A exposición itinerante “Emerxencia Vivenda” chega a Santiago de Compostela

0 279
Comparte!
A exposición poderá visitarse desde o 20 de maio ata o 10 de xuño no centro comercial Área Central.
A mostra costa de 14 paneis fotográficos nos que se amosan situacións reais das dificultades de contar cunha vivenda digna, axeitada e accesible.
No marco do acto de presentación, celebrouse unha mesa redonda para falar sobre a problemática de acceso á vivenda en Santiago de Compostela.

 

Representates de Partidos Políticos, entidades membro, IGVS e COAG, no acto de presentación

 

EAPN Galicia, Rede Europea de Loita contra a Pobreza traslada a mostra fotográfica itinerante “Emerxencia Vivenda”, ao centro comercial Área Central, sito no barrio de Fontiñas, en Santiago de Compostela.

Este barrio foi exemplo de facilitar o acceso á vivenda de miles de composteláns e compostelás, supondo o proxecto de maior vivenda pública feito en Santiago de Compostela. Porén representa o obxectivo da exposición, que non é outro que o de continuar a transmitir o clamor da sociedade civil galega sobre a gravidade da situación e emerxencia no acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible.

Acto de presentación

A través da campaña e da exposición #EmerxenciaVivenda, as 151 organizacións da sociedade civil membro de EAPN Galicia pretenden visibilizar a gravidade da situación e reclamar o aumento drástico e urxente dos orzamentos destinados ata agora ao acceso á vivenda na Xunta e na maioría dos concellos galegos e a súa coordinación coas entidades do Terceiro Sector Social.

Nesta liña, o 28 de maio tivo lugar un acto de presentación da exposición, que consistiu nunha mesa de diálogo para abordar a problemática do acceso á vivenda na cidade de Santiago de Compostela e na que participaron o Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, a Secretaria Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez, e a Secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, María Pierres, e estivo moderado polo director de EAPN Galicia, Xosé Cuns.

A exposición consta de 14 paneis nos que figuran fotografías e testemuñas que amosan situacións reais e actuais das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, que foron recollidas e enviadas polas Entidades Membro. Tamén figuran algunhas seleccionadas a partires do concurso de fotografía que lanzou EAPN Galicia, para mostrar a realidade da exclusión residencial en Galicia, dentro da campaña #EmerxenciaVivenda.

Os paneis foron presentadas por representantes dalgunhas entidades que tecen rede en EAPN Galicia, como Fundación Secretariado Xitano, FEGADACE, Provivienda, Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA) e Federación Alzheimer Galicia (FAGAL).

“Apartamento con dúas habitacións”, unha das fotografía do concurso

 

Accede aquí aos paneis da exposición

A mostra fai un percorrido por varias dificultades para acadar unha vivenda digna como son o senfogarismo, o chabolismo, o desafiuzamento, a falta de adaptación estrutural ou o despoboamento do rural. Tamén no parque público de vivenda social, que en Galicia supón do 0,35% das vivendas principais. 3 veces menos que a media estatal do 0,96% e 30 veces menos que no conxunto da Unión Europea (9,3%).

Porén, e aproveitando que se constituíu un novo Parlamento de Galicia tralas eleccións autonómicas de febreiro, a iniciativa é un recordatorio ás forzas políticas do Parlamento Galego da necesidade de demostrar o seu compromiso por unha vivenda digna axeitada e accesible, tanto nos orzamentos da Xunta como nas Deputacións e nos concellos así como a necesidade traballar de xeito conxunto para proporcionar unha resposta real a esta emerxencia.

Mesa de diálogo

Temas como o parque público de vivenda de Santiago de Compostela, a Lei de Vivenda, zonas tensionadas ou a concesión de fondos a barrios vulnerabilizados foron algúns dos temas que se trataron nesta mesa de diálogo .

Mesa de diálogo sobre acceso á vivenda en Santiago de Compostela

 

As institución que participaron no faladoiro coincidiron na idea que de unha administración por si soa non é quen de proporcionar solucións eficaces á problemática do acceso á vivenda e comprometéronse a “non pasarse a pelota” e colaborar de xeito conxunto para resolver a situación de emerxencia de vivenda que se vive no municipio.

 

Cantas vivendas, onde e cando?

Unha das principais demandas de EAPN Galicia é que se triplique o parque público de vivenda durante esta nova lexislatura e chegar ás 22.800 no ano 2030. Un reclamo que xa se trasladou ao novo goberno galego xunto con outras nove demandas e que comeza a ver os seus resultados coa boa nova da creación da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e dos compromisos explícitos do Presidente da Xunta de Galicia nesta materia

Ante a cuestión de cubrir esta demanda, o edil do Concello de Santiago puntualizou que a vivenda pública non debería estar situada unicamente en espazos periféricos do concello. Debería tamén ubicarse no centro ou nos barrios históricos.

Iago Lestegás tamén fixo un chamamento a levar a cabo un uso da vivenda máis eficiente, empregando as baleiras ou as que non están en uso no cando de construír.

Neste sentido, desde o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia mencionaron como alternativa, novas fórmulas de cesión do solo e habitacionais (cooperativas).

Pola súa banda, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, lembrou o compromiso da Xunta de Galicia de duplicar o parque público de vivenda para alugueiro e 20.000 vivendas de protección oficial e anuncia que 1000 desas vivendas xa están en marcha.

O debate tamén estivo centrado en temas como a Lei de Vivenda e a súa viabilidade e tamén das Axudas das áreas de Rehabilitación Integral (ARI).

Podes ver o acto de presentación íntegro na nosa canle de Youtube.

 

 

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies