As entidades de acción social reclaman unha Estratexia galega de desinstitucionalización

O Seminario web ‘Desinstitucionalización: Claves para avanzar cara a autonomía persoal’ tivo unha acollida de 172 profesionais do eido académico, a administración pública e do Terceiro Sector de Acción Social.
Nesta xornada presentouse o documento Desinstitucionalización: Aprendizaxes, retos e propostas para un modelo de autonomía persoal das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión, elaborado por entidades expertas e especializadas en todo tipo de poboación vulnerable.

O modelo de apoio e coidados das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión ten sido tradicionalmente familiar, asistencialista e institucional.

Dende a experiencia e aprendizaxe das entidades membro de EAPN Galicia entendemos a institucionalización e a cultura asistencialista como aquela situación ou relación de coidado na que se cumpren determinados criterios que van máis alá do espazo físico no que se desenvolven (residencias, centros, fogares, etc.). Estas dinámicas susténtanse en valores, crenzas e comportamentos que tenden a despersonalizar ás persoas e a illalas socialmente.

Nos últimos anos, estanse a artellar iniciativas para camiñar cara procesos de desinstitucionalización e avanzar así, cara un modelo de autonomía das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión. Un diverso grupo poboacional entre as que se atopan persoas con discapacidade, persoas maiores en situación de dependencia, infancia e mocidade no sistema de protección, persoas sen fogar, con problemas de saúde mental ou privadas de liberdade.

Debullando a ‘desinstitucionalización’

Neste contexto, EAPN Galicia celebrou o 16 de abril o Seminario web Desinstitucionalización: Claves para avanzar cara novos modelos de autonomía persoal. Tivo unha asistencia de 172 profesionais da administración pública e entidades do Terceiro Sector, evidenciando o interese que esperta esta temática e a necesidade de abordala.

Unha radiografía do contexto actual, a presentación do informe -principal impulsor do Seminario-, boas prácticas de entidades sociais e claves para avanzar cara este modelos, foi a proposta do Seminario para aproximarse dende diferentes prismas a desinstitucionalización.

A presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo e o Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, encargados de inaugurar á xornada, concordaban na necesidade de facer prevalecer a autonomía da persoa. En relación ao tránsito a vivendas con apoios na comunidade, ou favorecendo o desenvolvemento dos seus proxectos vitais sinalaban respectivamente.

Punto que ampliou Patricia Blanco, xerente da Federación Autismo Galicia, contemplando o apoio na comunidade, o establecemento de vínculos sinerxías de distintas especialidades como requisito para garantir esa autonomía real da persoa.

Entidades sociais galegas mitigan o gran problema da ausencia dunha Estratexia Galega de Desinstitucionalización con iniciativas punteiras neste eido. Así o amosaron no panel de Boas Prácticas. Inés Mosquera de Dano Cerebral Galicia presentou o programa de Asistencia Persoal (Proxecto Rumbo) para persoas con Dano Cerebral Adquirido , Maica Álvarez de Lenda Saúde Mental co proxecto Pontes de Inclusión puxo o foco nas persoas privadas en liberdade, Alba Lorenzo de Igaxes explicou o Programa Mentor que traballa con menores dende o 2005 e Antonio R. Corbal de CDR O Viso puxo a mirada no rural co programa Biocuidados de COCEDER.

Cara unha Estratexia Galega de Desinstitucionalización

Presentación de Raquel Buján, profesora de Socioloxía da UDC

En Galicia seguimos na procura dunha Estratexia autonómica de Desinstitucionalización, actualmente existente só a nivel nacional. Demanda que respaldou Raquel Buján, profesora de Socioloxía da UDC e refrendou na clausura o vicepresidente de EAPN Galicia, Javier Hermida. Buján lembrou asemade, revisar o modelo actual de colaboracións entre o sector público con empresas privadas con ánimo de lucro no sector dos coidados para ir avanzando cara unha atención centrada na persoa, onde os intereses económicos non ‘sorpasen’ a calidade de vida das persoas. Neste sentido puxo o foco na economía social como solución. En concreto destacou do Terceiro Sector o papel clave nos procesos de desinstitucionalización, como un sector que é unha ampliación do público e comunitario e sinalou que o cambio político cara un modelo de autonomía persoal con enfoque comunitario é un cambio de valores, de como queremos vivir as nosas vidas no futuro.

A día de hoxe estase a inverter en grandes institucións para a súa construción ou rehabilitación, supoñendo un modelo máis caro que o comunitario. Ás administracións públicas sáelles moito máis rendable inverter na persoa que nas institucións, apuntaba Laura Esteban, profesora de Psicoloxía da Universidade de Salamanca e Investigadora de INICO. Á súa vez alertaba do risco de caer na transinsitucionalización, recrear en pequenos modelos as prácticas e dinámicas de institucións grandes. Deste xeito, produciríase un cambio de entorno, pero non un cambio real de modelo.

Para poder prescindir de institucións, e remar cara a autonomía nun fogar propio é preciso abordar a dificultade de acceso a unha vivenda. Esta problemática foi unha constante en todas as intervencións, supoñendo actualmente unha das principais barreiras para levar a cabo procesos de autonomía persoal e desinstitucionalización.

Para que o modelo de desinstitucionalización se implante urxe atallar a dificultade da vivenda, mencionada durante todo o Seminario, supoñendo actualmente unha das principais barreiras para avanzar cara este modelo de autonomía persoal. A vontade política, financiamento sostido e coordinación entre administracións son as outras pezas clave para que sexa unha realidade, sinala Javier Hermida, vicepresidente de EAPN e director de Alzheimer Galicia na clausura da Xornada. Require tamén recoñecer e apoiar o papel clave do Terceiro Sector, que leva anos innovando, acompañando e abrindo camiño. E sobretodo é fundamental escoitar ás persoas, poñelas no centro das decisións, salientaba.

Podes acceder ao Seminario completo aquí:

Informe ‘Desinstitucionalización: Aprendizaxes, retos e propostas para un modelo de autonomía persoas das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión’

Dende as entidades do Terceiro Sector de Acción Social, desenvólvense dende hai anos proxectos para a prevención da institucionalización das persoas e iniciativas para a súa desinstitucionalización dende un enfoque de dereitos, fomentando a autonomía, a progresión e a participación comunitaria. Estes proxectos foron especialmente potenciados polos Fondos Next Generation, e obtívose unha gran riqueza de aprendizaxes e coñecementos. Lamentablemente, moitos destes proxectos non puideron continuar por falta de financiamento.

Deste escenario naceu o documento de posicionamento Desinstitucionalización: Aprendizaxes, retos e propostas para un modelo de autonomía persoal das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión, presentado no Seminario. Un informe elaborado polo Grupo de Desinstitucionalización conformado por profesionais dunha decena de entidades membro. CDR O Viso, CDR Portas Abertas, Federación Autismo Galicia, Igaxes, Dano Cerebral Galicia, COGAMI, APES, Andaina Pro Saúde Mental, Provivienda e Lenda Saúde Mental foron as encargadas de achegar o seu coñecemento sobre o tema, amosando proxectos e metodoloxías de fomento da autonomía persoal.

 

Este documento recolle dez principios comúns e aspectos clave necesarios para desenvolver iniciativas no eido da desinstitucionalización, entre os que se atopan situar á persoa no centro, considerar as persoas como suxeitos activos e aplicar o enfoque comunitario. Así mesmo, para que os procesos de autonomía persoal teñan éxito é preciso o fomento da gobernanza e a participación da persoa e do seu entorno, o traballo en rede de todos os axentes sociais implicados, o compromiso e coordinación das administracións públicas de distintos niveis, unha cobertura territorial equitativa, atender á vulnerabilidade económica e aos perfís con maiores riscos de exclusión, traballar na prevención da institucionalización garantindo que as persoas conten cos apoios suficientes para que non se vexa obrigados a ingresar en institucións e aplicar un enfoque interseccional atendendo a todas as categorías de opresión e identidade da persoa que se interrelacionan entre si.

Asemade constitúese como un manual con 15 propostas para un modelo de autonomía das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión. A primeira é por iso a máis urxente é a elaboración dunha Estratexia galega de desinstitucionalización seguindo a senda da Estrategia estatal para un nuevo modelo de cuidados en la comunidad: Un proceso de desinstitucionalización (2024-2030), dotada de financiamento estable e que conte coa participación das entidades sociais e das persoas potencialmente beneficiarias.

A vivenda é un eixo clave a abordar, porén recóllense varias propostas dirixidas a facilitar o acceso como o fomento dun parque público de vivenda social accesible e adaptada, a promoción de modelos de vivenda inclusiva e accesible con servizos de apoio e a posta en marcha de vivendas de transición para a vida independente.

Dentro das propostas salientan as realacionadas coa facilitación de servizos de apoio comunitarios integrados, accesibles e inclusivos que promovan a participación das persoas e garantir servizos sociosanitarios de proximidade ofrecendo unha cobertura territorial equitativa.

Outra das principais demandas é promocionar e fortalecer a figura da asistencia persoal (AP) con obxecto de facilitar os apoios que precisan as persoas nas súa rutinas diarias logrando que poidan vivir de forma independente e inclusiva.

Este informe amosa as múltiples vantaxes e oportunidades que trae o modelo de desinstitucionalización, á vez que propostas para implantalo. Agora só falta poñelo en práctica. Para iso é imprescindible que dende a Xunta de Galicia, concellos e deputacións tomen nota para incentivar e iniciar modelos innovadores de desinstitucionalización en colaboración coas entidades do Terceiro Sector de Acción Social, que se acaben consolidando e que non queden limitados a proxectos piloto.

Podedes acceder a todo o material do Seminario premendo nos seguintes botóns:

 

Boas prácticas en entidades sociais galegas:

 

 

 

 

 

 

Compartir nas redes

Leave A Comment