Por que usar a margarida como símbolo de respecto fronte ao odio e a aporofobia?

Acompañado do lema “Somos máis. Somos da maioría que respecta”, a margarida representa esa maioría da cidadanía que non odia e cre no respecto e a tolerancia
Esta imaxe presentouse con motivo do Día para Contrarrestar o Discurso do Odio co respaldo de 164 entidades sociais, colexios profesionais, universidades, sindicatos, organizacións empresariais e culturais
Un símbolo cun fin conciliador e reivindicativo para usar ante calquera indicio de discurso ou mensaxe de odio

“Somos máis. Somos da maioría que respecta”. Con este lema que debería ser evidente arranca esta campaña coa margarida como insignia identificativa do respecto fronte o odio e a aporofobia. Esta imaxe lanzouse o pasado 17 de xuño, previo ao Día para Contrarrestar o Discurso do Odio, no acto da presentación da Declaración «Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia».

Tras un ano da publicación da Declaración, damos un paso máis para combater ao odio e a aporofobia. Xa son 164 ás organizacións que respaldan esta declaración entre as que se atopan entidades sociais, colexios profesionais, universidades, sindicatos, organizacións empresariais e culturais. Así como dos tres grupos parlamentarios, a Valedora do Pobo e mesmo a Xunta de Galicia.

Cidadanía con todo tipo de ideas políticas pero comprometida a exercer a tolerancia e respecto, difundindo mensaxes positivas e de convivencia normalizada, facendo fronte ante o aumento destes discursos e á criminalización da pobreza e poñendo en práctica os principios da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade no 2020, e na que se deixa claro que:

As persoas non son culpables da súa pobreza.
Ninguén é culpable do seu sufrimento.
Ningunha persoa é inútil.

Malia todo, un ano despois, segue a detectarse unha escalada nestas mensaxes que sementan odio e infunden medo. Discursos que afectan en maior medida ás persoas en risco de pobreza e exclusión, diana de prexuízos xerados a partir de bulos que circulan con total impunidade. Mensaxes que adoitan materializarse en accións violentas e discriminatorias cara a poboación máis vulnerable. Según o Informe sobre la evolución de los delitos e incidentes de odio España 2025. Datos oficiales del Sistema Estadistico de Criminalidad do Ministerio del Interior, en Galicia rexistráronse no 2025 118 delitos e incidentes de odio.

Por que unha margarida?

As margaridas son flores que medran en abundancia e podemos atopalas facilmente na nosa vida cotiá. Están en todas partes. Ás veces pasan desapercibidas, pero xuntas son quen de encher prados enteiros. Representan a esa inmensa maioría da sociedade que convive, respecta, empatiza e coida.

Representan ás persoas que non aceptan que se culpabilice a ninguén pola súa pobreza, a súa orixe, a súa identidade ou a súa situación vital. Ás persoas que non miran cara outro lado ante a intolerancia nin ante a vulneración de dereitos.

Como as margaridas, somos moitas e moitos. De xeito individual, pero tamén tecendo rede e comunidade ou traballando en medios de comunicación, temos a capacidade de acompañar, protexer e construír unha sociedade na que cada persoa, sen excepción, poida vivir con dignidade e respecto.

Na nosa convivencia diaria e nas nosas redes sociais. Pero tamén non votando a partidos que fomentan a violencia o odio ou a xenofobia e que en Galicia non teñen ningún tipo de presenza institucional. Traballando para que a aporofobia sexa xa considerada un agravante no Código Penal ou axudando, protexendo ou animando ás vítimas de delitos e incidentes de odio a denunciar aos seus agresores.

As margaridas lembran que non estamos soas nin sos. Que somos máis, moitas mais, as persoas que defendemos a empatía, o coidado mutuo e os dereitos humanos. E que, mesmo cando pasamos desapercibidas, seguimos medrando e facendo fronte ao odio.

Que podes facer ti? Utiliza a margarida e frea o odio e a aporofobia

Os delitos e as mensaxes de odio están cimentados pola proliferación interesada e rendible de bulos e desinformacións que circulan polas redes sociais e diferentes canles de mensaxería instantánea. Unhas mensaxes infundadas, descontextualizadas que son compartidas sen ser contrastadas e que supoñen un perxuízo enorme para as persoas implicadas, pero tamén para o resto da sociedade. Son discursos que fan que os dereitos e a xustiza social pendan dun fío.

Frear estes discursos pode estar na nosa man. Como cidadáns e cidadás temos a responsabilidade individual de non compartir esas informacións que nos chegan aos nosos teléfonos, sen contrastala previamente. O simple feito de pensar e cotexar antes de reenviar, pode mudar esa sistematización de dar a compartir, descoñecendo os perxuízos que pode traer consigo.

Temos tamén a posibilidade, como se di na Declaración de comprometernos a difundir e poñer o foco nas infinitas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada que de seguro coñeces.

Pero non abonda. De sobra son coñecidos os haters ou odiadores no mundo virtual. Todos os días vemos e sufrimos mensaxes de odio nas nosas redes sociais e grupos de Whatsapp e Telegram por exemplo. Combater e contestar con indignación este tipo de mensaxes de odio desgasta e moitas veces é contraproducente e so serve para fortalecer aos agresores e darlles difusión. Por moito que te empeñes nunca chegaremos a odiar como eles.

Como norma xeral recomendámoste ignoralos e non alimentar algoritmos deseñados a conciencia para multiplicar o odio. Pero se precisas contestar e facerlles fronte, animámoste a que fagas uso da margarida ante cada indicio de discurso ou mensaxe de odio que detectes. Nada máis. So a margarida. Non perdas o tempo en escribir ningún texto, comentario, audio, imaxe, meme ou semellante.

Poñamos todas e todos unha margarida en representación desa gran maioría da sociedade que coma ti convive, respecta, empatiza e coida, e silenciemos ao odio. Porque “somos máis, ti es e nos somos da maioría que respecta”.

Materiais a descargar

Podes descargar todo o material para avogar polo respecto e facer fronte ao odio, compartindo en redes sociais e nos sistemas de mensaxería instantánea (WhastApp, Telegram…)

 

 

Compartir nas redes

Leave A Comment