Arranca en Galicia o proxecto “Detección e mobilización das persoas elixibles para o Ingreso Mínimo Vital en situación de Non take-up”.
O obxectivo é identificar as barreiras polas que as persoas que teñen dereito ao Ingreso Mínimo Vital non o están obtendo.
No 2023 o Grupo de Inclusión de EAPN Galicia traballará nas propostas para a nova Lei de Inclusión de Galicia.
EAPN Galicia comeza co desenvolvemento do proxecto “Detección e mobilización das persoas elixibles para o Ingreso Mínimo Vital en situación de Non Take-up”, que ten unha duración dun ano e supón a incorporación dun equipo técnico formado por tres persoas: unha coordinadora e dúas técnicas.
O proceso de intervención estará centrado en asesorar e acompañar a persoas na tramitación do Ingreso Mínimo Vital, a través de accións de información e apoio no proceso de solicitude. En total, prevese que participen no proxecto máis de 600 persoas elixibles para o Ingreso Mínimo Vital en Galicia que non o están percibindo, e aumentar así a cobertura da prestación, que aínda non acadou os obxectivos desexados coa súa posta en marcha.
Enténdese por persoas en situación de Non Take-Up (NTU) a aquelas persoas que non acceden a unha prestación para a que compren requisitos, por diferentes razóns.
Identifícanse dous niveis:
- NTU primario: descoñecemento da norma e non realización da solicitude.
- NTU secundario: desistencia no proceso de tramite pola súa dificultade o falta de proximidade da administración, así como rexeitamentos administrativos da solicitude por razón de tempo ou forma.
Os equipos territoriais deste proxecto están implementando un proceso de investigación e intervención en zonas de alta incidencia de pobreza severa distribuídos por todo o país. Mediante a recollida de datos e a súa análise de xeito comparativo, elaborarase un informe que contribuirá a coñecer de mellor maneira as causas do Non Take-Up (NTU). Este informe conterá ademais recomendacións que permitan deseñar procesos de mellor cobertura do Ingreso Mínimo Vital.
A última fase centrarase en analizar o alcance e o impacto desta metodoloxía intensiva coa fin de coñecer se é susceptible de ser recomendable e replicable. Ademais, realizarase en todos os puntos identificados unha campaña de comunicación localizada para dar a coñecer o IMV e facilitar a información sobre a súa tramitación e convidar á súa solicitude ás persoas que o necesitan.
Presentación online do proxecto ás Entidades Membro de EAPN Galicia
Modificación da Lei de Inclusión de Galicia
Por outra banda, en Galicia chega nun momento idóneo para xerar sinerxías entre este proxecto específico e o Grupo de Inclusión da Rede, que no próximo 2023 se reactivará para participar na elaboración de propostas de cara a nova Lei de Inclusión, continuar co seguimento e analise da implantación do Ingreso Mínimo Vital e a súa compatibilidade coa RISGA, así como coa defensa da continuidade da prestación da Tarxeta Básica neste contexto de empobrecemento motivado pola inflación e a suba de prezos de enerxia e combustibles e o seu impacto nos bens de primeira necesidade.
Con esta iniciativa, EAPN Galicia, ao igual que o resto das redes territoriais e estatal, continua co seu compromiso de traballo para que o Ingreso Mínimo Vital chegue de maneira áxil ás persoas que o necesitan, sabendo que dispoñer dun ingreso digno é un dereito fundamental para a vida e é un requisito para que as persoas poidan participar e contribuír á sociedade na que viven.