Inicio / destacadas / novas / A inflación, as dificultades de acceso á vivenda e o elevado prezo da enerxía lastran aos fogares máis vulnerables
A inflación, as dificultades de acceso á vivenda e o elevado prezo da enerxía lastran aos fogares máis vulnerables
— 17 Outubro, 2023Comentarios desactivados en A inflación, as dificultades de acceso á vivenda e o elevado prezo da enerxía lastran aos fogares máis vulnerables814
Comparte!
O informe ‘Estado da pobreza en Galicia 2023’ revela que 636.000 persoas, o 23,6% da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social no 2022, cifra inferior ao ano anterior.
Os datos reflicten o proceso de recuperación tras a pandemia da COVID-19, os efectos da inflación e as consecuencias provocadas pola guerra de Ucraína pero tamén o relativo éxito das medidas de choque contra a pobreza tanto a nivel estatal (ERTE ou Ingreso Mínimo Vital) como na Xunta (mantemento RISGA ou, sobre todo, a Tarxeta Básica), concellos e organizacións do Terceiro Sector de Acción Social.
A inflación, o encarecemento dos combustibles e enerxía eléctrica e especialmente as dificultades de acceso á vivenda agravan a Privación Material e Social Severa que se sitúa no 6,3% da poboación, lixeiramente superior ao dato do ano anterior (6,2%) ao contrario que a tendencia estatal.
No 2022, 636.000 persoas, o 23,6% da poboación galega, estaban en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE en inglés), 42.000 menos que no ano anterior, pero esta taxa podería chegar a case a metade da poboación chegando ao 48,6% de non haber transferencias públicas (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia.
Esta é unha das conclusións do XIII informe “O estado da pobreza en Galicia 2023 (DESCARGAR AQUÍ), que se fixo público nun acto coa Valedora do Pobo de Galicia, na que estiveron presentes deputadas dos tres grupos políticos do Parlamento e responsables de entidades do Terceiro Sector Social Galego. Está elaborado no marco do informe «El Estado de la Pobreza» de EAPN España cunha análise exhaustiva do indicador de risco de pobreza e exclusión social en base á Encuesta de Condiciones de Vida 2023 (ECV) do Instituto Nacional de Estadística (INE).
Os indicadores, en especial o de pobreza, mantéñense por debaixo dos do conxunto do estado, onde a taxa AROPE se reduce do 27,8% no 2021 ao 26% no 2022. Coa diminución de mais de 44.000 persoas da taxa AROPE dende o 2015, avánzase na meta do Plan Estratéxico Galicia 2022-2030 de reducir no 2030 ao 14% a taxa de risco de pobreza ou exclusión social. Pero pese a isto, Galicia mantense lonxe do cumprimento do acordado na Axenda 2030, para a cal, no 2022, tería que haber unhas 114.000 persoas menos en situación de risco de pobreza e/ou exclusión social.
Redúcese a taxa de pobreza feminina pero crece a fenda de xénero. Das 636.000 persoas que no 2022 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social, 287.000 eran homes (24.000 menos que no ano anterior, 1,8 puntos) e 348.500 mulleres (18.500 menos, 1,3 puntos), o que afecta en especial aos fogares monoparentais (49,2%) ou os das persoas maiores soas.
O risco de pobreza e exclusión infantil e xuvenil diminúe notablemente pero seguen a ter as taxas máis elevadas por grupo de idade, o 24,7%, en 2022. Ao contrario do que ocorre co grupo de maiores de 64 anos que é o único grupo de idade no que aumenta a taxa AROPE (23,1%, 3,6 puntos mais que o ano anterior) e, polo tanto empeora a súa situación. Sen embargo, continúa a ser o grupo coa taxa máis baixa.
A taxa de pobreza para as persoas que viven en fogares nos que hai menores é de 24,4%, 5,9 puntos menos con respecto ao ano anterior, o que reduce a ampla diferenza que se detectaba o ano pasado co resto de persoas, ao contrario do que ocorre nos fogares sen menores cuxa taxa aumenta do 21% ao 22,9%.
Nas zonas urbanas e rurais rexistrouse un descenso da taxa AROPE no último ano, do 23,4% e 24,2%, respectivamente e taxa AROPE cruzada por hábitat tendeu a igualarse nas dúas categorías territoriais nas que se divide.
A análise de cada un dos tres indicadores que compoñen a taxa AROPE (Risco de Pobreza, Baixa intensidade de traballo e Carencia material Severa é o seguinte):
Risco de pobreza
A taxa de pobreza galega diminúe e pasa do 20,2% ao 18% en 2022, unhas 485.000 persoas, das cales mais de 261.000 son mulleres e 224.000 son homes. A taxa de pobreza de Galicia descendeu 2,2, puntos, o que supón dous anos seguidos de redución deste indicador e sitúa o dato galego 2,4 puntos por debaixo da media estatal.
A taxa de pobreza severa (con ingresos máximos de 560€ mensuais nun fogar dunha persoa ou 1.177€ no de dous adultos e dous nenos ou nenas) tamén diminuíu, en Galicia foi do 6,8%, 2,1 puntos por debaixo do dato nacional. Con respecto ao ano pasado, a taxa de pobreza volve caer (2 puntos) máis do que o fixo en 2021 (0,6 puntos) e máis do que o fixo o dato estatal, en 1,3 puntos.
De non haber transferencias públicas (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia, en 2022 a situación de pobreza ampliaríase a case a metade da poboación chegando ao 48,6%. Ademais, se non se teñen en conta as pensións de xubilación e supervivencia e so o resto de transferencias sociais, a taxa de pobreza alcanzaría a case 226.000 persoas mais, o 26,4 % da poboación galega.
Baixa intensidade do emprego no fogar (BITH)
O 9,5 da poboación menor de 65 anos residente en Galicia, é dicir, entorno a 188.000 persoas vive en fogares con baixa intensidade de emprego (nos que se traballa menos do 20% do seu potencial de emprego).
A cifra supón un descenso de 0,7 puntos respecto ao ano pasado, o que se traduce en mais de 15.000 novas persoas que deixaron de ser contadas neste indicador.
Por outra banda, na taxa BITH por sexo no 2022 aumentou a fenda de xénero, debido a que o descenso no último ano de 1,2 puntos da taxa masculina que se sitúa nun 8,3% non se produciu na feminina que chegou a un 10,6 % e que so caeu 0,2 puntos. En 2022 hai case 106.000 mulleres en BITH e 82.000 homes.
Privación material e social severa
En Galicia, prodúcese un lixeiro aumento da taxa de Privación Material Social e Severa, alcanzando o 6,3%, unhas 170.000 persoas.
Este dato, o de cálculo mais recente, é preocupante porque por unha banda reflicte xa o impacto da crise motivada pola inflación, o encarecemento dos combustibles e especialmente as dificultades de acceso á vivenda, pero pola outra detecta tamén o relaxamento da medidas de loita conta a pobreza e exclusión social como a Tarxeta Básica.
Empeoran 11 dos 13 items que compoñen este indicador. Aumentan as persoas que non poden permitirse manter a vivenda a unha temperatura adecuada alcanzando o 19,4 %, aquelas persoas que non teñen capacidade para facer fronte a gastos imprevistos que pasa dun 24,7% a un 29,7%, ou o incremento de persoas que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días, que aumenta do 2,1 % ao 4,4%.
Aumenta, tamén a poboación que experimenta dificultades para chegar a fin de mes, sumando un 44,3%.
Pobreza e pensións
No 2022, 364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721€ ao mes), o 47,4% do total. E un 20,5% delas están en pobreza severa, o que supón un total de 158.038 persoas.
Un dato positivo é que diminuíu o número de persoas con pensións en viuvez – a inmensa maioría correspondentes a mulleres- que teñen un importe inferior ao limiar de pobreza, pois pasaron dunha taxa do 63,8% en 2021 ao 60,5% en 2022 e dunha taxa de pobreza severa do 38,1% ao 37,2%.
A pesares disto, a situación en Galicia é bastante peor que a nivel nacional, 11,6 puntos peor, pois a media nacional establece que o 35,8% do total de prestacións que reciben as persoas pensionistas atópanse por debaixo do limiar da pobreza. O dato do limiar da pobreza severa tamén é máis elevado na CCAA, xa que a nivel nacional se sitúa nun 14,7% do total das pensións percibidas en España.
Desigualdade e reparto da renda entre a poboación
A redución da taxa de pobreza e as medidas de apoio á clase media e baixa permitiron mellorar os indicadores de desigualdade. O Índice de Gini galego baixou cinco puntos ata chegar ao valor 28, e mantívose inferior ao índice estatal, en concreto a 4 puntos deste último, sendo o galego o segundo máis baixo de 2022.
A emerxencia da vivenda agrávase
Todos os indicadores certifican a continúa emerxencia residencial e de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible: o 24,5% das persoas en pobreza dedican mais do 40% da súa renda dispoñible a gastos de vivenda e no 2022 aumentaron de novo os fogares con retrasos no pago de gastos da súa vivenda, pasando do 9% no 2021 ao 9,4%.
Ademais, o aumento de prezos de enerxía pola guerra de Ucraína, a elevada inflación e o incremento dos prezos de acceso á vivenda, aumentan as persoas que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada. Do 13,1% no 2021 ao 19,4% no 2022.
Claves de futuro na loita contra a pobreza e a exclusión social. Por que frear?
O informe ven de presentarse nun acto xunto á Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño e representantes de grupos parlamentarios, plataformas do Terceiro Sector de Acción Social e entidades membro de EAPN Galicia.
Neste acto, a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo quixo recoñecer o papel amosado polo conxunto das diferentes administracións na loita contra a pobreza e a exclusión: “Hoxe habería 711.000 galegas e galegos na pobreza e non 485.000 de non ter existido o compromiso político e orzamentario tanto do goberno central (con medidas como os ERTE ou o Ingreso Mínimo Vital) como da Xunta asegurando a RISGA ou implantando a exitosa Tarxeta Básica ou a educación universal e gratuita para nenos e nenas de 0 a 3 anos.”
A presidenta de EAPN Galicia alertou de que “Non hai ningunha razón económica obxectiva e si unha decisión política errada para non aumentar os orzamentos autonómicos adicados á implantar medidas de emerxencia para o acceso a produtos básicos ou á RISGA. Non é admisible levar mais de 600 días incumprindo a Lei de Impulso Demográfico sen implantar o urxente plan de apoio ás familias monoparentais ( o 49,2% seguen na pobreza) ou para asegurar o acceso á vivendas dignas e accesibles”
Ana Pardo. Presidenta EAPN Galicia. María Dolores Fernández. Valedora do Pobo e Xosé Cuns. Director EAPN Galicia
Este agravamento dos indicadores vinculados coaemerxencia de acceso a unha vivenda digna e accesible obriga “a reiterar o que afirmou no Parlamento a miña antecesora Eloina Ingerto: á Consellería de Política Social ou aos departamentos municipais de servizos sociais podemos pedirlles que fagan política… pero non que fagan maxia, asumindo competencias que non lles corresponden, como a de suplir os escasos orzamentos de vivenda en Xunta e concellos.”
Ana Pardo quixo agradecer tamén “ás e ós profesionais e voluntarias se deixaron e se están a deixar a pel por defender os dereitos e a dignidade das persoas mais vulnerables: nos servizos sociais comunitarios, na Consellería de Política Social pero sobre todo nas organizacións do Terceiro Sector de Acción Social,buscando solucións para paliar esta realidade”
“Pero o agradecemento xa non basta. Cando dende as entidades do Terceiro Sector de Acción Social e dende redes como EAPN Galicia reclamamos o Dialogo Civil, queremos que se recoñeza o noso papel como organizacións creadoras de valor económico e social e emprego e que son, de facto, imprescindibles e garantes do sistema de servizos sociais e de acceso ao emprego e a vivenda.
Organizacións sen ánimo de lucro pero cunha complexidade de xestión, organización e calidade superior en moitos casos a empresas que si o teñen. E na maioría dos casos cunhas case endémicas dificultades de financiamento, inseguridade xurídica e esixencias burocráticas absurdas que limitan a eficacia do traballo coas persoas en pobreza ou exclusión.”
Comparte! O seminario foi a resposta a, practicamente un clamor, que moitas persoas en pobreza ou exclusión social expresaron en varios Encontros de Participación nos que relataron experiencias negativas, actitudes aporófobas e racistas e faltas de respecto, especialmente nos servizos sociais municipais e nas entidades máis asistencialistas. O seminario tiña como obxectivo analizar estas experiencias…
Comparte!Na xuntanza tratáronse temas como a urxencia da nova Lei de Inclusión, a simplificación burocrática, a coordinación con outras consellerías como as de Vivenda ou Emprego, e cos concellos. Entroutras demandas da Rede, destacouse a necesidade de que as entidades sociais conten cun financiamento estable para garantir unha maior calidade de atención. A Xunta directiva…
Comparte! O pasado 11 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela o XV Encontro Galego de Participación para persoas en pobreza ou en risco de exclusión social baixo o lema “A saúde mental importa? Impacto da saúde mental na vulnerabilidade das persoas”. Tratouse dunha xornada durante a cal os asistentes traballaron na elaboración de propostas…
Comparte!Segundo o Eurobarómetro publicado en abril do 2024, os temas que máis preocupan á cidadanía europea son a pobreza e a exclusión social e a saúde pública. Desde EAPN presentamos un dodecálogo de doce grandes demandas de cara unha Europa máis social e libre de pobreza. Celebraremos un webinar sobre este tema, que busca facer…
Comparte! A exposición poderá visitarse desde o 20 de maio ata o 10 de xuño no centro comercial Área Central. A mostra costa de 14 paneis fotográficos nos que se amosan situacións reais das dificultades de contar cunha vivenda digna, axeitada e accesible. No marco do acto de presentación, celebrouse unha mesa redonda para falar…
Comparte!Presentamos á nova entidade membro de EAPN- Galicia. HOGAR SÍ chega a Galicia en 2018, para desenrolar solucións á emerxencia de vivenda baseadas na metodoloxía Housing First. Poñen a vivenda no foco de atención, buscando solucións de emprego personalizado para grantir a inserción sociolaboral das persoas en situación de senfogarismo mediante un emprego estable e…
Comparte!EAPN- Galicia valora positivamente a cesión das competencias en igualdade á Consellería de Política Social e a posta en valor da Consellería de Emprego e considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial. EAPN-Galicia felicita ao novo goberno da Xunta…
Comparte!A asemblea ordinaria de EAPN- Galicia aprobou o documento de análise das propostas electorais das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia e o seu nivel de acordo coas demandas das entidades membro da Rede. PP, BNG e PSdeG teñen un elevado nivel de consenso parcial, e ás veces total, nos seus programas en…
Comparte!Na campaña anterior, un 54,5% dos contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (24.528 máis que no ano anterior), recadándose 24.029.488 de euros, (2.638.195 euros máis que o ano anterior). Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39.461.392€, é dicir, 15.431.905 €…
Comparte!Un estudo elaborado por EAPN-Galicia reflicte que 1.360.284 euros dos 2.993.668,25 € reservados para o Plan Renove 2023 foron destinados a consumidores vulnerabilizados es e vulnerabilizados severos, o que suporía un 45% da porcentaxe total. Desde EAPN-Galicia animamos a tódalas persoas que o precisen a solicitar as achegas do Plan Renove xa que puidemos comprobar…
Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.