Na xuntanza tratáronse temas como a urxencia da nova Lei de Inclusión, a simplificación burocrática, a coordinación con outras consellerías como as de Vivenda ou Emprego, e cos concellos.
Entroutras demandas da Rede, destacouse a necesidade de que as entidades sociais conten cun financiamento estable para garantir unha maior calidade de atención.
A Xunta directiva da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social reuniuse coa Conselleira da Política Social e igualdade, Fabiola García, a Secretaria Xeral Técnica, María Francisca Gómez e o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, para abordar as principais demandas contra a pobreza e inclusión social de EAPN Galicia. Coa xuntanza retomouse a interlocución estable e normalidade entre Rede e Consellería.
Un dos principais reclamos é que a Consellería adopte un papel máis ambicioso na nova lexislatura, coa aprobación urxente da nova Lei de Inclusión. Desde o departamento de Política Social, aseguran que esta é unha prioridade máxima nestes catro anos de exercicio, unha vez se logre o traspaso do Ingreso Mínimo Vital (IMV) a Galicia, para o cal xa existe un acordo co Goberno Central. Ademais garantiríase a compatibilidade desta prestación coa Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).
Abordouse tamén a necesidade de impulsar medidas de emerxencia para atención de necesidades básicas ou de apoio a familias monoparentais e loita contra a pobreza infantil.
A conselleira Fabiola García, amosouse partidaria da desburocratización, avanzando de xeito decidido cara o concepto de portelo único.
Novos datos de pobreza e exclusión social
EAPN Galicia non quixo deixar de mencionar que no vindeiro mes de outubro faranse públicos os datos de pobreza e exclusión social en Galicia e que todo apunta a que serán peores que no informe anterior. Insta á Consellería de Política Social a mirar eses datos de fronte e buscar medidas efectivas para revertelos desde a Xunta.
Neste senso outro dos temas tratados foi potenciar a coordinación política e técnica entre as consellerías de Política Social, Vivenda e Emprego mediante procesos integrais de inclusión sociolaboral e socioresidencial e nas convocatorias do 2025. Neste sentido, a Xunta Directiva da Rede fixo entrega á Conselleira do “Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas”.
Decálogo integrado no Manual de boas prácticas
Desde o departamento encabezado por Fabiola García, aseguraron estar a reforzar o compromiso e a aposta na loita contra a emerxencia residencial do presidente da Xunta, asegurando coordinación entre consellerías e con medidas específicas: senfogarismo, erradicación chabolismo e infravivenda no 2030, 100 vivendas transición, etc.
Ademais de que exista un espazo de interlocución cos municipios.
Dende EAPN crese imprescindible fomentar a coordinación e implicación municipal así como os espazos de interlocución e gobernanza con concellos e entidades do Terceiro Sector. As comisións técnicas previstas na Axenda Social de Galicia, formadas por representantes dos axentes implicados son claves: exclusión residencial; emprego e promoción económica inclusivos; pobreza económica e enerxética; dependencia e servizos de atención no fogar; pobreza infantil e atención familiar; e cooperación Administracións Públicas e Entidades de iniciativa social para a inclusión.
Garantía da calidade de atención no Terceiro Sector
Por outra banda, tanto a Conselleira como as representantes de EAPN Galicia coincidiron na importancia de que as entidades sociais do Terceiro Sector deben contar cun financiamento estable e integral como garantía da calidade de atención e do emprego das e dos profesionais das entidades: Lei do Terceiro Sector de Acción Social, pulo do Concerto social e convocatorias integrais plurianuais, recoñecemento das organizacións como entidades mediadoras no acceso a recursos como IMV ou RISGA e na redución do Non Take Up; reforzo Servizos Sociais Comunitarios, etc.
Finalmente, a Xunta Directiva fíxolle entregaá Conselleira do documento detallado da Análise de programas electorais do 18F e o Documento final de conclusións do XV Encontro Galego de Participación “A saúde mental, importa?
Infografía semáforo resultante da análise comparativa dos programas electorais
Fai un comentario