Na Asemblea de EAPN Galicia – Rede Europea contra a Pobreza, aprobouse por unanimidade o documento “Principios para a aplicación da perspectiva de xénero en EAPN–Galicia e nas súas entidades membro”.
A nova Xunta Directiva pasa a estar formada por Eloina Ingerto (Fundación Juan Soñador), Daniel Bóveda (ACCEM), Saray Durán (Ecos do Sur), Patricia Blanco (Autismo Galicia), Javier Hermida (Alzheimer Galicia) e Ignacio Rodríguez (COGAMI)
Aprobouse a entrada da Asociación Provivienda como membro de pleno dereito.
Coa participación de representantes de 22 das 26 organizacións membro da rede, na Asemblea celebrada o 5 de xuño en Santiago de Compostela aprobouse por unanimidade o documento “Principios para a aplicación da perspectiva de xénero en EAPN Galicia e nas súas entidades membro”
A partir da súa traxectoria e experiencia, as entidades membro da rede corroboran día a día que o feito de ser muller inflúe notablemente entre os elementos que poden incidir na situación de pobreza ou de exclusión dunha persoa, sumándolle a isto en moitas ocasións factores de discriminación interseccional (como a procedencia, etnia, discapacidade, etc.)
Nos estudos sobre as características do Terceiro Sector en clave de xénero, revelan que, a pesar da sensibilidade arraigada en cuestións de xustiza e igualdade, non sempre se enfoca a cuestión do desequilibrio entre os sexos . É por isto que as organizacións seguen dando síntomas de reproducir a desigualdade de xénero.
Este documento elaborado dende o Grupo de Xénero da Rede ten a intención de facer pedagoxía sobre o que implica a perspectiva de xénero e o feminismo así como mellorar o que está a ocorrer nas organizacións do terceiro sector de acción social respecto á igualdade entre mulleres e homes.
Recolle 11 principios de actuación a nivel externo e interno a aplicar tanto en EAPN Galicia como nas súas entidades membro, así como recomendacións de medidas concretas para a implantación de cada un deles e unha relación de boas prácticas e ferramentas de axuda. Asúmese como propio o “Check List para la integración de la perspectiva de género en los documentos” elaborado dende EAPN España.
Documento “Principios para a aplicación da perspectiva de xénero en EAPN Galicia e nas súas entidades membro” – Galego
Documento “Principios para la aplicación de la perspectiva de género en EAPN Galicia y en sus entidades miembro” – Castellano
Renovación da Xunta Directiva de EAPN Galicia
Outro dos puntos clave da asemblea foi a renovación da Xunta Directiva. Tras agradecer o esforzo de posicionar á rede defendendo as causas comúns pola dignidade das persoas aos membros que abandoan o equipo directivo: Antonio Hernández – FEAFES Galicia; Mónica Permuy – Fundación Meniños; Eva Vera – Fundación Secretariado Xitano e Carlos Villar – Ecos Do Sur, a Xunta Directiva de EAPN Galicia queda integrada polas seguintes persoas e entidades:
Provivienda novo membro de EAPN Galicia
Na asemblea aprobouse tamén por unanimidade a entrada como novo membro da Asociación Provivienda. Unha entidade de referencia no ámbito da inclusión residencial que desenvolve actuacións que teñan como obxectivo a mellora da calidade de vida das persoas, promovendo o dereito a unha vivenda digna e adecuada e contribuíndo a conseguir a inclusión residencial das persoas máis vulnerables socialmente.
Por último, aprobáronse as contas do 2018 e ratificouse a axenda da rede, que este ano seguirá realizando diferentes actuacións de incidencia política coa Xunta de Galicia (Estratexia contra pobreza en familias monoparentais, loita contra burocracia extrema, etc) e de comunicación externa.
De xeito inmediato destacan as actuacións de cara ao vindeiro XIII Encontro de Participación Estatal no que Santiago de Compostela se converterá na capital española contra o discurso do odio e a aporofobia, co lanzamento dunha campaña de información e sensibilización a nivel estatal, que poida servir para mobilizar á cidadanía a actuar en contra dos prexuízos, e en especial para aumentar a participación das persoas en situación de pobreza e exclusión social na reclamación dos seus dereitos.