Marca o X Solidario na túa declaración da renda: non agardes a que o bo chegue, #FaiQuePase

0 159
Comparte!
Con actos en Santiago, Vigo, Verín, Lugo, Ferrol, A Estrada, Silleda, Val do Dubra, Ribeira ou Muros, as entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X solidario no recadro 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na súa declaración da renda.
Na campaña do 2024, 793.484 contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (18.089 máis que no ano anterior), recadándose 26.520.069 de euros, (2.490.581 euros máis que o ano anterior).
162 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 149.477 persoas.

Acto X Solidario Santiago

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia -Rede Galega contra a Pobreza, CERMI Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da Declaración da Renda para tentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario.

A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias elaboraron unha X xigante e fixeron un novo chamamento para que o financiamento que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as organizacións poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas. A iniciativa, que tamén coincide co Día Mundial do Autismo e o seu lema ”Somos infinitos”, contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia e o Instituto Europeo Campus Stellae.

Acto X Solidario Vigo

En Vigo, o acto tivo lugar á mesma hora diante do Museo MARCO no que entidades viguesas e da contorna como Abertal, Accem, Arela, COGAMI, DOA Saúde Mental, ECCA Social, Fundación Érguete-Integración, Fundación Emaús, Fundación Esplai, Fundación Juan Soñador, Provivienda, Saúde Mental FEAFES Galicia e Secretariado Xitano animaron animaron a marcar o recadro 106. Ao acto de Lugo sumáronse entidades como COGAMI, Down Galicia, FEAFES, Juan Soñador, IGAXES, Fundación Secretariado Xitano, ALUCEM, ALCER Lugo, Cruz Vermella, San Vicente de Paul e o Colexio de Educación Especial Santa María. A estes actos sumáronse outros semellantes en localidades como Verín, Ferrol, A Estrada, Silleda, Muros, Val do Dubra ou Ribeira.

Acto X Solidario Santiago

Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes cos cancelos #FaiQuePase e #HazQuePase.

A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia, Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e o tesoureiro de EAPN Galicia, Miguel Rodríguez.

En palabras de Ramón Sestayo: “o escenario mundial que se presenta non parece esperanzador, e en tempos de crise, as persoas en risco de pobreza soen ser as máis afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica, motivo polo que pedímoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos mais vulnerables.”

Ines Salteiro recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuir a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.

Finalmente, Miguel Rodríguez, de EAPN, reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, “simplificación burocrática, unha única convocatoria e a súa publicación nos primeiros meses do ano.

Un recadro que cada ano suma máis seguidores

Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia 26.520.069 €, grazas a que 793.484 contribuíntes (o 53,63% do total ) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106, aínda queda traballo por facer.

Da totalidade dos contribuíntes, 686.173 seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes.

Unha recadación que contribúe a unha transformación social

Acto X Solidario Verín

Grazas ao X Solidario, no 2024 162 organizacións de acción social de toda Galicia, 9 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 733 proxectos que beneficiaron a mais de 400.000 persoas, das que case 149.477 foron beneficiarias directas.

Os fondos colectados do pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable a través de numerosos proxectos que poñen o foco na inclusión socio laboral, o fomento da autonomía persoal, o envellecemento activo e a prevención de dependencia, a participación activa na vida política e pública, a atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros.

Ademais, moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcar o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, non custa nada. Nin se paga máis nin se devolve de menos e como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Mais info: www.xsolidaria.org

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies