Se tes entre 16 e 35 anos participa no cuestionario e demostra que o único ’cristal’ que hai na vosa xeración é o teito que vos poñen enriba

Lanzamos un breve cuestionario para achegarnos á vosa realidade.
Case o 63 % da mocidade non está emancipada, e dos mozos que viven cos seus proxenitores, case o 77% de entre 25 e 34 anos traballan.
A taxa de risco de pobreza da mocidade entre 16 e 24 anos é de 19,16%.

 

Os mozos e mozas galegas con idades comprendidas entre 16 e 24 anos ocupan o segundo posto na taxa de risco pobreza, un 19, 16%, só por debaixo dos menores de 15 anos (pobreza infantil, cun 21,77%), segundo recentes datos da Enquisa estrutural a fogares do IGE. A esta situación súmanse os continuos ataques baseados en prexuízos infundados que afectan á mocidade.

“A única lei que coñecen é a do mínimo esforzo”, “teñen a pel moi fina”, “non teñen ningún sentido do compromiso”, “queren dereitos pero non deberes”, “todo lles dá igual, viven desconectados da realidade” ou “cansan rápido de todo”, son algunhas das consignas máis frecuentes para definirvos aos mozos e mozas. Pero, que hai detrás desta visión? Queremos aterrar algúns datos da situación actual que lles toca vivir á mocidade de hoxe en día.

Dalgúns indicadores como a situación da vivenda ou o emprego, somos coñecedores. Tamén da taxa de pobreza, como advertimos antes, das máis altas dos grupos de idade. Pero vós albergades moitísimo máis. Queremos achegarnos á vosa realidade máis próxima. Coñecer as vosas inquietudes e as vosas demandas. Queremos incidir no voso futuro, tentar evitar o empobrecemento que estades a padecer, recollendo información para facer unha análise concienciuda e co rigor que nos caracteriza. Neste sentido tamén dende EAPN queremos dedicar o Día da Xustiza Social —20 de febreiro— á mocidade. Axúdanos a facelo posible. Cóntanos a túa experiencia nun breve e simple cuestionario que facilitamos a continuación.

 

As etiquetas tórnanse nun arma de dobre fío cando se converten en prexuízos e discriminación. Fieis aliados dos discursos de odio que tan á lixeira, e de xeito política e económicamente interesado, circulan ao noso redor. A realidade, na que moi poucas veces caemos, é que os prexuízos non son alleos. Ninguén vulnerable está libre de ser diana deles.

Os estereotipos cargados na súa meirande parte de discriminacións negativas, facilitan enfrontamentos entre grupos. Deshumanizan escudándose detrás dunha etiqueta para xustificar calquera ataque. Se afondamos vemos que detrás desas etiquetas hai persoas con situacións coas que posiblemente nos identifiquemos. Hai máis factores e circunstancias que nos achegan das que nos afastan.

“As persoas non son culpables da súa pobreza, “ninguén é culpable do seu sufrimento”, “ningunha persoa é inútil”. Estas consignas rescatadas da  Declaración Institucional del Parlamento de Galicia e incorporadas na nosa Declaración «Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso de odio e a aporofobia» deben ser o leitmotiv do conxunto da sociedade.

Dende EAPN Galicia durante este ano queremos tratar de desmontar mitos, prexuízos e estigmas que contribúen todos os días á vulneración dos dereitos máis básicos, afectando principalmente ás persoas en risco de exclusión.

A emancipación, un privilexio ao alcance de moi poucos

Volvendo o tema que nos ocupa, a mocidade. Cal é o escenario que toca vivir? A emancipación é un dos fitos que todos nós desexamos dende que somos adolescentes.

Deixar de vivir baixo o mesmo teito que a familia incide directamente no crecemento e madurez persoal, por tanto nunha maior autonomía e desenvolvemento social. Na actualidade este ‘luxo’ só se o poden permitir algúns privilexiados. Segundo os últimos datos da Enquisa estrutural a fogares do IGE, case o 63 % da mocidade vive no domicilio familiar. Significa que 261.322 mozos e mozas entre 18 a 34 anos aínda non puideron emanciparse.

Lonxe das crenzas máis comúns, esta situación non é debido a que “non queren traballar”. Os datos falan. Dos mozos e mozas que viven cos seus pais entre 25 e 34 anos, case o 77 % teñen ingresos procedentes do traballo. A quen non lle frustraría ter un emprego e ingresos pero non ter a posibilidade de desenvolver un proxecto de vida no seu propio fogar?

No marco estatal, a situación non mellora. Actualmente unha persoa moza asalariada tería que destinar o 92,3% do seu salario ao pago íntegro do alugueiro. Se o ampliamos a un fogar, o esforzo económico requirido sitúase no 46,8 %, moi por riba do limiar do 30 % que marcan as recomendacións internacionais. Estes datos son rescatados do Informe Estatal do Observatorio de Emancipación elaborado polo Consejo de la Juventud de España.

A outra cara do emprego

“Non queren traballar, só buscan comodidades” é outra das premisas xeralizadas que anteriormente desmontamos, e que se confronta co dato da taxa de emprego xuvenil en España, que se sitúa nun 42,9 % segundo revela o mencionado estudo.

O problema segue a ser a precariedade nos traballos. O 12,6 % das persoas mozas ocupadas atopábanse a finais de 2024, desempeñando empregos cunha carga horaria inferior á que desexarían. A sobrecualificación —traballar en empregos que requiren dunha formación inferior á que se posúe— é outro do fenómenos que conducen á precarización e que afectan ao 36,2 %. A este datos súmase a temporalidade nos traballos, no segundo semestre do 2024, o 44,3% dos mozos e mozas levaban menos dun ano traballando na mesma empresa. Un dato significativo que se complementa co tempo medio de permanencia no emprego, menos de dous anos, 21,3 meses exactamente.

Axúdanos a derribar prexuízos no Día da Xustiza Social

Esta é só unha pequena radiografía do panorama actual que se vive. Unha análise dos piares estruturais fundamentais para desenvolver un proxecto de vida, como vimos, non moi alentadores. Pero só é a punta do iceberg. Moitos factores ten que haber detrás para que un 35% da mocidade galega sufra soidade non desexada, segundo o Barómetro da Soidade non desexada 2024 en Galicia. Un dato que posiblemente descoloque ao chocar co imaxinario colectivo da percepción que existe da mocidade de hoxe en día

Precisamos da vosa colaboración para arroxar un pouco de luz sobre a situación que vos tocou vivir, o voso sentir e denuncialo no Día da Xustiza Social. Contádenos con que dificultades vos atopades día a día, como afectan estes estereotipos á vosa vida diaria e propostas para afrontalos. Somos todo oídos.

Bota unha ollada ás publicacións polo Día da Xustiza Social con algunhas das respostas nas nosas Redes Sociais.

Instagram | Facebook | Linkedin | X | Bluesky.

Compartir nas redes

Leave A Comment