Por que é tan importante prestar atención a saúde mental das mulleres migrantes?

0 353
Comparte!

Presentamos á nova entidade integrante de EAPN Galicia. A ONG Mestura é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa pola inclusión social de colectivos vulnerables, como é o caso das mulleres e mozas migrantes.

 

Ser muller e ser migrante son dous factores de risco para padecer problemas psicolóxicos. Durante o proceso migratorio, é moi frecuente experimentar o que en psicoloxía se coñece como “dó migratorio” que aparece cando a persoa abandona o seu país de orixe. Este tipo de dó ten unhas características únicas que o diferencian do dó clásico:

  • É parcial, pois non se dá unha perda definitiva, senón unha separación.
  • É recorrente, pode revivirse ao longo de toda a vida mentres se dá esa separación, por estar en continuo contacto co país de orixe, aínda que nunha boa elaboración a intensidade das emocións diminúen co tempo.
  • É múltiple, pois non implica exclusivamente a perda dunha persoa, senón que implica a separación ou perda de múltiples aspectos importantes: a familia, a lingua, a cultura, a paisaxe, o status social, etc.

Calquera persoa que viva esta experiencia conta cun factor de risco engadido para sufrir algunha dificultade psicolóxica. Este será maior se a migración se produce en situacións extremas: separación forzosa, viaxe en condicións perigosas ou traumáticas ou a continua loita pola propia supervivencia.

Por outra banda, as persoas migrantes nunha situación administrativa non regularizada teñen dificultades para acceder a certos recursos e cubrir as súas necesidades básicas, estando durante un longo tempo nunha situación económica precaria, o que impacta de maneira significativa na súa saúde.

Estes factores comprometen a saúde mental de homes e mulleres migrantes. A maiores, os roles de xénero impostos pola sociedade colocan ás migrantes nunha situación aínda máis vulnerable: maiores cargas familiares, máis dificultade para acceder ao mercado laboral, menor oportunidade para xerar redes de apoio locais, maior dependencia económica, etc. Estas situacións poden fomentar relacións de desigualdade entre homes e mulleres nas que mesmo poden aparecer agresións machistas. Estes factores interfiren aínda máis no benestar das mulleres.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA SAIMI

Durante o proceso migratorio poden aparecer sentimentos de tristeza, soidade, frustración e desarraigo. Unha boa elaboración do dó implica a diminución da intensidade destes sentimentos co tempo e a construción dunha nova identidade persoal na que convivan aspectos da cultura de orixe e da de acollida.

O Programa SAIMI que a ONG Mestura desenvolve contando coa financiación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten como obxectivo a promoción a e saúde das mulleres migrantes. Segundo a OMS, a saúde non só implica a ausencia de enfermidades, senón que fai referencia a un estado de completo benestar físico, mental e social.

É por iso que este programa, que xa vai pola súa quinta edición, pon o foco de atención na saúde mental das mulleres participantes, ofrecendo terapia psicolóxica individual, dinamizando grupos de apoio emocional, outorgando ferramentas de regulación emocional e solución de problemas, e acompañando no proceso de adaptación e inclusión na sociedade de acollida, para acadar un verdadeiro estado de benestar.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies