“Sen empatía, nin a participación política nin a gobernanza son posibles” .Unha das conclusións que dende Galicia se presentaron no XII Encontro de Participación, Gobernanza e Dereitos, nas Palmas de Gran Canaria, e que contou con presenza de máis de 140 persoas de todo o país.
A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español (EAPN España), coa colaboración de EAPN Canarias, celebrou desta vez nas Palmas de Gran Canaria, o XII Encontro de Participación, Gobernanza e Dereitos, os días 12, 13 e 14 de setembro.

Neste encontro participaron máis de 140 persoas de todo o país, posibilitando que todas elas fixesen contribucións e propostas para reivindicar cambios sociais e políticos que melloren o seu benestar social e calidade de vida.
EAPN leva unha longa traxectoria na celebración de Encontros, Seminarios e Congresos de Participación, tanto a nivel europeo como estatal e autonómico, co obxectivo de que as persoas en situación ou risco de exclusión social sexan as protagonistas daquilo que lles afecta e a posibilidade de fortalecer a súa presenza na esfera pública.
O Seminario centrouse nos diferentes canles de participación existentes: social, comunitaria, e política, para identificar qué indicacións ou recomendacións débense seguir por parte das entidades, a administración e a comunidade para favorecer a participación a todos os niveis das persoas en situación de pobreza ou exclusión.
Traballáronse conceptos coma “Gobernanza” e “Bo Goberno” e tratouse de analizar, mellorar e ampliar as posibilidades de participación para que a cidadanía poda levar a cabo o exercicio pleno dos seus dereitos.

Dende Galicia, realizouse un proceso previo de identificar e valorar propostas para impulsar no Seminario. Cos resultados dunha consulta on line, levouse a cabo un taller na sede de Emaús en Vigo, para identificar e priorizar entre todas as propostas que as persoas participantes realizaron en diferentes encontros tanto a nivel estatal como autonómico.

Ademáis dos talleres, a portavoz da delegación galega, Basilisa Gabarri foi a encargada de transmitir en nome das súas compañeiras , as propostas consideradas máis urxentes, especialmente as que teñen que ver con alcanzar unha gobernanza de calidade, coma por exemplo:
“A vivenda é o primeiro!, Débense ofrecer como aluguer social as vivendas de bancos e do sector privado que estean desocupadas. Queremos que estas vivendas sexan 100% accesibles ás condicións de cada persoa”
“Consellos Populares de participación cidadá, a nivel municipal, organizados directamente por EAPN, para desa forma asegurar a participación real da cidadanía”.
“Non é burocracia, é violencia administrativa”. Isto supón unha verdadeira barreira para os nosos dereitos. Transformemos a linguaxe administrativa e xudicial para que calquera persoa poida entendelo“.
“Acabemos cos prexuizos! Estamos fartas de que en moitos traballos se nos discrimine por etnia, idade , ou sexo, e por unha falta de sensibilización e empatía, cargada de prexuízos”.
“E que pasa coas rendas mínimas? As persoas perceptoras, estamos moi cansas de ter que volver continuamente ao momento de partida, entrar en bucle e non poder saír desa situación por culpa de requisitos que non paran de dificultar o acceso ás prestacións”.
“A educación é a base dos nosos valores coma sociedade. Por iso demandamos que esta sexa realmente pública, gratuita, de calidade e inclusiva”.
“Posicionémonos en contra da cultura da violencia de xénero, empezando, por exemplo, con sentenzas máis xustas que conciencien realmente á cidadanía, e reparto equitativo de coidados e roles”.
Varias destas propostas, foron admitidas no documento final do Seminario, entre algunhas outras
suxerencias de mellora da participación, coma por exemplo, “facilitar o traballo dos colectivos veciñais”, “fomentar as actividades de lecer para xerar un sentimento de barrio”, ou “promover o paso dunha democracia representativa a unha democracia participativa”.

Impulsando a participación da muller xitana