As entidades sociais piden apoio lexislativo e financeiro para seguir garantindo o acceso á vivenda ás persoas en pobreza

EAPN Galicia celebrou o Simposio ‘Así aseguran as entidades de acción social o acceso á vivenda’ co fin de poñer en valor o papel do Terceiro Sector no acceso á vivenda.
Presentouse en exclusiva o estudo ‘A provisión e xestión de vivendas polo Terceiro Sector de Acción Social en Galicia’, no que participaron 45 entidades do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia.
As entidades sociais galegas xestionaron de xeito directo 374 vivendas en 2025 e de xeito indirecto 3.783 vivendas no período 2023-2025. En total 8.647 persoas foron as beneficiarias de programas e proxectos relacionados directa ou indirectamente co acceso e mantemento da vivenda.
Case o 48% das entidades que participaron neste estudo realizaron actuacións que non estiveron especificamente financiadas.

 

As entidades sociais galegas precisan dun marco de apoio lexislativo e financeiro para seguir garantindo o acceso á vivenda ás persoas en pobreza e exclusión social.

Esta é unha das principais conclusións do Simposio ‘Así aseguran as entidades de acción social o acceso á vivenda’ celebrado o 20 de maio na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela organizado por EAPN Galicia.

Unha xornada que xirou en torno á reflexión, debate e análise do rol que xogan as entidades do Terceiro Sector no acceso á vivenda nas persoas en pobreza. Evidenciouse o desempeño das entidades sociais na provisión e xestión de vivenda, así como a súa contribución no acceso e mantemento da mesma, levando a cabo procesos de inclusión residencial con persoas en situación de vulnerabilidade, pobreza ou exclusión con actuacións de intermediación inmobiliaria, xunto con enfoques de mediación veciñal e comunitaria.

Un estudo que evidencia o sobreesforzo das entidades para dotar e administrar vivenda

En primicia, presentouse o estudo ‘A provisión e xestión de vivendas polo Terceiro Sector de Acción Social en Galicia’ (ligazón á presentación) elaborado por EAPN Galicia coa participación de 45 entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego. Un informe no que se achega o necesario papel que desempeñan as entidades do Terceiro Sector na dotación e administración de vivenda, así como a súa función no acompañamento á inclusión socioresidencial.

 

 

O estudo revela que en 2025, as entidades do Terceiro Sector xestionaron de xeito directo 374 vivendas nas que realizaron algún tipo de actuación, apoio ou acompañamento e que proporcionaron un fogar a 2.063 persoas. Das vivendas xestionadas directamente: 62 son propiedade das entidades, 71 pertencen a unha cesión, e a modalidade máis frecuente, o contrato de alugueiro a nome da entidade corresponde a 141 vivendas. Ademais, as entidades sociais levaron a cabo algún tipo de actuación en 3.783 vivendas durante o período 2023 – 2025, coas que a entidade non ten ningún tipo de relación contractual. En total, neste período foron 8.647 as beneficiarias de programas e proxectos relacionados directa ou indirectamente co acceso e mantemento da vivenda.

Malia a enorme labor que realizan as entidades sociais poñendo remedio a Emerxencia Vivenda, seguen a ter unha deficiencia na financiación. O informe manifesta que case o 48% das entidades que participaron neste estudo realizaron actuacións que non estiveron especificamente financiadas. Un dato que pon de relevo o sobreesforzo económico e profesional co que cargan as entidades do Terceiro Sector.

Os datos recollidos neste informe dan conta da necesidade de artellar mecanismos cara unha integración estrutural do Terceiro Sector nas políticas de vivenda, superando a lóxica de colaboracións puntuais. É preciso establecer marcos estables de financiamento plurianual que permitan planificar a medio e longo prazo, consolidar equipos profesionais especializados e ampliar o parque de vivenda social xestionado por entidades sen ánimo de lucro.

Do mesmo xeito, é necesario avanzar cara un modelo de provedores de vivenda cun recoñecemento normativo claro. A experiencia doutros países europeos e as primeiras iniciativas desenvolvidas no Estado español apuntan a que o modelo de entidades sociais provedoras de vivenda son unha vía eficaz para ampliar o parque de vivenda a prezo accesible.

Un Simposio que recoñece o valor do Terceiro Sector

Unha xornada que acolleu a un centenar de representantes de entidades sociais administracións públicas e organizacións de referencia a nivel autonómico e estatal e a profesionais expertos en vivenda que analizaron o papel do Terceiro Sector na provisión e xestión de vivenda das persoas en pobreza e/ou exclusión social.

A inauguración (acceso á gravación) correu a cargo de Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social e Ángel Luis Tarrío, director xeral Cohesión e Fondos Europeos e Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia que salientou “as entidades están a actuar como un dos principais mecanismos de acceso á vivenda para moitas persoas que quedan fóra das políticas públicas e do mercado residencial. Malia o traballo esencial que realizan, moitas veces permanece invisible e sen apenas recoñecemento”.

O Simposio tamén contou coa participación de Mª Ángeles Domínguez, secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e de profesionais do Terceiro Sector de referencia nacional como Gemma Gallardo, co-directora xeral en Asociación Provivienda e Albert Ferré, director xeral de Fundació Hàbitat3. As tres personalidades interviron na mesa de diálogo ‘Retos e oportunidades para incorporar ao Terceiro Sector na provisión e xestión de vivenda con fins sociais’ (ligazón ao vídeo) moderada por Íñigo Caínzos, xornalista da Cadena SER que culminou a xornada. Neste espazo Gemma Gallardo, sinalou que o Plan Estatal de Vivienda 2026 – 2030 ofrece oportunidades para consolidar ás entidades do Terceiro Sector como provedoras sociais de vivenda e agarda que as comunidades autonómas prioricen aquelas liñas como a adquisición de vivenda por entidades sociais ou as axudas a colectivos vulnerables. Así mesmo, Albert Ferré, de Hàbitat3 recalcou que precisamos oferta de vivenda no “aquí e agora” e aquí as entidades sociais podemos desenvolver un papel moi interesante, mediante a compra de vivenda e a súa posta a disposición a prezos accesibles. En resposta, Mª Ángeles Domínguez, lanzou o compromiso de contar co Terceiro Sector para colaborar na provisión e xestión de vivenda.

As entidades entendendo a #EmerxenciaVivenda

Varias entidades sociais galegas presentaron os seus proxectos e programas de provisión e xestión de vivenda incluídos no estudo. No panel ‘Aprendizaxes e boas prácticas na inclusión socioresidencial das persoas en pobreza ou exclusión’ (consulta o vídeo) foron 6 iniciativas as que se expuxeron dirixidas a distintos grupos de poboación vulnerable. O panel deu comezo cunha mirada ao rural, a entidade CDR Portas Abertas da man de Alba Balboa, técnica do centro, explicou o proxecto Volver al Pueblo que desenvolven en conxunto con CDR O Viso. Ten como finalidade ofrecer contacto a persoas interesadas en vivir no rural con propietarios/as que queiran alugar ou vender unha vivenda. De seguido, Down Galicia representada pola súa xerente Sonia Caldas, presentou o seu programa de Vida adulta e independente dirixido a persoas con síndrome de Down que finalizaron a súa etapa escolar co fin de mellorar a súa autonomía e emancipación.

Por outra banda, achegouse o Proxecto Colaborativo de inclusión residencial na Coruña que lidera a asociación Poten100mos. A súa directora, Cristina de la Puente explicou o seu obxectivo: atopar persoas que queiran alugar as súas vivendas co aval e a seguridade das asociacións que acompañan, orientan e xestionan a busca de vivenda de persoas en situación de pobreza ou exclusión social. No eido da saúde mental, Adrián Varela, técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia, abordou o seu Programa destinado a atención a persoas con enfermidade mental, sen fogar ou en risco de exclusión no acompañamento na inclusión residencial. Na súa intervención, Noa Costas, educadora social de Emaús Fundación Social, achegounos o concepto Housing Led enfoque do Programa Fogares posto en marcha en conxunto con Provivienda que contempla a vivenda como punto de partida da inclusión social de persoas en situación de senfogarismo, ou exclusión residencial combinando o acceso a un fogar con acompañamento social, xurídico e técnico. A encargada de poñer o broche ao panel foi Silvia del Riego, traballadora social de Cáritas Tui-Vigo presentando o Proxecto CLARA, destinado a busca dun fogar para as mulleres soas ou monomarentais.

Consulta os Programas

 

 

 

 

Vídeo completo do Simposio:
Compartir nas redes

Leave A Comment