Galicia perde impulso na redución da pobreza tras os avances despois da pandemia
O XVI informe “O Estado da Pobreza en Galicia 2026”, revela que no ano 2025 a pobreza e a exclusión social aumentou 3,3 puntos afectando a 600.000 galegos e galegas
Este incremento na pobreza afecta especialmente a poboación moza: o 27,6% de mozos e mozas entre 18 e 29 anos están en risco de pobreza e exclusión social.
O Estado de Benestar evitou que 747.000 persoas entrasen na pobreza.
A modificación da Lei de Inclusión Social, o apoio ás familias monoparentais, medidas específicas para a mocidade e atallar a emerxencia da vivenda: retos na redución da pobreza e a crecente desigualdade.
Urxe condenar os discursos de odio que alentan á violencia e criminalizan ás persoas en pobreza para poder avanzar en políticas sociais.

EAPN Galicia presentou o XVI informe do Estado da Pobreza en Galicia 2026 para celebrar o Día Internacional da Erradicación da Pobreza, no Concello Económico e Social de Galicia (CES). O acto contou coas intervencións de Ana Pardo, presidenta e a presentación do informe a cargo do director, Xosé Cuns e a responsable de investigación e autora do documento, Nerea Rivero.
Este informe forma parte do “Estado de la Pobreza 2025. Pobreza y territorio: Comunidades Autónomas y Unión Europea.” da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN España) que avalía o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, especialmente o ODS 1, que busca reducir á metade a pobreza en todas as súas formas.
Estes últimos datos correspondentes ao 2025, con toda a cautela que ano tras ano se amosa, empeoran rachando coa mellora que se experimentou o ano anterior. No 2025 o 22,1% da poboación galega atopábase en risco de pobreza e/ou exclusión social, traducido nun total de 600.000 galegos e galegas, 91.000 persoas máis que o ano anterior.
Galicia, ao contrario que o ano pasado, é a comunidade na que máis se incrementa a taxa AROPE (persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión social) dentro do Estado. Malia isto, o nivel da taxa galega segue a ser inferior ao medido ata 2023 e mantense 3,6 puntos por debaixo da media estatal (25,7%). Este aumento débese en parte á dificultade do acceso á vivenda —principal factor de empobrecemento—, o incremento da desigualdade que ata o momento tiña unha tendencia á baixa, cun aumento de 1,6 puntos no Índice de Gini, evidenciando un fallo na aplicación das políticas redistributivas da renda en Galicia, sumado a un escaso empurre nas políticas sociais.
A mocidade é o grupo máis afectado pola pobreza
A taxa AROPE por idade experimenta un empeoramento en todos os grupos con respecto ao último ano. Especial incidencia na mocidade cun incremento de 8,8 puntos ata alcanzar o 27,6% de persoas entre 18 e 29 anos que están en risco de pobreza ou exclusión social. Os principais motivos desta subida residen na dificultade para a emancipación: o 62,7% da poboación galega de entre 18 e 34 anos vivía no fogar familiar, na dificultade de acceso ao mercado laboral cunhas elevadas taxas de desemprego e unha maior temporalidade e parcialidade nos traballos e o coidado da saúde mental e benestar cun 50% das persoas entre 16 e 24 anos e o 38,2% de 25 e 34 anos que declaran unha percepción mala ou regular da mesma.
Por outro lado, a taxa de pobreza infantil, que o ano pasado obtiña a porcentaxe máis baixa da serie histórica, no 2025 incrementouse 3 puntos ata o 20,4%, sendo a comunidade na que máis se incrementou en España. Con todo, segue sendo o segundo dato de pobreza e/ou exclusión social máis baixo do Estado. Unha das explicacións da abrupta volatilidade dos datos ten que ver coa cantidade de poboación infantil que se atopa no bordo do limiar da pobreza, manténdose nunha situación inestable.
O papel clave das administracións públicas: 747.000 persoas en pobreza menos
As administracións de ámbito estatal, autonómico e local xogan un papel clave na redución de pobreza coas súas políticas sociais e medidas de protección. De non existir ningunha transferencia pública (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia, en 2025 a situación de pobreza pasaría do 16% —taxa de pobreza actual traducida a 434.000 persoas— ata acadar o 43,5% cun total de 1.181.000 persoas (27,5 puntos de diferencia). Grazas as transferencias esas 747.000 galegas e galegos non entran na pobreza.
Mantendo só as pensións de xubilación e supervivencia, sen outras transferencias nin medidas contra a pobreza e a exclusión social, a taxa de pobreza alcanzaría o 22,8% da poboación galega, equivalente a 619.000 persoas en pobreza, unhas 185.000 persoas máis. Dato que o rafirma a importancia do sistema de protección máis alá das pensións.
Mención especial merece a mellora das pensións: en 2025 case a metade das pensións que se repartiron en Galicia, un 45,9% do total, é dicir, 361.800, caracterizábase por unha contía que non superaba o limiar da pobreza, é dicir, inferiores aos 873 euros mensuais en 14 pagas. Esta proporción é 2,0 puntos inferior á do ano anterior (47,9%). Finalmente, debe destacarse que o 19,9% das pensións están por debaixo do limiar da pobreza severa (renda inferior a 582 € en 14 pagas en 2025), o que en termos absolutos se traduce en 156.646 pensións.
Na contención da pobreza, os concellos tamén teñen capacidade en investir en políticas públicas. Neste eido existen algunhas diferencias entre os sete concellos da inversión en gasto social. Así, A Coruña, Lugo e Ferrol son as cidades galegas que encabezan a lista con maior gasto social por habitante, pola contra Vigo, Pontevedra e Ourense son as que menos. Malia isto, Santiago de Compostela e Pontevedra son concellos onde medra este gasto en relación ao ano anterior a diferenza do resto, que diminúe.
O aumento da renda media e as políticas sociais son insuficientes
A renda media en Galicia en 2025 foi de 15.467€ por persoa, 153€ menos que a renda media nacional, cun aumento de 909 €con respecto ao 2024. Dende 2008 a renda nominal media por persoa en Galicia creceu dende 9.482 € ata os 15.467 €, é dicir, incrementouse en 5.985€. Sen embargo se se ten en conta a variación do custo da vida actualizándo co IPC, evidénciase que, en termos de 2008, o seu valor real non mellorou tanto: a renda media por persoa deflactada este ano é de 11.208€, polo tanto, o incremento real da renda dende o ano 2008 ata 2025 en Galicia é de 1.726€.
O gasto en políticas sociais (Sanidade, Educación e Servizos Sociais) de todas as comunidades autónomas en 2025 supuxo o 59,5% dos seus orzamentos totais (+ 0,4 puntos que o ano anterior), cifra 2,8 puntos inferior á rexistrada en Galicia que foi do 62,3% (0,5 puntos menos que o ano anterior).
A pesares de que con respecto ao ano anterior houbo un lixeiro incremento no orzamento nalgunhas prestacións sociais, en Galicia os tres tipos de prestacións analizados (protección á familia, garantía de renda e vivenda) chegan a unha proporción menor que a nivel estatal, un resultado que xa ocorría o ano anterior. Así mesmo, pode observarse un estancamento nas axudas á vivenda en Galicia.
Con respecto ás rendas de garantía de ingresos, malia non eliminar a renda autonómica en Galicia (RISGA), entre xuño de 2020 e outubro de 2023, practicamente a metade das perceptoras unicamente de rendas mínimas deixou de recibilas, pasando de 9.821 a 4.927 persoas, é dicir, 4.894 persoas menos. Ademáis, a nivel estatal o IMV mantén unha taxa de non take-up (persoas que tendo dereito a unha prestación non a solicitan) no 55%, isto é, 3,6 puntos menos que en Galicia, onde esta taxa alcanza o 58,6%.
Aumenta a pobreza severa e empeoran 12 ítems da Carencia Material Social e Severa
A taxa de pobreza severa, entendida como vivir como máximo con 679€/mes un fogar cunha persoa e con 1.426€/mes un fogar con 2 adultos e 2 nenas/os, experimentou un incremento de 0,6 puntos chegando a 6,5% no 2025, afectando a un total de 176.000 persoas. A maior concentración rexístrase en homes (7,1%) por riba da rexistrada polas mulleres (5,9%) e cunha maior incidencia en menores de 18 anos, familias sen menores a cargo e persoas que viven de alugueiro.
No referente a outro dos compoñentes que forman parte da taxa AROPE , a Carencia Material Social e Severa (CMSS), o informe advirte do empeoramento de 12 dos 13 ítems que o compoñen. Os máis salientables son a porcentaxe da poboación galega que non pode permitirse unha comida de carne, polo ou pescado polo menos cada dous día, aumentando 1,6 puntos respecto ao ano anterior, ascendendo ao 5,5%; os que afirman non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, o 29,6%; e os retrasos no pago de gastos relacionados coa vivenda principal ou compras a prazos que aumenta a 8,5%.
A vivenda segue a ser un factor de empobrecemento
O acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible segue a ser unhas das principais dificultades, xeradora de pobreza, afectando a unha gran parte da poboación. Os fogares galegos por primeira vez, dende o COVID-19 acadan o pico máis alto de gasto medio en vivenda sobre o gasto total dos fogares, ascendendo ao 31,5%.
Continúa a tendencia dunha fenda significativa entre as persoas que viven de algugueiro e as que viven en propiedade, cada vez máis acusada. Un 47,1% de persoas que viven de alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 15,7% que viven en propiedade. Este dato dá conta da constante subida dos prezos dos alugueiros que impacta principalmente na poboación en pobreza e que dificulta aínda máis a emancipación da mocidade.
A relación entre pobreza e vivenda non se limita unicamente ao acceso ou ao coste económico, senón que tamén se manifesta nas condicións de habitabilidade nas que se atopa dita vivenda. Neste sentido, o informe resalta que o 24,8% dos fogares manifesta ter humidades na súa vivenda e 15,3% deficiencias de illamento térmico ou acústico e o 16,3% da poboación galega non pode manter a súa vivenda adecuada en inverno. Malia que esta última porcentaxe mellorou en relación ao ano anterior, segue estando elevada, sendo un dos ítems máis elevados da CMSS.
A pesares de que estas deficiencias na habitabilidade da vivenda tentáronse mitigar con axudas dos fondos Next Generation e Fondos Europeos para rehabilitación e eficiencia enerxética, aínda queda moito por avanzar para garantir que cheguen principalmente a aqueles fogares en situación de pobreza ou exclusión social, que ven agravados este tipo de problemáticas
Claves e retos de futuro para a loita contra a pobreza e a exclusión social
“Preocúpanos que, de non afondar nas políticas que demostraron o seu éxito —garantía de rendas, acceso á vivenda, emprego digno e redistribución—, poidamos volver a taxas superiores ao 25%”. Estas son as palabras coas que comezaba Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia a súa intervención, amosando un desacougo polo empeoramento dos datos en relación ao ano pasado. “Os indicadores melloran cando hai vontade política e compromiso orzamentario das administracións non a través do sacrificio da cidadanía” continuaba apelando á ás administacións estatais, autonómicas e locais como responsables e garantes na eficacia das medidas de protección e atención ás persoas.
Neste empeoramento dos datos, é inminente a urxencia de activar as medidas que xa se demandaron o ano pasado como a modificación da Lei de Inclusión Social para garantir a RISGA e a súa complementariedade co IMV, o apoio específico e medible ás familias monoparentais, con máis de 35.000 persoas na pobreza, acatando por fin a Lei de Impulso Demográfico e a atención específica á pobreza e á exclusión social xuvenil e ao perigo da súa transmisión interxeracional. Sen esquecernos da emerxencia en materia de vivenda.
Neste último reto son catro as claves a ter en conta polas administracións “compromiso orzamentario e de planificación a curto, medio e longo prazo, coordinación entre administracións e Dialogo Civil coas entidades sen ánimo de lucro” propoñía Ana Pardo. Á súa vez, pedía incluír nos orzamentos do 2027, medidas específicas e ambiciosas de loita contra a infravivenda e chabolismo, dinamización da vivenda baleira, e a creación dunha rede de vivendas de emerxencia.
Ningunha das medidas e retos pendentes serán posibles se non se condenan os discursos de odio
Para finalizar, salientaba a importancia dun clima de tolerancia e respecto que contribúa a unha convivencia normalizada, que non culpabilice nin criminalice ás persoas en pobreza para seguir avanzando en medidas de redución da pobreza . Malia que en Galicia segue sen haber representación institucional de partidos que abertamente promovan a violencia, o odio ou a xenofobia, o discurso permea. “preocúpanos profundamente o incremento do discurso de odio e da aporofobia, que culpabiliza as persoas da súa pobreza e as enfronta con outras persoas en situación de vulnerabilidade”, lamenta.
Ante os recentes e continuos ataques a entidades, grupos vulnerables e mesmo representantes políticos, a presidenta reafirmaba o total rexeitamento a “calquera forma de violencia, acoso ou intimidación dirixida contra persoas, colectivos ou organizacións”. Concluía recollendo o que se está a proclamar en todas as entidades do Terceiro Sector de Acción Social por todo o Estado “Os dereitos fundamentais non poden depender do clima político nin de quen sexa a persoa que necesite protección. A diferenza e a discrepancia son lexítimas. A violencia e a ameaza non o son”.



