As entidades de acción social das redes EAPN de toda España comprométense a denunciar a aquelas forzas políticas, sociais, mediáticas ou institucións que difundan discursos de apoloxía do insulto, a violencia, o odio, o racismo ou a xenofobia e que agreden e perxudican directamente ás persoas máis vulnerables.

Na Asemblea xeral de EAPN España, celebrada en Palma o pasado 1 de decembro, as entidades estatais e redes de todas as comunidades autónomas representando a milleiros de organizacións de acción social de toda España, aprobaron por unanimidade a resolución “Igualdad de trato frente a la discriminación y el odio”
Esta resolución, proposta dende EAPN Galicia e EAPN Comunitat Valenciana da continuidade ao acordado en declaracións institucionais como a do Parlamento de Galicia e sobre todo explicita o compromiso da maioría do Terceiro Sector Social de toda España na loita contra o discurso do odio e a aporofobia que cada vez afecta ás persoas vulnerables para quenes se traballa dende as organizacións.
IGUALDADE DE TRATO FRONTE Á DISCRIMINACIÓN E O ODIO
Resolución para a XVIII Asemblea da EAPN-ES. Palma, 1 de dicembro de 2021
Celebramos esta asemblea mentres asistimos ao aumento de discursos interesados e cada vez máis profesionalizados de odio e desprezo á diversidade e ás persoas en situación de maior vulnerabilidade e cun compoñente de aporofobia na maioría dos casos. Todos estes fenómenos víronse agravados polos novos formatos e a velocidade de vertixe á que nos vimos abocados polas redes sociais e as novas formas de comunicar e divulgar.
É obrigado recoñecer e agradecer á gran maioría da cidadanía española a súa lección de respecto, empatía e tolerancia para que estes discursos políticos non sigan avanzando. E en primeira liña da promoción deste discurso alternativo, pero maioritario, de accións positivas en defensa dos dereitos sociais, da solidariedade, a cohesión social e convivencia pacífica están as persoas que integran as miles de entidades do Terceiro Sector Social ás que representamos.
Persoas traballadoras, voluntarias pero especialmente participantes, principais vítimas do discurso de discriminación e odio. Desde EAPN atendendo ao clamor dos encontros e congresos de participación lanzamos en 2019 a campaña ‘ContrAporofobia”, para visibilizar as problemáticas que expoñen mentiras, estereotipos, prexuízos e discriminación das persoas en situación de pobreza ou exclusión social. Unha campaña que xa se converteu nunha das chaves de actuación de EAPN España, redes territoriais e entidades.

As vítimas de discriminación e odio, para quenes traballamos, pídennos dar un paso máis na súa defensa e na defensa da dignidade e os dereitos sociais. Queremos avanzar neste compromiso e asumir con claridade principios como os que xa asumiron en varios parlamentos.
As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais ou pais. A pobreza está na estrutura do sistema no que vivimos.
Ninguén é culpable do seu sufrimento. Ningunha persoa é inútil. Cada persoa é única, diferente, e todas temos dereito á igualdade de trato e a non discriminación. Todas achegamos ao crecemento, enriquecemento e cohesión da sociedade.
As persoas que sofren e denuncian a discriminación e o odio non poden estar soas.
Comprometémonos a lembrar e esixir aos poderes públicos a súa responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación, alcanzar a igualdade de trato e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación de todas as persoas, así como a cohesión social.
Comprometémonos tamén a ser intransixentes na denuncia irrenunciable daquelas forzas políticas, sociais, mediáticas ou institucións que difundan discursos de apoloxía do insulto, a violencia, o odio, o racismo ou a xenofobia que agreden e prexudican directamente ás persoas máis vulnerables.
Temos tamén o compromiso e a responsabilidade de difundir e poñer o foco na educación para a inclusión, nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de harmonía e convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización, as mentiras ou as visións distorsionadas e/ou estereotipadas da realidade de pobreza e/ou exclusión social, así como das persoas que a padecen e tamén do traballo que desenvolvemos desde o Terceiro Sector de Acción Social.
EAPN debe promover a xeración de análise e estudos sobre a realidade da discriminación en España, coa finalidade de formar e sensibilizar á sociedade e incidir públicamente sobre a materia, reforzando así mesmo o traballo das nosas entidades integrantes.
Debemos contar ca participación das persoas en situación de risco de pobreza e/ou exclusión social neste proceso de promoción de dereitos fronte á aporofobia e discriminación, mediante a súa capacitación e empoderamento. Temos moi presentes as demandas das propias persoas, reivindicadas baixo lemas como «As persoas primeiro» ou «Somos persoas, non expedientes»; denunciando, especialmente, a burocracia ou “violencia administrativa” que deshumaniza e culpabiliza ás persoas da súa pobreza e que as obriga a desistir dos seus dereitos.
Nin a pobreza nin a exclusión social se combaten de maneira individual. É un obxectivo que implica ao conxunto da sociedade, e é a nosa responsabilidade contribuír desde diferentes ámbitos, intensidades e formas.
Desde as entidades de EAPN, facemos un chamamento para non caer na ignorancia dos prexuízos, e seguir avanzando na inclusión urxente e non discriminación das persoas que non se atopan en igualdade de trato nin de oportunidades para a consecución dunha vida digna.

Fai un comentario