As entidades sociais estivemos, estamos e estaremos en primeira liña, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, moitas veces posible coa colaboración de todas as persoas que marcan o X Solidario na declaración da renda.
Baixo as etiquetas #emerXenciaSOLIDARIA e #ConTuXAvanzamos, as ONG galegas lanzan unha campaña nas redes sociais con vídeos de persoas beneficiarias de programas financiados co X Solidario.
En Galicia, 735.705 persoas que presentaron a Declaración da Renda 2020 marcaron o recadro de “Actividades de interese social”, 19.504 máis que en 2019, pero aínda a día de hoxe 594.110 persoas seguen sen marcar a X Solidaria.
Se todas as galegas e galegos marcásemos a X Solidaria, a asignación final en Galicia sería de 32.277.163 euros (12.984.780 máis do recadado).
Co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas, baixo o paraugas de EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, máis ca nunca, pedimos a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o que se coñece como X Solidaria.
A emerxencia sanitaria que padecemos dende hai un ano, está facendo máis vulnerables ás persoas que xa o eran antes da pandemia. Cara elas as ONG galegas destinan programas e servizos necesarios que, para seguir manténdose, precisan do financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF, un orzamento que ás persoas contribuíntes non lles supón ningún custo a maiores e que resulta necesario para a supervivencia de moitos programas de atención ás persoas en exclusión social ou pobreza.
En Galicia, a campaña de 2020 recadou 19.292.383 euros, unha cantidade aportada polas 735.705 persoas que marcaron o X Solidario na súa Declaración. Comparada coa campaña anterior, foron 19.504 persoas máis permitindo recadar 1.828.550 euros máis. Como media cada contribuínte aportou 26,22 euros.
Actualmente, son aínda 594.110 persoas contribuíntes as que seguen sen marcar a X Solidaria (un total de 473.691 non marcaron ningún recadro e 120.419 só marcaron o da Igrexa). No caso de facelo, permitirían que a asignación final en Galicia incrementara en 12.984.780 euros ata un total de 32.277.165 euros.
En palabras de Patricia Blanco, tesoureira de EAPN Galicia: “o IRPF abarca unha gran diversidade de programas. Aquí estamos representadas entidades que loitamos contra a pobreza, pola discapacidade e pola infancia, que vimos desenvolvendo todo tipo de actividades como programas de atención temperá, de inserción laboral, de exclusión social, para a atención a mulleres en situación de violencia machista, programas educativos…. abarcamos múltiples eidos, intentando dar resposta ás necesidades sociais que detectamos dende os nosos colectivos”.
Blanco destacou igualmente o incremento de demandas detectado dende o inicio da pandemia “xa viñamos atendendo a un gran número de poboación á que debemos seguir prestando servizos, pero agora súmanse novos perfís en situación de exclusión social, aos que debemos de prestar axuda antes de que se cronifique a súa situación”.
Pola súa banda, o presidente do CERMI Galicia Luciano Fernández, resaltou que “no ámbito da discapacidade estamos a observar un incremento do empobrecemento en xeral. Moitas familias quedaron sen recursos e estamos a ver como se agravan doenzas e se ralentizan recuperacións funcionais que precisan moitas persoas con discapacidade”.
Finalmente, Xesús Vilas, presidente da Plataforma pola Infancia de Galicia, destacou “o aumento dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes, e iso tradúcese nun incremento das necesidades de moitos nenos, que por desgracia seguirán a incrementarse de non contar cos apoios necesarios”
emerXencia SOLIDARIA
O Terceiro Sector galego presentaba na Praza da Quintana a campaña do X Solidario que, coas medidas sanitarias pertinentes, reuniu a 20 persoas con globos nos que podían lerse “Emerxencia Solidaria” unha situación agravada coa pandemia. Ante a prevista diminución da recadación do imposto da renda derivada da crise económica, as entidades lanzaron un “chamamento de auxilio” durante a lectura dun manifesto.
Nestes días, profesionais e voluntarias de moitas ONG prestan un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguirán a facelo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en grande parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcaron o X Solidario na súa Declaración da Renda.
As entidades sociais lembraron que “somos un servizo esencial” que estivo en primeira liña apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables, por iso piden o apoio para “contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía”.
Para rematar, as entidades de acción social galegas queren recordar que “marcando o X Solidario, o recadro de ‘Fins Sociais’, NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións e podemos contribuír á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan”.
Asegurar o traballo para as persoas e non a burocracia
As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental manter a filosofía destes fondos de acción social que dende hai tres anos xestiona a Xunta de Galicia.
Evitar a dispersión e a burocracia a través a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social. Seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e sobre todo dar continuidade aos programas.
Máis información: www.xsolidaria.org
Fai un comentario