No Día Internacional da Muller, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), que reúne ás organizacións do Terceiro Sector de Acción Social comprometidas coa prevención e erradicación da pobreza e a exclusión, quere explicitar con claridade que:
A desigualdade de xénero en calquera das súas manifestacións conculca os dereitos humanos e ten unha estreita relación coa pobreza e co acceso desigual ao poder e os recursos das mulleres.
Non podemos esquecer que a fenda que separa aos homes das mulleres en situación de exclusión seguiu ampliándose nos últimos anos. O feito de ser muller inflúe notablemente entre os elementos que poden incidir na situación de pobreza ou de exclusión das persoas, sumándolle a isto, en moitas ocasións, factores de discriminación interseccional (como a orixe ou procedencia, a etnia, a discapacidade, a idade, a orientación sexual ou identidade, etc.). Atrapadas no círculo da pobreza, as mulleres carecen en moitos casos de acceso a recursos e servizos que revertan a súa situación.
De acordo cos datos do noso último Informe sobre o Estado da Pobreza, en España hai 6,4 millóns de mulleres en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE).
No ámbito laboral, a taxa de emprego a tempo parcial entre os homes é do 7%, mentres que entre as mulleres ascende ao 23,9%, 4 veces máis. Non existe un sector de actividade no que os homes teñan máis empregos a tempo parcial que as mulleres.
Segundo os datos do Ministerio de Traballo, en 2019, unha de cada catro mulleres ocupadas ten contratos a tempo parcial, o que significa un millón de traballadoras. Das cales, máis da metade non desexan facelo.
Así mesmo, 784.000 mulleres traballan en España baixo “a perfecta fórmula da precariedade”: con contrato temporal e xornada a tempo parcial . O total de mulleres nestas condicións representa case o 10% das mulleres asalariadas; mentres que entre os homes a porcentaxe chega ao 4,6%. Deste xeito, a fenda de xénero do traballo precario é de máis de 5 puntos porcentuais.
En España hai 18.535.900 fogares e os monoparentais xa representan o 10,1% do total. O 81,9% destes fogares están encabezados por mulleres. O 43% das mulleres con fogares monoparentais están desempregadas, mentres que un 17% teñen algún tipo de ocupación, pero sen contrato. Estes fogares experimentan as taxas de risco de pobreza relativa máis altas por tipo de fogar: o 42,9%.
Ante estas situacións, é necesario elaborar unha lexislación específica, de ámbito estatal, sobre fogares monoparentais, a fin de garantir o exercicio en igualdade dos dereitos, eliminar a discrecionalidade e as prácticas discriminatorias.
Consideramos que se debería esixir á UE e os gobernos central, autonómicos e locais, a outras institucións, aos axentes sociais e ás entidades do Terceiro Sector que acaben coa discriminación de xénero en todos os ámbitos da sociedade, tanto pola importancia no desenvolvemento das mulleres, como para o benestar do conxunto da sociedade.
A violencia de xénero é a máis grave manifestación da desigualdade, así como a máis cruel. Queremos subliñar que a saída do ciclo da violencia é imposible cando as mulleres non teñen independencia económica. Ademais de que moitas se empobrecen precisamente por ser vítimas da devandita violencia.
Fronte a esta situación, demandamos que é necesario desenvolver políticas e medidas apropiadas para previr e erradicar a desigualdade de xénero, e consecuentemente as causas e as formas de pobreza que afectan de maneira específica ás mulleres, xa que a pobreza incide de maneira diferente en homes e en mulleres.
Desde EAPN insistimos en que a pobreza das mulleres nace da desigualdade e que loitar contra ela é o que nos fará estar na senda do desenvolvemento sostible e inclusivo.
#8Mcontralapobreza
Fai un comentario