O 12 de setembro tivemos o I Encontro do Forum Xurídico do Terceiro Sector de Galicia na defensa dos dereitos das persoas
A xuntanza entre profesionais que se atopan vinculados á área xurídica serviu para coñecer as posibilidades de apoio e aprendizaxe mutuo, traballo en rede, difusión de coñecemento e denuncia do maltrato xurídico.
O martes 12 de setembro tivo lugar o I Encontro do Forum Xurídico do Terceiro Sector de Galicia na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Unha xuntanza entre profesionais que están vinculadas ao ámbito xurídico nas entidades, e que ten por obxecto ser unha ferramenta de axuda na defensa dos dereitos das persoas e a loita contra a pobreza e a exclusión social.
O Encontro contou coa participación de membros de entidades vinculadas a EAPN Galicia: Boa Vida, Fundación Secretariado Gitano. AMIGA, Down Galicia, Ecos do Sur, COGAMI. Fundación Juan Soñador, FEGADACE e Igaxes, así como xuristas externos pertencentes a CEGASAL ou FIARE.
Co obxectivo de coñecerse, establecer vínculos, e concretar actuacións futuras, desfrutando dun ambiente relaxado e aberto á participación, celebrouse esta primeira xuntanza, onde as profesionais quixeron por en valor o traballo xurídico e promover accións de mellora que beneficien ás entidades do Terceiro Sector, á sociedade no seu conxunto e ás persoas.
A xuntanza transcorreu ao longo da mañá, cunha primeira parte que consistiu nunha breve presentación e concretar o que cada unha delas quere e pode aportar a este espazo, así como un intercambio de experiencias e sensacións do seu papel no Terceiro Sector e das principais problemáticas e barreiras que atopan. E, unha segunda parte, relacionada co funcionamento do grupo e as actividades a desenvolver.
Como conclusión, quedou conformada unha rede profesional de contacto, apoio mutuo, traballo en rede e difusión de coñecemento de profesionais que abordarán problemáticas recorrentes, formas de resolución e experiencias profesionais, ademáis de levar a cabo unha labor de incidencia política na loita contra a pobreza e a exclusión social.
Fai un comentario