Traballar ou comer?: Reclamando dereitos fundamentais para todas
— 25 Setembro, 2017
481
De camiño para o III Congreso Estatal de Participación de persoas en risco de pobreza ou exclusión, neste seminario de formación organizado polo grupo de participación de EAPN Galicia debatéronse e fixéronse propostas para a mellora no cumprimento dos dereitos fundamentais
O pasado 21 de setembro en Pontevedra o grupo de participación de EAPN-Galicia organizou xunto a Boa Vida Inclusión Activa un obradoiro de formación sobre a Carta Europea de Dereitos Fundamentais organizado. Entre as asistentes figuraban as persoas que dende o 28 ata 0 30 de setembro participarán en Bilbao no III Congreso Estatal de Participación organizado por EAPN Euskadi e EAPN España.
Nesta xornada ofreceuse unha formación para reflexionar acerca da vulneración daqueles dereitos que día a día sofren as persoas en situación ou risco de pobreza e exclusión social.
Ao longo do debate xurdiron diversas ideas e propostas acerca da Liberdade e sobre como todos os títulos da carta están interrelacionados. En especial cando falamos do Dereito á Dignidade (Título I), sen o cal non ten sentido falar do resto de dereitos.
Faise necesario seguir loitando contra a falta de empatía e tolerancia, os discursos do odio e especialmente a chamada aporofobia (odio ás persoas en pobreza), en nome da cal se a persoa en situación de vulnerabilidade se atopa desprotexida en diferentes ámbitos (social, familiar, institucional,…).
O seguinte paso na xornada, foi avanzar cara a propostas e esixencias inclusivas que permitan superar este tipo de escenarios. Destacamos as seguintes que obtiveron un maior consenso:
- Prestacións máis flexibles que, de camiño a un sistema de rendas mínimas homoxéneo, garantan un nivel de vida digno para as persoas e familias en situación de maior vulnerabilidade.
- Superar a “teoloxía do traballo” que actualmente non supón unha redución real da crecente desigualdade dada a precariedade dos postos aos que acceden as persoas en risco ou situación de exclusión. En palabras dunha das persoas participantes: “Moitas veces teño que escoller entre traballar ou comer”.
- As Administracións Públicas deben actuar como referente e precursoras da loita contra os prexuízos, por exemplo contratando a persoas para desempeñar postos ou profesións nas que o seu colectivo non ten representación.
- Homoxeneidade dos Servizos Sociais das diferentes Comunidades Autónomas. Elaboración dunha Lei Marco que garanta uns mínimos eliminando as grandes desigualdades entre territorios.
- Loita efectiva contra a economía somerxida e o fraude fiscal para favorecer a integración das persoas máis afectadas e desprotexidas ante prácticas abusivas no eido laboral.
- Fomentar accións inclusivas, na e para a cidadanía, que permitan frear o avance do discurso do odio, a intolerancia e a culpabilización da persoa pobre. Elementos como a Tarxeta Social non fan máis que promover a estigmatización do colectivo. Eliminación de prexuízos e formación en dereitos básicos para unha sociedade participativa e con conciencia colectiva.
- Revisión e modificación da lexislación de estranxeiría e asilo actualmente ineficaces. Son “xente sen nome nin estatística” que ven vulnerada a súa liberdade e dignidade.
As persoas asistentes denunciaron o “divide e vencerás”, a distinción é fomento da pelexa entre persoas ou coletivos: “Unha lei non se mete de xeito directo nas conciencias individuais, pero o certo é que a propia lexislación fai distincións entre un tipo de cidadán e outro, e así non acadaremos nunca uns Dereitos Fundamentais reais para todas as persoas, sen excepción”.
Máterial do Obradoiro:
Fai un comentario