Profesionais e voluntarias de 22 organizacións aprenden e traballan en rede para mellorar a súa comunicación
— 10 Abril, 2017
424
O Grupo de comunicación de EAPN Galicia organizou a segunda edición do Seminario de inclusión dixital e novas tecnoloxías para a acción social
38 persoas de 22 organizacións de acción social participaron o 5 de abril no II Seminario de inclusión dixital e novas tecnoloxías para a acción social, no Centro Demostrador de Tic de Galicia (CDTIC), en Santiago de Compostela.
Esta actividade estaba dirixida a persoal técnico ou voluntario das asociacións membro da rede que desexaran impulsar a área de comunicación aínda que non contasen con coñecementos específicos neste eido.
A xornada comezou cunha breve conferencia sobre a linguaxe inclusiva, na cal se ofreceron pautas para unha comunicación “decente”, presentando aos asistentes o Código de Conduta en Comunicación contra a Pobreza de EAPN Galicia como documento a ter en conta neste senso.
Co fin de plasmar unha mensaxe inclusiva e que a información chegue a todas as persoas, fíxose fincapé na importancia das publicacións en lectura fácil.
Por outra banda, nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, a xestión de redes sociais foi un dos eixes con máis peso durante o curso, profundizando nas páxinas de Facebook e Twitter.
Por último, e para facilitar ferramentas de mellora da operatividade e o fomento da creatividade, realizouse unha breve introdución a algúns programas e aplicacións para a comunicación.
Fai un comentario