Mantense estable o impulso social da poboación galega marcando o X Solidario con maior recadación para proxectos sociais

Con actos en Santiago, Vigo e Verín, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X Solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Socialna súa declaración da renda.
Na campaña do 2025, 793.189 contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario, recadándose 30.127.138 de euros, (3.607.069 euros máis que o ano anterior).
En 2025, 168 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 773 proxectos que beneficiaron de xeito directo a máis de 184 mil persoas.

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis para animar a que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, o chamado X Solidario, na súa Declaración da Renda.

A Praza da Quintana en Santiago de Compostela foi a localización elixida para o acto de presentación da campaña que este ano adiantouse un día ao arranque da Renda 2026. Ás 11 horas entidades sociais e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe medrando e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

Este ano a campaña arranca co lema O Xesto Lendario. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar o X Solidario e compartir nas redes co cancelo #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.

O acto de rúa contou coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae e consistiu na elaboración dun ‘X’ xigante, previa á lectura do manifesto. Actos similares tiveron lugar en máis localidades de Galicia como Vigo e Verín.

En Vigo a campaña presentouse na rúa do Príncipe diante do MARCO. Á mesma hora, entidades viguesas e do seu redor —Asociación Centro Xuvenil Abertal, Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, COGAMI Pontevedra, DOA Saúde Mental, Fundación Érguete-Integración, Emaús Fundación Social, Fundación Esplai, Fundación JuanSoñador, Provivienda, Saude Mental FEAFES Galicia, Alcer Pontevedra, Asem Asociación Gallega de Enfermedades Neuromusculares, Asearpo, Asociación Galega de Fibrosis Quística, Avempo, Ecos do Sur, Accem— foron convocadas para alentar á cidadanía a marcar o cadro 106, un día antes de dar comezo o período para declarar a renda. Pola súa banda, en Verín a entidade CDR Portas Abertas foi a que liderou o acto na Praza do Concello.

A lectura do manifesto estivo a cargo do presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo, da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o e a vogal de EAPN Galicia Rede Galega contra a Pobreza, Saray Durán.

Ramón Sestayo, presidente do CERMI comezaba apelando a cidadanía: “para seguir defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables da sociedade, é necesario apoiar ás entidades sociais e aos seus proxectos e programas destinados a favorecer a calidade de vida“. Enxalzou o labor social e económico do Terceiro Sector puntualizando que as entidades “ademais de xustificar os proxectos, inverten os cartos na xente. Creamos postos de traballos, que hai 187 mil persoas, e multiplicamos o valor social, transformando cada euro por tres

Inés Salteiro, directora da POIG sinalaba que “en Galicia, case 600.000 persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social” animando á cidadanía a contribuír a reverter esta situación recalcando que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”

Finalmente, Saray Durán, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de financiación, “replicar os modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e sobre todo adiantando a resolución e pago dos programas.”

Mantense a solidariedade da cidadanía cunha recadación maior

Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír. 698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.

Un xesto que beneficia a milleiros de persoas

Grazas ao X Solidario, no 2025 168 organizacións de acción social de toda Galicia, 21 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a un mínimo de 184.388 persoas.

Os fondos reunidos do pasado ano contribuíron a mellora da calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos sociais. Iniciativas que traballan a prol do fomento de autonomía e participación comunitaria, na inclusión sociolaboral, no envellecemento activo, na participación activa da vida política e pública, na conciliación e mediación familiar, entre outros. En relación aos avances tecnolóxicos, moitos programas centráronse na alfabetización dixital, e na prevención e actuación ante os discursos de odio.

Todos estes proxectos teñen en común unha atención social individualizada, facendo protagonista á propia persoa do seu proceso. Cobren as necesidades de máis persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecen unha confianza, proximidade e vínculo.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

O adianto da convocatoria favorece a estabilidade dos programas

A recadación resultante de marcar o X Solidario financia directamente programas e proxectos sociais a través de tres convocatorias da Xunta de Galicia, dependentes das Consellerías de Política Social e Igualdade, Cultura, Lingua e Xuventude e Sanidade.

Actualmente os prazos de publicación, resolución e pagamento ás entidades que se presentan a esta convocatoria, son moi axustados e dificultan notablemente non so a planificación e execución dos programas presentados senón tamén a súa xestión financeira..

Ademais de reiterar a necesidade de unificar nunha única convocatoria as tres actuais ou de asegurar en todo caso os mesmos requisitos e prazos nas mesmas, solicitamos replicar modelos doutras comunidades autónomas que favorecen a estabilidade e simplificación burocrática dos programas anticipando a publicación da convocatoria e sobre todo adiantando a resolución e pago dos programas nos meses de novembro e decembro.

 

Compartir nas redes

Leave A Comment