
Organizacións do Terceiro Sector, cooperativas ou banca ética estarán representadas nun mesmo espazo en Compostela para crear sinerxías e multiplicar o seu impacto social.
A nova sede, inaugurada o Día da Xustiza Social, simboliza un modelo de colaboración baseado na inclusión, a solidariedade e a sostibilidade.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento e Fiare Banca Ética celebraron a inauguración cunha visita institucional á súa nova sede compartida en Santiago de Compostela. O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia, como Marta Mariño, Directora Xeral de Economía Social, e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social, ademais de representantes das entidades organizadoras e doutros axentes do sector social e cooperativo galego.
Este novo espazo representa un punto de encontro estratéxico para reforzar a cooperación e o traballo en rede entre organizacións que comparten un obxectivo común: transformar a sociedade a través da inclusión social, a economía solidaria e a xustiza global. A coincidencia desta inauguración co Día da Xustiza Social reforzou o simbolismo dun proxecto que busca crear alianzas para dar resposta aos retos sociais e económicos de Galicia.
Un proxecto que fortalece a cooperación entre entidades sociais e económicas
A nova sede compartida significa unha aposta pola colaboración entre entidades que traballan por un mundo máis xusto e sostible. EspazoCoop, representante de 270 cooperativas galegas, avoga por un modelo empresarial baseado nos valores sociais e na economía solidaria. EAPN Galicia, con 160 organizacións adheridas materializadas por 35 entidades do Terceiro Sector, loita contra a pobreza e a exclusión social. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento agrupa 47 entidades comprometidas coa solidariedade e a cooperación internacional. Pola súa parte, Fiare Banca Ética, con 290 socias entre persoas físicas e xurídicas, promove un sistema financeiro alternativo que pon no centro ás persoas e o ben común.

Arturo Parrado e Marta Mariño na oficina de EAPN Galicia
O proxecto tamén conta co apoio de entidades como Coop57 e REAS Galicia, que desempeñan un papel clave no impulso da economía social e solidaria. Xuntas, estas organizacións traballan para ofrecer solucións innovadoras aos desafíos sociais e fomentar un modelo de desenvolvemento que garanta a igualdade de oportunidades.
Na súa intervención, o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, felicitou ás entidades polo seu traballo diario na loita contra a exclusión social, na defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables e promovendo iniciativas transformadoras. Pola súa parte, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo fincapé en que a nova sede compartida polas catro entidades exemplifica á perfección o valor da cooperación implícito na propia economía social, centrándose na importancia de traballar xuntos, sumar esforzos e construír un futuro máis inclusivo e equitativo.
Un exemplo de colaboración dende o Terceiro Sector e o resto de familias da economía social para unha Galicia máis xusta e sostible
Durante a visita, as entidades reafirmaron o seu compromiso de continuar impulsando políticas e proxectos que garantan o benestar da cidadanía e promovan un tecido social máis resiliente e colaborativo.
O vicepresidente de EAPN Galicia Javier Hermida sinalou que “Nestes últimos anos fixámonos como obxectivo estratéxico pór de relevo o papel das entidades do Terceiro Sector Social galego como parte esencial do sistema de servizos sociais, de emprego e acceso á vivenda, reforzando ao mesmo tempo o noso traballo en rede co resto de familias da economía social. Un sector no que representamos o 20% das entidades e somos o principal creador do emprego, cun 35.5% (datos do informe O impacto socioeconómico dos principios e valores da economía social galega)“.
Ana Olveira Blanco, presidenta de EspazoCoop, destacou que “o cooperativismo galego dá un paso máis cara á consolidación dun modelo empresarial baseado na equidade e a participación, e esta sede compartida é unha oportunidade para ampliar o impacto das cooperativas na sociedade“.
María Paz Gutiérrez, presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, subliñou que “a cooperación internacional e a solidariedade son fundamentais para a transformación social. Este proxecto permítenos fortalecer alianzas entre organizacións que traballamos pola defensa dos dereitos humanos“.
Desde Fiare Banca Ética, Juan Garibi, resaltou que “un sistema financeiro ao servizo da xustiza social precisa espazos onde se constrúan alternativas éticas e sostibles ao modelo económico tradicional“.
A visita institucional concluíu cun chamamento a seguir fortalecendo a cooperación entre entidades sociais, administracións públicas e axentes económicos, co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis inclusiva, sostible e xusta.
Fai un comentario