As empresas xa poden marcar no Imposto de Sociedades a casiña ‘Empresa Solidaria’
— 17 Xullo, 2019
385
O Terceiro Sector lanza a campaña ‘Empresas solidarias, empresas eXtraordinarias’ para que marquen a casiña de Fins Sociais no Imposto de Sociedades
Esta iniciativa é totalmente voluntaria e non supón ningún custo adicional para as empresas
Dende o 1 de xullo as empresas que tributan polo Imposto de Sociedades poden destinar o 0,7% da cota íntegra que declaran a financiar proxectos sociais, segundo a Lei de Presupostos Xerais do Estado de 2018.
Esta nova medida é totalmente voluntaria e non supón ningún custo adicional para as empresas. Marcando a casiña 00073 do modelo 200 ou a 069 do modelo 220 do Imposto de Sociedades as empresas poderán contribuír a lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.
Para dar a coñecer esta iniciativa, as plataformas e redes de ONG do Terceiro Sector como EAPN Galicia únense á campaña ‘Empresas solidarias, empresas eXtraordinarias’ dirixida a informar e sensibilizar ás empresas para que marquen a casiña “empresa solidaria” adicada a fins sociais ao tributar polo Imposto de Sociedades.
Esta campaña anima ás empresas a poñer en práctica a súa Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e a contribuír á execución dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030. Deste modo, as ‘empresas eXtraordinarias’ fundamentarán as súas accións en principios que teñen que ver co cambio do seu entorno, a mellora da calidade de vida das persoas, a loita contra a pobreza e as políticas sostibles.
A campaña ‘empresas solidarias, empresas eXtraordinarias’ dirixida a informar e sensibilizar ás empresas para que marquen a casiña ‘empresa solidaria’ adicada a fins sociais ao tributar polo Imposto de Sociedades, é coordinada pola Plataforma de ONG de Acción Social xunto coa Plataforma do Terceiro Sector, e conta co apoio da Plataforma do Voluntariado de España, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), a Plataforma de Infancia e a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento-España.
Pódese ver un vídeo explicativo da campaña neste enlace ‘Empresas solidarias, empresas eXtraordinarias’
E, para saber máis toda a información en: https://www.plataformaong.org/x-empresa-solidaria.php
Fai un comentario