A USC e EAPN Galicia acordan traballar en accións formativas, de investigación e de sensibilización

Un acordo formalizado coa sinatura dun convenio marco entre as dúas entidades.

Enmárcase dentro da Estratexia de colaboración Universidade e Terceiro Sector de EAPN Galicia, elaborada coa participación das súas entidades membro e profesionais vinculados á universidade.

Rosa Crujeiras, reitora da USC e Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia trala sinatura do convenio.

 

A Universidade de Santiago de Compostela e a EAPN Galicia – Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social colaborarán en actividades científicas, pedagóxicas, sociais e culturais. Así o acordaron este 5 de outubro a reitora Rosa Crujeiras e a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo.

Un acordo que formaliza a alianza entre a comunidade académica e o Terceiro Sector. Dous eidos que converxen en valores, crenzas e formas de actuación, e que con esta colaboración afianzan a súa sinerxía. Este convenio xorde no marco da Estratexia de colaboración Universidade e Terceiro Sector, elaborada por EAPN Galicia coa participación das súas entidades membro e profesionais vinculados á universidade. Unha folla de ruta con seis eixos estratéxicos que pretende consolidar e reforzar os vínculos entre as universidades galegas e entidades do Terceiro Sector de Acción Social, apostando por unha colaboración estable que fomente un coñecemento útil para o cambio social.

Entre as actuacións previstas de colaboración figuran proxectos de investigación e desenvolvemento a realizar entre os institutos e centros da USC e EAPN Galicia e as súas 36 entidades membro; tamén facilitar os fluxos de información coas organizacións do Terceiro Sector de Acción Social favorecendo a formación, implicación e empregabilidade do estudantado.

Outras accións a poñer en marcha consistirán en favorecer a participación e o voluntariado de estudantado, profesorado e persoal técnico e promover o deseño e implantación de proxectos de aprendizaxe servizo, que deberán ser desenvolvidos en convenios específicos.

Ademais, esta cooperación asinada entre ambas entidades permitirá avanzar na análise da realidade da pobreza e a exclusión social, as súas causas e as propostas para a incidencia das mesmas e a defensa dos dereitos humanos e a xustiza social, promovendo estudos e investigacións así como xornadas, seminarios e foros de reflexión e análise.

Neste eido, salienta o fomento de accións formativas, informativas e de sensibilización da comunidade universitaria cara a promoción da tolerancia e o respecto e a erradicación do discursos de odio, aporofobia ou exclusión social. Un compromiso que a USC xa adquiriu hai uns meses cando se sumou ás 170 organizacións sociais, culturais, empresariais, sindicatos que asinaron a Declaración ‘Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia’ lanzada por EAPN Galicia, converténdoa na primeira universidade española en asinala. Valores como a como liberdade, igualdade, a inclusión, a xustiza, o pluralismo, a sustentabilidade e o compromiso ético incluídos no seu compromiso institucional que concordan cos promulgados na Declaración.

Vídeo da sinatura do convenio

Compartir nas redes

Leave A Comment