Claves e demandas para evitar que a pobreza e a desigualdade sigan a medrar en Galicia
A modificación da Lei de Inclusión Social, o apoio ás familias monoparentais, medidas específicas para a mocidade e atallar a emerxencia da vivenda: retos na redución da pobreza e a crecente desigualdade.
Condenar os discursos de odio que criminalizan e culpabilizan ás persoas en pobreza é fundamental para avanzar en políticas sociais.

O pasado 16 de outubro presentouse o XVI informe ‘O Estado da Pobreza en Galicia’ co motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Un documento referente, elaborado por EAPN Galicia anualmente, na análise dos principais indicadores de pobreza en Galicia en relación co conxunto do Estado.
Esta XVI edición advirte un aumento da pobreza de 3,3 puntos respecto ao ano pasado, afectando a 600.000 galegas e galegos, sendo a mocidade o grupo de poboación máis afectado. O 27,6% de mozos e mozas entre 18 e 29 anos están en risco de pobreza e exclusión social. Unha das principais causas é a dificultade de acceso á vivenda, neste eido, o informe revela que segue a ser un dos relevantes factores de empobrecemento: un 47,1% de persoas que viven de alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 15,7% que viven en propiedade. Con todo, o impacto da pobreza non é maior grazas o papel do Estado de benestar: as transferencias públicas (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia evitaron que 747.000 persoas entrasen na pobreza.
Retos e claves futuras para conter o medre da pobreza e a desigualdade en Galicia
Con este escenario Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia propuxo varios retos e claves para frear este avance da pobreza e a exclusión social en Galicia, no peche da presentación. De seguido compartimos o seu discurso:
“Dende a mesma prudencia que o ano pasado ante a mellora da maioría dos indicadores, debemos tela este ano cando acabamos de ver o seu empeoramento.
Non podemos evitar a nosa preocupación porque o 22,1% da poboación galega, 600.000 homes e mulleres, estean en risco de pobreza ou exclusión, 91.000 máis que no 2024. Tampouco porque a desigualdade teña aumentado tras anos de descensos.
Pero, sobre todo, preocúpanos que, de non afondar nas políticas que demostraron o seu éxito —garantía de rendas, acceso á vivenda, emprego digno e redistribución—, poidamos volver a taxas superiores ao 25%.
Non é casualidade. Os indicadores melloran cando hai vontade política e compromiso orzamentario das administracións non a través do sacrificio da cidadanía e sobre todo das persoas en situación de vulnerabilidade.
Especialmente ante as vindeiras eleccións, e nun escenario de elevada inflación e graves dificultades de acceso á vivenda, é vital defender o sistema de benestar e ese ascensor social que para moitas persoas, en especial mozas e mozos está hoxe avariado. É vital tamén para defender a nosa democracia.
No 2025, grazas ao Estado do benestar e aos impostos que pagamos, evitouse que 747.000 galegos e galegas entrasen na pobreza. Sen o esforzo compartido da Comisión Europea, Goberno central, Xunta e moitos concellos, a taxa de pobreza dispararíase do 16 ao 43,5%.
Isto demostra o que funciona: o crecemento económico por si só non erradica a pobreza. Precísanse medidas específicas e estruturais.
En palabras do CES Galicia “medidas para protexer o poder adquisitivo das familias, reforzar as políticas de apoio social, garantir o acceso aos bens e servizos esenciais e asegurar unha distribución máis xusta da riqueza e un emprego de calidade”.
Galicia segue estando entre as comunidades con menores taxas de pobreza infantil ou desigualdade, por exemplo. Sabemos tamén que funcionan medidas como a educación gratuíta de 0 a 3 anos, a inclusión sociolaboral da poboación migrante, o enfoque social dos fondos europeos e o apoio ás entidades do Terceiro Sector.
Ante unha posible redución futura dos fondos europeos de inclusión social, a Xunta sabe que ten de aliadas ás redes do Terceiro Sector como EAPN diante da Comisión Europea. Pero tamén debemos dicir coa mesma firmeza que, se eses fondos diminúen, estas políticas deben seguir financiándose con fondos propios da Xunta, deputacións e concellos.
A curto prazo, nos orzamentos do 2027, reclamamos:
- Modificar a Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV, avanzando cara a un sistema integrado de prestacións durante todo o ciclo vital, e reclamar ao futuro Goberno estatal unha prestación universal por crianza.
- Apoio específico e medible ás familias monoparentais, con máis de 35.000 persoas na pobreza, acatando por fin a Lei de Impulso Demográfico.
- Atención específica á pobreza e á exclusión social xuvenil e ao perigo da súa transmisión interxeracional.
E, por suposto, afrontar por fin a emerxencia da vivenda.
É grave que o 47,1% das persoas que viven de alugueiro, moitas delas mozas, estean na pobreza. Que os fogares galegos destinen xa, de media, o 31,5% dos seus ingresos á vivenda. E que un de cada catro teña graves problemas de humidades ou illamento térmico.
Valoramos os compromisos da Comisión Europea, Goberno central, Xunta e algúns concellos, pero permitídeme a insolencia de lembrar o significado da palabra emerxencia: “Situación de perigo ou desastre que require unha acción inmediata”.
Defender o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible obriga ás administracións a gobernar en base a catro claves:
- Compromiso orzamentario e de planificación a curto, medio e longo prazo.
- Coordinación entre administracións e dentro de cada unha delas.
- Causas. Afrontándoas e non actuando só sobre as consecuencias. Con menos parches e anuncios e máis medidas efectivas.
- E Diálogo Civil coas entidades sen ánimo de lucro.
Neste senso, deberíamos dar a benvida ás medidas anunciadas dende o goberno central, aínda con anos de retraso pero dubidamos da súa eficacia pola inseguridade que xa estamos a observar.

Representantes de entidades do Terceiro Sector, Universidade e Economía Social
Valoramos os compromisos da Xunta de Galicia de aumento do parque de vivenda social ou a crecente e frutífera coordinación entre as consellerías de Vivenda, Política Social e Facenda, implicando a entidades do Terceiro Sector, pero preocúpanos que este compromiso se poida estar ralentizando ou aprazando, recordámoslles que a vivenda é unha cuestión de emerxencia.
Nos orzamentos do 2027 debería haber medidas específicas e ambiciosas de loita contra a infravivenda e chabolismo, dinamización da vivenda baleira, e a creación dunha rede de vivendas de emerxencia.
No seu día agradecémoslle ao presidente da Xunta o compromiso de duplicar no 2028 o parque público social, na actualidade pedímoslle que ese compromiso non se reduza no futuro, senón que siga a medrar. Non debemos esquecer que cada día son máis as persoas que non poden acceder a unha vivenda digna, a un fogar.
Lamentamos que en moitos concellos se leven perdidos tres anos discutindo se teñen máis ou menos competencias en vivenda, e que agora vendo o sufrimento de moitos dos seus cidadáns, se decaten da súa evidente responsabilidade. Benvido sexa.
Ante as vindeiras eleccións municipais, repetimos tres preguntas moi sinxelas que deberían poder responder para merecer o noso voto: cantas vivendas van facilitar? Onde van estar? E de que tipo van ser?
Remato. E quizais co mais importante.
Ningunha das medidas e retos que temos por diante serán posibles se non se mantén un clima de respecto e tolerancia.
Somos a única comunidade sen presenza institucional de partidos que promovan a violencia, o odio ou a xenofobia, pero preocúpanos profundamente o incremento do discurso de odio e da aporofobia, que culpabiliza as persoas da súa pobreza e as enfronta con outras persoas en situación de vulnerabilidade.
Permítanme repetir o que estamos a dicir as plataformas do Terceiro Sector en toda España: “Os dereitos fundamentais non poden depender do clima político nin de quen sexa a persoa que necesite protección. A diferenza e a discrepancia son lexítimas. A violencia e a ameaza non o son”.
Rexeitamos calquera forma de violencia, acoso ou intimidación dirixida contra persoas, colectivos ou organizacións.
As entidades sociais non estamos cuns partidos nin contra outros. Estamos cos dereitos. A nosa responsabilidade é coas persoas, cos seus dereitos e coa súa dignidade.
Por iso dialogamos con gobernos, administracións e forzas políticas de distintas sensibilidades, mantendo a nosa independencia e defendendo os dereitos humanos de todas as persoas aquí e en calquera lugar do mundo, coa mesma claridade, goberne quen goberne e afecte a quen lle afecte.
Se o pobo é quen máis ordea, dende a sociedade civil organizada reclamamos ás institucións e forzas políticas que sigan asumindo a súa responsabilidade: reducir desigualdades, combater a discriminación e promover o respecto e a participación de todas as persoas.
Hoxe máis que nunca. Grazas a todas e todos por defendelo e demostralo día a dia.
Sigamos avanzando.”



