Máis vivenda protexida, mobilización de inmobles baleiros e rehabilitación dos abandonados, reclamos no XVII Encontro Galego de Participación

A Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela acolleu arredor de 80 persoas no XVII Encontro Galego de Participación celebrado o 10 de xuño.
Unha xornada na que se plasmaron as principais dificultades de acceso a unha vivenda digna e accesible que afectan en maior medida ás persoas en pobreza e/ou risco de exclusión social
Instalación de cámaras nas vivendas alugadas, contratos á familias sen dereito a cociña, incumprimentos de contratos, negativas a alugar por nai monoparental, son algunhas das alarmantes testemuñas que se puideron escoitar.

O 10 de xuño tivo lugar o XVII Encontro Galego de Participación na Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela. Un evento que avoga pola participación real das persoas en pobreza, creando un espazo onde poidan facer propostas e afondar nos temas que lles afectan directamente.

Este ano, baixo o lema ‘Vivenda accesible: a chave da inclusión‘ co apunte “Emerxencia Vivenda. Hai que actuar XA!, abordouse a situación actual da vivenda e as dificultades de acceso que vulneran un dereito fundamental recollido no artigo 47 da Constitución española. Persoas en pobreza e risco de exclusión social alzaron a voz ao berro de Vivenda Xa! pedindo aumentar a vivenda pública protexida, a mobilización de inmobles baleiros e a rehabilitación de casas abandonadas. Tamén, a creación dun organismo que realice revisións periódicas do estado das vivendas sobre as condicións de habitabilidade, accesibilidade e cumprimento normativo, incluídos os requisitos esixidos polas persoas propietarias e por último a regulación da subida dos prezos do alugueiro.

Estas demandas foron precedidas de decenas de declaracións de persoas que viven alarmantes situacións á hora de acceder e manter unha vivenda digna. Testemuños plasmados nunha peza audiovisual, ademais dos recollidos nas xornadas, evidencian a emerxencia vivenda dando sentido áo lema e elevando aínda máis o seu significado.

Este ano participaron entidades como Accem, Fundación de Solidaridad Amaranta, Asociación de Migrantes de Galicia- Amiga, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Mondoñedo- Ferrol, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Coruña, Emaús, Federación Alzheimer Galicia – FAGAL, FEAFES Saúde Mental, Fundación Esplai, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Hogar Sí, Mestura, Movemento pola Paz, Poten100mos, Asociación Provivienda. Grazas á implicación do persoal técnico e dos seus participantes, creouse un clima que favoreceu a integración e o bo ambiente que se respiraba.

Mesa diálogo de ferramentas para afrontar as dificultades de acceso á vivenda

 

Trala exposición das principais dificultades de acceso á vivenda, tivo lugar unha Mesa co fin de proporcionar información sobre recursos, medidas e dereitos vixentes en referencia ao acceso e mantemento da vivenda. A mesa moderada por Nerea Rivero, responsable de incidencia en vivenda contou coas intervencións de Pilar Nogueiras, responsable de Provivienda en Ourense e Santiago Lamelo, voceiro da Plataforma Polo Dereito á Vivenda en A Coruña. Partindo de diferentes escenarios, facilitaron consellos e recomendacións para facer fronte a situacións discriminatorias, inxustas ou ilegais.

Resistir, non abandonar nunca o inmoble, non verte na obriga de comunicarte con persoas que te amedrenten, denunciar, e moitas outras foron algunhas das instrucións que as persoas asistentes acolleron como unha información moi valiosa.

Isto é Emerxencia Vivenda

Mulleres ás que lles negan o alugueiro por se nai monomarental, non alugar polo acento estranxeiro, requisito de 6 nóminas para poder alugar, pedir 7.000 euros de fianza, a escaseza de vivenda adaptada, os elevados prezos de alugueiro, a discriminación por menores a cargo… Estes son algúns dos testemuños recollidas na peza audiovisual ‘Que é emerxencia vivenda?.

Discriminacións por orixe ou etnia, por idade, por xénero e por discapacidade; dificultades administrativas e limitacións para empadronarse, abusos por parte das inmobiliarias, requisitos de avais, cláusulas abusivas no contrato e ata mecanismos de control por parte dos propiearios con instalacións de cámaras. Estas e moitas máis situacións son narradas por persoas directamente afectadas. Testemuños reais que alertan sobre as enormes trabas no acceso e no mantemento de vivenda actuais.

Este vídeo conta coa colaboración de varias entidades como Accem, AMIGA, Boa Vida, COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Down Coruña, FAGAL, Fundación Amaranta, Provivienda e Emaús. Máis de 30 persoas participantes destas entidades, que agasallan as súas experiencias máis persoais, situacións discriminatorias que axudan a evidenciar e poñer de manifesto a #EmerxenciaVivenda.

Vivenda protexida, inmobles baleiros, regulación de alugueiros e rehabilitación: principais demandas

 

 

Os grupos de traballo son espazos seguros onde as persoas participantes se reúnen para expoñer experiencias persoais e propoñer medidas que interpelen ás autoridades competentes á hora de facer políticas. Nesta edición, traballáronse arredor de tres preguntas:

    • Que barreiras u obstáculos identificas no acceso á vivenda?
    • Como che perxudica a dificultade de acceso á vivenda?
    • Que lle pedirías ás autoridades para mellorar e reverter esas dificultades de acceso?

 

 

Algunha das propostas resultantes dos cinco grupos de traballo foron:

  1. Cesión de terreo público para aumentar a vivenda pública protexida.
  2. Mobilizar vivenda baleira rehabilitando vivendas abandonadas garantindo a súa accesibilidade.
  3. Facilitar o alugueiro social con opción a compra e reforzar a educación en materia de vivenda e dereitos, tanto para persoas adultas como no ensino secundario.
  4. Regulación da vivenda que favoreza á parte arrendataria, abordando os tipos de contratos e o seu contido (padrón, fianzas e prezo por metro cadrado), co obxectivo de rematar coa especulación e controlar a subida dos prezos do alugueiro.
  5. Creación dun organismo público específico que aborde de maneira integral o problema do acceso á vivenda, tamén no plano lexislativo, para tramitar denuncias e reclamacións.
  6. Ao alugar habitacións, que o dereito ao empadroamento non dependa do arrendador.
  7. Maior control por parte das entidades públicas.
  8. Existencia de oficinas que informen, asesoren, acompañen e axuden na tramitación de axudas públicas para o acceso á vivenda. Neste sentido engadiuse a posibilidade da creación doutro organismo encargado de realizar revisións periódicas (ITV da vivenda) sobre as condicións de habitabilidade, accesibilidade e cumprimento normativo, incluídos os requisitos esixidos polas persoas propietarias.
  9. Elaboración dun inventario de vivendas desocupadas para incentivar a súa posta en alugueiro mediante bonificacións ou desgravacións, especialmente orientadas a persoas en situación de vulnerabilidade.
  10. Aumento do parque de vivenda protexida, mellorando ademais a información para o acceso a estas, priorizando ás persoas en situación de exclusión social.
Vivenda Xa! Berros que reclaman un dereito fundamental

O cume da xornada trasladouse á Praza Exeria, onde se fixo lectura dun manifesto coas propostas resultantes da votación previa. As medidas máis votadas por todas as persoas asistentes foron as seguintes:

  • Cesión de terreo público para aumento de vivenda pública protexida e mobilizar vivenda baleira rehabilitando vivendas abandonadas garantindo a súa accesibilidade.
  • Regular a vivenda a favor da parte arrendataria (tipos de contratos e contido dos mesmos: padrón, fianzas, prezo por metro cadrado) e rematar coa especulación.
  • ITV da vivenda. Creación dun organismo que realice revisións periódicas do estado das vivendas, tanto nas condicións de habitabilidade e accesibilidade como a nivel normativo, e que inspeccione os requisitos que están a esixir as persoas propietarias para alugar a vivenda.
  • Regulación da subida dos prezos do alugueiro.

Podes acceder ao vídeo completo da lectura do manifesto aquí:

 

 

Compartir nas redes

Leave A Comment