a este plan no exercicio do 2024 para a renovación de electrodomésticos por outros dunha maior calidade enerxética é de 2.175.000,00 €. A cantidade subvencionada non poderá ser superior ao 25% para consumidor xeral, 50% para consumidor vulnerabilizado, 75% para consumidor vulnerabilizado severo. Consulta aquí a convocatoria. Preme aquí para consultar a listaxe de entidades adheridas.   Consulta aquí ao completo o Estudo Comparativo Plan Renove Electrodomésticos 2020-2023, levabo a cabo por EAPN-Galicia con datos facilitados pola Axencia Instituto Galego de Eficiencia Enerxética, apoiados na Lei de Transparencia  

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies