EspazoCoop e EAPN Galicia asinan un convenio de colaboración polo cooperativismo e a inclusión social
O acordo formaliza a alianza entre ambas as dúas entidades para combater a pobreza e a exclusión a través da economía social, o asesoramento ao emprendemento e o acceso a unha vivenda digna.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop e a Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social en Galicia (EAPN Galicia) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de sumar esforzos na loita contra a pobreza e a exclusión social. O acordo formaliza unha alianza estratéxica entre dúas organizacións que comparten valores, arraigo territorial e a firme convicción de que o modelo da economía social constitúe unha alternativa real e eficaz para xerar oportunidades e facilitar a inserción laboral dos colectivos en situación de vulnerabilidade.
A través desta sinatura, EspazoCoop asume o compromiso de achegar de xeito directo a súa experiencia en materia informativa, formativa e de asesoramento técnico ás persoas e entidades integradas na rede de EAPN Galicia. Esta colaboración prestará unha atención preferente a aqueles perfís que atopan maiores barreiras para incorporarse ao mercado de traballo convencional.
Orientación laboral, formación e acceso á vivenda
O marco de actuación conxunta estrutúrase en varios eixos fundamentais. Por unha banda, EspazoCoop facilitará ferramentas de orientación enfocadas ao emprendemento baixo a fórmula cooperativa e impartirá charlas de divulgación sobre os principios da economía social. Por outra banda, o convenio pon un foco especial no eido residencial, recollendo accións específicas de información sobre os modelos de cooperativas de vivenda, entendidas como unha vía viable e solidaria para garantir o dereito a un fogar digno e accesible.

As presidentas de ambas entidades asinando o convenio
Pola súa banda, EAPN Galicia comprométese a incorporar e visibilizar de forma activa o cooperativismo dentro das súas liñas habituais de orientación, acompañamento e asesoramento. Así mesmo, a rede de loita contra a pobreza pasará a ter a EspazoCoop como a súa entidade de referencia técnica para calquera asunto vinculado ao ámbito cooperativo, promovendo que as súas organizacións membro acudan a esta unión de cooperativas para resolver as súas necesidades e consultas neste campo.
“Este convenio supón un paso estratéxico de gran relevancia para seguir tendendo pontes estables entre o movemento cooperativo e o terceiro sector de acción social. Con frecuencia son dous ámbitos que camiñan en paralelo, pero que compartimos o máis importante: unha clara vocación de servizo á comunidade, o empeño por crear emprego sostible e de calidade, e o desenvolvemento de proxectos profundamente enraizados no noso territorio. Unir forzas con EAPN Galicia permítenos pór o modelo cooperativo ao servizo de quen máis o necesita“, sinalaron desde a dirección de EspazoCoop.
Dende EAPN Galicia lembran que “con este convenio damos un marco legal ao que levamos tempo traballando. Somos dúas organizacións que formamos parte da economía social e que entendemos de xeito conxunto, cunha mirada colaborativa que aunando esforzos podemos mellorar a calidade de vida das persoas máis vulneables”.
Con este recoñecemento mutuo, ábrense as portas ao deseño de futuras actividades compartidas, así como ao fortalecemento dun mercado social máis cohesionado, interconectado e comprometido en Galicia. Ambas as dúas organizacións celebraron a formalización dun acordo que agardan sexa o inicio dunha traxectoria de colaboración sólida, duradeira e, por riba de todo, transformadora para a vida das persoas destinatarias dos seus programas.
Podes acceder ao vídeo da sinatura nas nosas redes sociais premendo aquí:




