As 125 ONG integradas en EAPN Galicia chaman a votar o 25M para que non se desmantele o modelo social europeo

0 106

Las 125 ONG integradas en EAPN-GALICIA llaman a votar el 25 M para que no se desmanteleA Rede quere que se asegure que os cartos procedentes dos Fondos Europeos se invisten na loita contra a pobreza e a desigualdade tal e como se recolle na normativa da Unión Europea. Serían máis de 62.600.000 euros.

EAPN-Galicia e as 125 entidades que a integran presentaron esta mañá a campaña “Elección de lideres para unha Europa Social. Libre de pobreza, exclusión social e desigualdades” que organizan con motivo das eleccións europeas do vindeiro 25 de maio.

Unha iniciativa que se realiza tamén a nivel estatal e europeo e coa que pretenden animar á cidadanía a que exerza o seu dereito a voto. Tal e como lembra o presidente de EAPN-Galicia, David Silva, “o 80% das decisións que nos afectan proceden de Europa así que, se queremos unha Europa que defenda o modelo social, a igualdade, a erradicación da pobreza e a defensa dos nosos dereitos teremos que votar e reivindicar o que queremos”. Neste senso, Silva apunta que “é máis necesario ca nunca situar no centro da axenda política a loita contra a pobreza e a desigualdade porque en Galicia son máis de 653.000 as persoas que viven en risco de pobreza ou exclusión social. Por moito que se fale de ‘recuperación económica’ a cidadanía non percibe síntomas de mellora e aínda vai tardar moito en aprecialos”.

EN TODA EUROPA ESIXIMOS UN MESMO DECÁLOGO

Para iso, dende EAPN-Galicia xunto a outras organizacións de toda Europa propóñenlles aos candidatos dos diferentes partidos políticos un decálogo de medidas no que se asegure a loita polos dereitos sociais e na que a loita contra a pobreza, a exclusión social, a desigualdade e a discriminación se sitúe no centro da axenda política.

Que estableza mecanismos de control para comprobar se realmente se executan políticas transversais e directas para a redución da pobreza.

Directivas sobre rendas mínimas, prestacións por fillo/a menor de idade, imposición as transaccións financeiras, pobreza enerxética ou de prohibición do lucro na prestación de servizos sociais.

Unha audiencia anual de persoas en situación de pobreza e exclusión social no Parlamento Europeo.

EN GALICIA RECLAMAMOS QUE SE CUMPLA A NORMATIVA

Para o presidente de EAPN Galicia a Unión Europea proporciona instrumentos para acadar estes obxectivos. “Para este período 2014-2020 Galicia recibirá de xeito directo 2.101 millóns de euros procedentes dos distintos fondos, aos que haberá que engadir o que reciba a través do estado. Agora tócalle a cada goberno executar as ferramentas necesarias para logralo en materia de loita contra a pobreza e a exclusión social, algo que non sempre se fai”.

En concreto, dende a entidade reclaman que se cumpra a normativa que establece que do Fondo Social Europeo, o estado español debería destinar un 20% a medidas para a erradicación da pobreza e da exclusión social. No Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER) tamén se establece como prioridade a loita contra a pobreza e a exclusión social. EAPN Galicia reclama que se destine un mínimo do 10% de cada unha das partidas a programas e equipamentos de inclusión social activa e accesibilidade, especialmente no eido rural e primando ao sector non lucrativo e a contratación de persoas en risco de pobreza ou exclusión social .

“Estamos falando de porcentaxes si, pero en cartos, para este período 2014-2020 estamos falando de que como mínimo máis de 241 millóns de euros ‘deben’ e ‘teñen’ que destinarse a reducir as taxas de pobreza, de exclusión, de desigualdade, etc. de xeito eficaz e eficiente”, destacou David Silva.

O presidente de EAPN-Galicia reiterou a idea e a importancia de saber a que se destinan eses cartos: “Repito, estamos falando de que 241 millóns de euros que, a día de hoxe, por falla desa transparencia que a cidadanía está a reclamar, NON sabemos se se van destinar a esta finalidade ou a outras”. Por iso demandan unha transparencia exhaustiva e participación de EAPN-Galicia, como representante das entidades do terceiro sector de acción social, na planificación, coordinación e seguimento dos FFEE.

Silva engadiu que estas reclamacións e outras 72 propostas que teñen van ser trasladadas aos candidatos dos partidos políticos cos que se van reunir nas vindeiras semanas. “As entidades do terceiro sector de acción social imos tentar controlar que ese 20% dos Fondos Social Europeo, dos FEDER e dos FEADER se destinen á loita contra a pobreza e a exclusión social porque cremos que é de xustiza e porque temos a Bruxelas da nosa parte nesta iniciativa”.

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

CAPTCHA Image

(obrigatorio)

CONTACTO

Basquiños, 33
Santiago de Compostela,
15704 A Coruña
Teléfono: 881 95 72 84

Newsletter

Translation


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR