Máis de 160 organizacións sociais, empresariais, educativas, colexios profesionais e sindicatos claman polo respecto fronte ao odio e a aporofobia

Unha margarida é o símbolo elixido para confrontar os discursos de odio e aporofobia a favor do respecto e a tolerancia.
O acto, enmarcado no Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio reuníu a decenas de organizacións de todos os eidos, en representación das 161 que xa asinaron a Declaración
Baixo o lema “Somos máis. Somos da maioría que respecta” a Declaración dende mañá amplía o marco a nivel nacional.

O 17 de xuño, un día antes do Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio tivo lugar o Acto de Presentación da Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia” no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.

Unha xornada que acolleu a decenas de organizacións de todos os eidos que levan asumido e asinado a Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia”, unha pequena representación dos 161 asinantes entre os que se atopan entidades sociais, colexios profesionais, universidades, sindicatos, organizacións empresariais, organizacións culturais, entre outros. Tamén contou coa presenza de grupos parlamentarios, da Xunta de Galicia e a Valedora do Pobo.

Na apertura da xornada Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia, lembrou que esta Declaración “foi pioneira en todo o Estado e que nos permitiu e nos permite ás entidades sociais galegas reforzar as nosas mensaxes contra calquera discurso de discriminación ou odio”. Pola súa parte, Mª Dolores Fernández, Valedora do Pobo advertiu dos riscos dos sesgos da intelixencia artificial que poden contribuír a perpetuar os discursos de odio e a discriminación.

Unha Declaración que se estende ao territorio nacional

A Declaración «Tolerancia e respecto. Fronte o discurso do odio e a aporofobia», lanzada hai un ano, xa conta con 161 organizacións galegas de diversa índole que o respaldan. O texto reafirma o compromiso que adquiren as asinantes co respecto mutuo, a tolerancia, a igualdade de dereitos e a non discriminación, tamén en difundir e as experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada. Pero tamén, requírese aos poderes públicos responsabilidade de garantir as medidas para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto.

O documento susténtase nos principios da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020, no que deixa claro que:

  • As persoas non son culpables da súa pobreza.
  • Ninguén é culpable do seu sufrimento.
  • Ningunha persoa é inútil.

As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas.

Coa mirada posta na perigosa deriva que está a tomar o panorama mundial, no que a dereitos humanos e garantías sociais se refire, é preciso seguir avanzando e abrindo camiños cara a inclusión das persoas en desigualdade de condicións para conseguir unha vida digna. Porén, dende hoxe amplíase o marco a todo o territorio nacional, animando as organizacións de todos os eidos e a cidadanía de todo o Estado a asumir esta Declaración.

 

Unha margarida polas vítimas de delitos de odio: “Somos máis. Somos da maioría que respecta”

Na presentación do acto Ana Pardo explicaba o simbolismo da margarida como imaxe a prol do respecto fronte o odio e a aporofobia. “As margaridas son flores que medran en abundancia e podemos atopalas facilmente na nosa vida cotiá. Ás veces pasan desapercibidas, pero xuntas enchen prados enteiros”, comezaba facendo unha analoxía coa maioría da sociedade que non exerce o odio.

“Somos máis. Somos da maioría que respecta. Na nosa convivencia diaria e nas nosas redes sociais. Pero tamén non votando a partidos que fomentan a violencia o odio ou a xenofobia e que en Galicia non teñen ningún tipo de presenza institucional. Traballando para que a aporofobia sexa xa considerada un agravante no Código Penal” continuaba interpelando á responsabilidade individual e social.

En Galicia rexistráronse no 2025, 118 vítimas de delitos e incidentes de odio, segundo o Informe sobre a evolución de los delitos e incidentes de odio España 2025 do Ministerio de Interior. Por cada unha delas e as que non están rexistradas, cada asistente colocou unha margarida en lembranza e homenaxe.

Neste sentido animouse a toda a cidadanía a compartir a imaxe dunha margarida en calquera situación na que se observe algún indicio de odio ou aporofobia. Enviándoa por redes sociais ou calquera outro medio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Vídeo completo do Acto
Compartir nas redes

Leave A Comment