A xornada tivo lugar en Santiago de Compostela, o 19 de outubro, culminando así un ano de intenso traballo en torno as rendas mínimas a nivel estatal (IMV) e autonómico (RISGA).
Estivo aberta a calquera profesional ou estudiosa do sistema galego de garantía de ingresos: A Administración Local e Autonómica e o Terceiro Sector de Acción Social.
Enmárcase no Proxecto “Acceso Vital” co que se pretenden identificar as barreiras de acceso ao Ingreso Mínimo Vital.
O 19 de outubro e baixo o lema “Ninguén sen o mínimo”, celebrouse en Santiago de Compostela o Foro de debate, “Acceso Vital en Galicia: Pobreza e garantía de ingresos”. O obxectivo principal da xornada foi culminar un ano de intenso traballo en torno ás rendas mínimas e servir de espazo para a reflexión e o debate sobre os aspectos más relevantes do sistema de Garantía de ingresos a nivel estatal e autonómico.
EAPN Galicia leva anos facendo incidencia política a través de formacións, seminarios, campañas de comunicación e interlocución con decisoras políticas para mellorar o sistema de rendas mínimas. Tanto en Galicia coa RISGA, como a nivel estatal, liderando no 2020 a campaña “Renda Mínima Si, pon os teus prexuizos en corentena” para reclamar o Ingreso mínimo Vital, unha campaña que foi apoiada por máis de 400 organizacións de toda España, 54 galegas.
Este ano levouse a cabo, a nivel estatal e coordinado por EAPN España e as diferentes redes territoriais nas súas respectivas comunidades autónomas, o Proxecto “Acceso Vital”, unha investigación piloto coa que se queren identificar as barreiras de porque as persoas que necesitan e son elixibles para o Ingreso Mínimo Vital, non o están a solicitar nin a obter, é dicir “Detección e mobilización das persoas elexibles para o Ingreso Mínimo Vital en situación de non take-up”.
Nesta xornada, por tanto, presentáronse os resultados preliminares, pero coma sempre, para analizar a situación da forma máis completa posible, enriquecer o debate e especialmente centrarnos nas propostas de mellora das políticas e medidas estatais como o IMV como as autonómicas que o deben complementar como a RISGA, contouse coa voz de diferentes persoas expertas, por experiencia ou a nivel técnico ou teórico tanto a nivel estatal como galego.
Ninguén sen o mínimo
Dende EAPN Galicia facemos noso o lema da campaña de comunicación deste proxecto e queremos seguir contribuíndo a que se convirta nunha realidade. Por iso, para enriquecer o debate e especialmente as propostas de mellora, contamos coa voz de diferentes persoas expertas en diferentes espazos.
A xornada iniciou coa interervención de Helder Ferreira, Coordinador Xeral do Proxecto Acceso Vital e Sara Abella, Coordinadora do Proxecto Acceso Vital en Galicia. Centraron o seu diálogo na presentación do proxecto en sí, resultados acadados no territorio galego e conclusións preliminares recollidas durante o desenvolvemento da acción.
Unha das grandes cuestións que se plantexaron á hora de falar de garantía de ingresos é, de onde partimos? Este foi o tema central do primeiro diálogo do seminario, no cal se aportaron ideas claves sobre o sistema de garantía de ingresos actual, se este cumpre cos obxectivos principais, a súa adecuación á poboación destinataria, etc. É dicir, un diagnóstico xeral da situación en torno á Garantía de Ingresos. Tanto Graciela Malgesini, Directora REDLAB Canarias e Manuel Aguilar, Profesor e Investigador da Universitat de Barcelona, mencionaron casuísticas concretas sobre a violencia administrativa e os datos da AIREF sobre perceptores acumulados e gasto en prestacións da Seguridade Social.
Nunha segunda mesa falouse dos futuros retos en Galicia, que non son poucos, a pesar dos avances. Nesta mesa incluiuse unha visión dende tres perspectivas fundamentais no funcionamento do sistema de garantía de ingresos: A Administración Local, a Autonómica e o Terceiro Sector de Acción Social. Nesta orde atopamos a Carlos Santos, Xefe de Servizos Sociais Comunitarios de A Coruña; Arturo Parrado e Inmaculada Pérez, Dirección Xeral de Política Social e Hector López, Coordinador Proyecto FAIN en Lugo, respectivamente.
Por último, non se pode falar de Garantía de Ingresos sen falar de vivenda, emprego ou inclusión. Por isto, unha terceira mesa de debate versou sobre a influencia que teñen outras políticas no funcionamento das rendas mínimas e viceversa. Falamos por exemplo de inserción sociolaboral e o seu uso como contraprestación nas rendas mínimas, da vivenda e as barreiras no acceso á mesma, ou do papel dos Servizos Sociais Comunitarios e a dicotomía entre control ou tramitación fronte a acompañamento e dereito á inclusión social. Nesta mesa estiveron presentes Ana Álvarez, Coordinadora Fundación Érguete-Integración; Ana Pardo, Directora Asociación Provivienda Galicia e Begoña Gil, Técnica superior na Unidade Técnico Administrativa RISGA-Vigo.
Durante a sesión da tarde e continuando coas mesmas cuestións e debates tratados durante a mañá, puxéronse en marcha os grupos de traballo, nos que as asistentes tiveron a oportunidade de aportar as súas demandas e inquedanzas, ademáis de compartir experiencias neste ámbito e en particular sobre o Proxecto Acceso Vital e o seu desenvolvemento nos territorios.
MATERIAIS DA XORNADA
- VÍDEO: Benvida e presentación resultados
- VÍDEO: Garantía de ingresos en Galicia, España e Europa, de onde partimos?
- VÍDEO: Futuros retos para a garantía de ingresos en Galicia, cara onde imos?
- VÍDEO: A influencia de outras políticas na garantía de ingresos: Interferencia ou complementeriedade?
- Presentacións:
PROGRAMA
9.00 Recepción
9.30 Benvida da Presidenta de EAPN Galicia
9.45 Proxecto Acceso Vital: Presentación de resultados e conclusións preliminares
-
- Helder Ferreira, Coordinador Xeral do Proxecto Acceso Vital
- Sara Abella, Coordinadora Proxecto Acceso Vital en Galicia
10.30 Garantía de ingresos en Galicia, España e Europa, de onde partimos?
Modera: Eloína Ingerto, Directora Fundación JuanSoñador Galicia
-
- Graciela Malgesini, Directora REDLAB Canarias. Itinerarios inclusión digital y mejora de empleabilidad
- Manuel Aguilar, profesor e investigador da Universitat de Barcelona
11.30 Descanso café
12.00 Futuros retos para a garantía de ingresos en Galicia, cara onde imos?
Modera: Xosé Cuns, Director EAPN Galicia
-
- Carlos Santos, Xefe de servizo de Servizos Sociais Comunitarios en A Coruña – Administración Local
- Arturo Parrado e Inmaculada Pérez, Dirección Xeral de Política Social
- Hector López, Coordinador Proxecto FAIN en Lugo – Fundación JuanSoñador
13.00 A influencia de outras políticas na garantía de ingresos: Interferencia ou complementeriedade?
Modera: Javier Hermida, Director Federación Alzheimer Galicia e Vicepresidente de EAPN Galicia
-
- Ana Álvarez, Coordinadora Fundación Érguete-Integración
- Ana Pardo, Directora Asociación Provivienda Galicia
- Begoña Gil, Tecnica superior na Unidade Técnico Administrativa RISGA-Vigo
14:00 Clausura institucional
14.30 Comida
15.30 Espazo participativo: A experiencia do Proxecto Acceso Vital no terreo e melloras para o sistema de garantía de ingresos en Galicia
17.00 Peche xornada
Este seminario enmarcouse no Proxecto-piloto: “Detección y movilización de las personas elegibles para el ingreso mínimo vital en situación de Non Take-Up”, financiado pola Unión Europea Next Generation, o Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.