As organizacións de loita de contra a pobreza e a exclusión inciden nas súas reivindicacións ante a crise social polo COVID-19

0 874
Comparte!
EAPN Galicia valora positivamente que a Xunta atenda as súas demandas, adiantando o pago da RISGA, facilitando mascarillas a persoas vulnerables e reducindo requisitos burocráticos.
As entidades sociais están a constatar o agravamento da situación das persoas máis afectadas durante a pasada crise económica: mulleres, mocidade e infancia, especialmente a aquelas con outros factores de exclusión engadidos.
Entre as demandas inmediatas da rede atópase avanzar nas medidas de emerxencia, potenciar a coordinación entre administracións e coas entidades do Terceiro Sector Social, especialmente no eido local, multiplicar o orzamento de vivenda, traballar contra a exclusión residencial e fortalecer a redución drástica da burocracia.

 

A Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia) valora positivamente a decisión do goberno galego de adiantar o pago da RISGA así como subministro de mascarillas a 700.000 persoas en situación de vulnerabilidade. Do mesmo xeito, agradece a flexibilización e redución de requisitos burocráticos nas solicitudes e renovacións da RISGA, igual que o avance no recoñecemento do esforzo e responsabilidade das profesionais das administracións e organizacións de acción social que formamos parte do sistema público de servizos sociais galego.

Estas son algunhas das demandas prantexadas pola EAPN Galicia no proceso de interlocución coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social para transmitir de xeito continuo as necesidades detectadas dende as entidades de acción social galegas. A estas demandas, súmanse outras como facilitar material de protección ao persoal profesional e voluntario, ou favorecer a flexibilidade de adaptación de convocatorias aos gastos extra que a pandemia está a provocar nun crecente número de persoas empobrecidas.

Asegurar a reconstrución tras a emerxencia humanitaria

A pandemia agravou a situación das persoas máis afectadas durante a pasada crise económica que apenas se beneficiaron da recuperación: mulleres, mocidade, nenos e nenas. Pero está a afectar especialmente a aquelas con outros factores de exclusión: familias monoparentais (con mulleres soas a cargo de varios fillos), discapacidade, mulleres vítimas de violencia machista (en especial a máis extrema por prostitución ou trata), etnia, persoas maiores -especialmente con algunha dependencia-, persoas migrantes ou refuxiadas e, en xeral, aquelas persoas que malvivían da economía informal ou precariedade laboral e que se quedaron sen ningún tipo de ingreso económico nin posibilidade de pedir axuda a administracións en moitos casos. E con agravantes cando estas persoas viven no eido rural.

E imprescindible que a Xunta de Galicia siga a prantexar axudas de emerxencia para este tipo de situacións mentres non se perciba o impacto das medidas estatais, ben de xeito directo ou a través de concellos e entidades de acción social. Medidas como bolsas comedor, prestacións a vítimas de violencia machista (en especial de prostitución ou trata) ou equipamento informático para reducir brecha dixital no eido educativo, van nesta liña.

A experiencia doutras emerxencias sociais móstranos que a cronificación da pobreza e da exclusión pode evitarse se tras unha primeira fase de atención urxente das necesidades básicas, pásase canto antes a medidas non asistencialistas baseadas na inclusión e na garantía de ingresos, como pode ser a través do emprego digno ou de prestacións sociais efectivas e áxiles. Sempre coas premisas de defensa de dereitos e o respecto á dignidade das persoas.

Demandas inmediatas: Ingreso Mínimo Vital, vivenda, coordinación e burocracia

Ante a avalancha de necesidades nos servizos sociais dos concellos cando remate o confinamento non se poden permitir listas de espera nin bloqueos na atención de emerxencia ás familias. Débense xeneralizar e convertir en norma permanente os exemplos de redución burocrática e a implicación das ONG de acción social con enfoque de dereitos e as súas profesionais en todos os procesos de inclusión social.

E imprescindible a prevista implantación dun Ingreso Mínimo Vital a nivel estatal entendido como un dereito subxectivo, tal e como levan demandando dende hai anos as mais de oito mil ONG integradas na rede EAPN España.

Non obstante, este Ingreso Mínimo só será efectivo se se fai de xeito consensuado coas comunidades autónomas, a Federación Española de Municipios e Provincias e as redes que articulan o Terceiro Sector de Acción Social, asegurando que o ingreso estatal se complementa dende a Xunta de Galicia ata o limiar da pobreza, en especial naquelas familias con nenos, nenas ou persoas dependentes, evitando o perigo de colapso dos servizos sociais comunitarios polo aumento da burocracia.

A Xunta de Galicia debe multiplicar de xeito inmediato os seus escasos orzamentos no eido de exclusión residencial e vivenda, reforzando as medidas previstas dende o goberno central. Esta escasa ambición está a imposibilitar a eficacia do aumento orzamentario e esforzo da Consellería de Política Social.

E preocupante a feble coordinación entre as administracións públicas galegas, nomeadamente entre a Xunta, os concellos, as deputacións e as organizacións de acción social, ou con diferencias notables entre concellos e deputacións. Isto está a provocar redundancias e unha perda notable da eficacia e a calidade da atencións ás persoas mais vulnerables. Débese avanzar na creación inmediata de mesas locais de coordinación da acción social.

Dialogo civil na reconstrución económica.

As entidades de acción social son parte e garantía do sistema público de servizos sociais e están a prestar un servizo esencial en primeira liña contra a pandemia, desenvolvendo un labor de asistencia de urxencia, informativa e preventiva coas persoas máis afectadas pola crise provocada polo coronavirus. A interlocución normalizada coas administracións públicas, en especial no eido estatal e autonómico, debe estar asegurada para garantir tamén que a procura do lucro non volva ser unha clave da loita contra a pobreza e a exclusión social.

Máis información:
https://eapn-galicia.com/coronavirus/

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies