A desigualdade de xénero no emprego persiste en Galicia

0 621
Comparte!
As mulleres galegas enfrontan obstáculos para acceder a empregos ben remunerados e posicións de liderado nun mercado laboral marcado pola desigualdade de xénero
Con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, faise necesario pór o foco na desigualdade de xénero no emprego, tanto no acceso ao mesmo como nas condicións que atopan as mulleres

 

O 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, conmemórase a loita das mulleres pola igualdade de dereitos e oportunidades en todos os ámbitos, incluíndo o emprego. En Galicia persiste a desigualdade de xénero no mercado laboral: as mulleres seguen sufrindo discriminación en canto á remuneración, a promoción e o acceso a postos de liderado.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de desemprego feminino en Galicia sitúase nun 11,49%, mentres que a dos homes é do 9,81% (EPA IV Trim 2022). A Enquisa Anual de Estrutura Salarial (2020, último ano publicado) sitúa a diferenza salarial entre homes e mulleres en Galicia no 19,1%, o que supón case 5.000 euros ano. Significa que as mulleres cobran, de media, un 19,1% menos que os homes.

Ademais, as mulleres teñen menos oportunidades de acceder a empregos con salarios máis altos e posicións de liderado. A pesar de que as mulleres teñen un alto nivel de formación e cualificación, seguen sendo minoría nos cargos directivos e nos consellos de administración das empresas: en Galicia representan só un 25% de ditos cargos, segundo un informe da Zona Franca de Vigo.

Un obstáculo importante para as mulleres no mercado laboral é a falta de conciliación entre a vida laboral e persoal. As mulleres continúan asumindo a maior parte das responsabilidades de coidados de menores, maiores e persoas dependentes, o que dificulta o acceso ao emprego, ou ben a realización de xornadas completas e con horarios ríxidos. De feito, atendendo aos motivos da inactividade, un 22,46% das mulleres inactivas non teñen nin procuran un emprego debido a estaren ao coidado de menores, maiores ou persoas enfermas ou incapacitadas. No caso dos homes, unicamente un 4,31% dos inactivos fano por ditos motivos de coidados. Unha situación similar atopamos ao analizar a duración das xornadas laborais, sendo moi superior a porcentaxe de mulleres que reducen a súa xornada laboral por coidados, ou ben traballan con xornadas parciais para poder compatibilizar traballo remunerado e traballo de coidados.

Para reducir a desigualdade de xénero no emprego entre mulleres e homes, é necesario adoptar medidas en diferentes ámbitos, tanto por parte da administración pública como das empresas.

Cómpre promover a igualdade de xénero na educación e no mundo laboral, co obxectivo de erradicar os estereotipos de xénero arraigados na sociedade e que limitan as opcións e posibilidades das mulleres.

Para garantir o equilibrio entre a vida laboral e persoal, as administracións deben ofrecer recursos públicos de apoio á conciliación; tamén son de utilidade medidas adoptadas polas empresas como o teletraballo e a flexibilidade horaria, o cal pode mellorar a produtividade e satisfacción laboral en xeral. Cómpre promover unha cultura empresarial igualitaria e que nas empresas se contemplen os beneficios da diversidade de xénero no lugar de traballo. Estas medidas terán que ir acompañadas necesariamente da corresponsabilidade nos coidados por parte doutros membros da unidade familiar, cando os haxa.

O 8 de Marzo é un día para reivindicar a igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, tamén no ámbito laboral. É necesario que as administracións públicas, as empresas e a sociedade no seu conxunto tomen conciencia da persistencia da desigualdade de xénero no emprego e adopten medidas concretas para erradicala. A igualdade non é só un dereito, senón unha necesidade para unha sociedade máis xusta.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies